O PPdeG insta a Pedro Sánchez a que cese na súa “estratexia de atrincheiramento” e convoque eleccións de inmediato

“Atopámonos ante un Goberno que está absolutamente descualificado para seguir exercendo o poder”, insistiu o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos; quen instou, de novo, a que Pedro Sánchez cese na súa “estratexia de atrincheiramento, disparates e insultos” e convoque, de forma urxente, eleccións xerais para devolverlle a palabra aos cidadáns.

Neste senso, tras referirse a un Executivo “asediado” polos múltiples casos de corrupción que salpican directamente ao seu contorno e ao PSOE, incidiu na “extrema” debilidade parlamentaria de Sánchez: “Ostenta o récord de non ter aprobado nin un só proxecto de Orzamentos Xerais e de asinar a actividade lexislativa máis pobre de toda a nosa historia democrática”.

Asemade, Pazos fixo fincapé no “bloqueo” político do Executivo de Pedro Sánchez, ao carecer dunha maioría parlamentaria de apoio, tanto no Congreso como no Senado.

COGOBERNANZA NA XESTIÓN DOS FONDOS PERTE
Por outra banda, os populares pediron ao Goberno de Pedro Sánchez a que rectifique a súa estratexia centralizadora na xestión dos PERTE e inclúa a Galicia na toma de decisións para garantir a eficacia dos fondos europeos. Neste punto, o portavoz parlamentario reclamou a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Industria e da PEME para que “Galicia teña voz nese proceso, máis cando ostenta as competencias exclusivas en materia de industria”.

Pazos considerou “de xustiza” que o Executivo central aplique un modelo de cogobernanza real na xestión e asignación de fondos, e non se vexa, así, limitada a capacidade da nosa Comunidade para orientar estes investimentos cara a proxectos estratéxicos. Tras lamentar a crecente aparición de posicións contrarias ao desenvolvemento industrial, subliñou a necesidade de contar neste ámbito “cunha política sólida, coordinada e baseada na colaboración entre administracións”, xa que non se está a producir na actualidade.

AS TRES PREGUNTAS ORAIS
Pazos informou, tamén, das tres preguntas orais que trasladará no vindeiro pleno. A primeira, de carácter urxente, co fin de abordar as medidas adoptadas polo Goberno Galego a raíz para paliar os danos ocasionados polas riadas que afectaron a varios concellos da provincia de Ourense, especialmente, aos de Viana do Bolo, Vilardevós e Vilamartín de Valdeorras.

A segunda das preguntas versará sobre o plan director da industria das TIC, que está a implementar o Goberno galego e que está chamado a ser “a folla de ruta” para o desenvolvemento deste ámbito. E o Grupo Popular preguntará, tamén, polas tarefas que a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos desenvolverá para a mellora do estado ambiental e a capacidade produtiva dos bancos marisqueiros.

Para rematar, o deputado popular avanzou a comparecencia, a petición propia, da conselleira de Infraestruturas e Vivenda sobre o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030; o debate do proxecto de lei, dirixido a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas; e o debate da ponencia sobre a comisión de discapacidade.