O Parlamento urxe ao Goberno central a rehabilitación do convento de San Francisco, a nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

O Parlamento de Galicia aprobou, esta semana, por unanimidade, a iniciativa do Grupo Popular na que se insta ao Goberno central a axilizar a rehabilitación do convento de San Francisco para que acolla a nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

O deputado García Comesaña lamentou “as numerosas dilacións” nos traballos e que, tal e como indicou, cada atraso na posta en funcionamento da nova sede supón prolongar unha situación que limita a adecuada custodia da memoria documental da provincia e dificulta, tamén, o acceso á cidadanía, investigadores e administracións aos fondos esenciais para a preservación da nosa historia.

O Arquivo Histórico Provincial custodia arredor de once quilómetros de documentación histórica e administrativa. “Un centro que leva décadas realizando un labor exemplar, pero que se atopa cun problema evidente de falta de espazo”, indicou. De aí que, en 2024, o Goberno do Estado anunciase o traslado do arquivo ao antigo convento de San Francisco e a rehabilitación desta localización. “Dous anos despois, seguimos sen ter un calendario claro nin prazos concretos, pero, pola contra, seguimos acumulando atrasos”, dixo o deputado popular.

Tal e como incidiu, “non estamos ante un caso illado”, xa que outras infraestruturas culturais de titularidade estatal en Galicia, como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a Biblioteca do Estado en Vigo, acumulan atrasos reiterados: “Menos anuncios e máis execución, menos promesas e máis resultados, e menos titulares e máis obras rematadas”. Para rematar, García Comesaña demandou ao Goberno central “planificación, axilidade e o cumprimento dos compromisos adquiridos”.

O PPdeG enxalza a rede pública de albergues da Xunta, coas súas máis de 3.000 prazas distribuídas polos Camiños de Santiago

O PPdeG puxo en valor a calidade da rede pública de albergues da Xunta de Galicia, que conta, actualmente, con 76 instalacións e máis de 3.000 prazas distribuídas ao longo dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago, consolidándose como un piar fundamental para a acollida dos peregrinos.

Así o destacaron os deputados autonómicos Víctor Baladrón e Juan Casares durante unha visita ao albergue público de peregrinos de Verín. No transcurso do encontro, os parlamentarios puideron comprobar o estado das instalacións e coñecer de primeira man dos usuarios a experiencia vivida e a boa atención recibida. Durante a visita, cualificaron a Verín como un “punto estratéxico e clave” do Camiño Mozárabe/Vía da Prata. Precisamente, incidiron na importancia do itinerario da Vía da Prata, por contribuír de xeito decisivo a diversificar os fluxos de visitantes, repartindo a chegada de peregrinos por diferentes rutas, ao tempo que dinamiza cultural e economicamente os concellos do interior galego.

O LIDERADO DE OURENSE
Os deputados populares achegaron datos que confirman o excelente momento que vive o Camiño de Santiago na provincia de Ourense. E é que, no que vai de ano, preto de 3.500 peregrinos percorreron o Camiño Mozárabe/Vía da Prata. Desta cifra, destaca, especialmente, o marcado peso do segmento internacional, xa que o 58% foron de orixe estranxeira. Así mesmo, o 45% do total de persoas que elixen este itinerario decídense por Ourense como o seu punto de partida.

Estes fluxos de peregrinos tiveron un impacto moi positivo no balance turístico da provincia. No primeiro cuadrimestre do ano, Ourense situouse como a provincia galega con mellores datos en termos de viaxeiros aloxados e de noites realizadas. En total, a provincia recibiu máis de 99.500 viaxeiros que fixeron un total de 192.971 noites, o que supón un incremento do 9% en visitantes e un notable crecemento do 19% nas pernoitas respecto ao mesmo período do ano anterior.

Dende o PPdeG salientan que estas cifras demostran a fortaleza do modelo turístico galego e o Camiño de Santiago como un motor económico sostible, internacional e distribuído por todo o territorio a través dunha rede de albergues pública moderna e accesible.

O PPdeG denuncia que o PSOE “oculta” o impacto da Lei do ‘solo sí es sí’ para “protexer a Sánchez” coa complicidade do BNG

O PPdeG denuncia que o PSOE “oculta” o verdadeiro alcance da Lei 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, máis coñecida como Lei do ‘solo sí es sí’, co “único” obxectivo de “protexer a Pedro Sánchez”, coa complicidade do BNG. “Cando o Goberno deixa de informar sobre o impacto dunha lei de tal magnitude non está a protexer ás vítimas, estase a protexer a si mesmo e protexendo ao presidente do Goberno”, denunciou a senadora galega Nidia Arévalo esta semana na Comisión de Seguimento e Avaliación das Estratexias acordadas polo Senado dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A senadora do PPdeG foi a encargada de defender unha moción do Grupo Parlamentario Popular que insta ao Goberno a publicar de xeito urxente, completo e actualizado o número total de revisións de condena, rebaixas de pena e excarceracións producidas pola devandita lei. Ademais, pedíuselle ao Executivo central que recoñeza de forma expresa o dano institucional, xurídico e social causado, así como aprobar e poñer en marcha un plan integral de protección ás vítimas afectadas e garantir a plena aplicación do Estatuto da Vítima do Delito, sen esquecer o reforzo da actuación das Oficinas de Asistencia ás Vítimas.

A moción foi rexeitada polo PSOE, mentres que o BNG -socio no Goberno central- nin sequera tomou parte na votación. Nesta liña, a senadora popular cualificou de “brindes ao sol” as emendas presentadas polos socialistas e censurou a súa actitude: “Debería caérselles a cara de vergoña de non aceptar a moción. Está claro que o único que lles importa é protexer a Sánchez. Son o peor goberno para as mulleres do noso país”.

De feito, esta moción -aprobada cos votos a favor do PP- nace ante a falta de actualización de datos dende novembro de 2023, momento no que se deixa de dar conta do número de violadores e pederastas beneficiados pola Lei do ‘solo sí es sí’,

A data de 1 de novembro de 2023, segundo os datos recadados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, xa se produciran 1.233 rebaixas de pena e 126 excarceracións como consecuencia da Lei do ‘solo sí es sí’. Dende entón, o Goberno negouse a facilitar nova información ao respecto, tal e como expón o Grupo Parlamentario Popular. Unha “anomalía democrática” que “o PP non pode aceptar”, advertiu Arévalo, quen subliñou que “hai unha realidade que non se pode ocultar, que é a realidade das vítimas”, as cales o Goberno “deixou á súa sorte”.

“CADA REBAIXA DE CONDENA É UNHA FERIDA QUE SE ABRE”

Precisamente, a moción presentada polos populares na Cámara Alta pon o foco na “revitimización” causada pola Lei do ‘solo sí es sí’, que “resulta especialmente dolorosa cando afecta a menores abusadas ou a mulleres que confiaban en que a firmeza da condena representaba, polo menos en parte, unha resposta de xustiza”. “Cada rebaixa de condena non é só unha decisión xurídica, é unha ferida que se abre, un medo que volve e unha desprotección que se repite”, incidiu Nidia Arévalo.

Fronte a un Goberno que “unha vez máis” está “tapando as súas chapuzas”, mentres as vítimas continúan “esperando a que se recoñeza o erro, se pida perdón e se lles poña no centro”, o PPdeG insistirá “as veces que sexan necesarias” en que se dean a coñecer os datos de excarceracións e rebaixas de condenas. “O Partido Popular non se vai cansar de defender o que é xusto, de apoiar ás vítimas e de esixir transparencia. Este asunto non se pecha, non se esquece e non se tapa”, concluíu a senadora galega.