Paula Prado afirma que Yolanda Díaz está “inhabilitada para a política activa” tras coñecerse a condena do ex deputado Xabier Ron por agresión sexual: “É estremecedor”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, afirma que Yolanda Díaz está “inhabilitada para a política activa” tras coñecerse a condena de 9 anos de cárcere por agresión sexual a unha menor para o ex deputado Xabier Ron da desaparecida Alternativa Galega de Esquerda (AGE). “Chegou á política da man da galega e con el Díaz compartiu escano, é estremecedor”, sinalou Prado, quen esixiu a dimisión de Yolanda Díaz, “pois non son casos illados”. A este “pederasta” únese o asesor de Díaz en AGE, Ramiro Santalices, detido en 2016 por posesión de pornografía infantil. “Foi a primeira vez que a Policía Nacional tivo que entrar no Parlamento galego”, engadiu a secretaria xeral, que cualifica de “patrón de conducta” estes casos.

Así o manifestou a número dous dos populares galegos durante a rolda de prensa celebrada hoxe na sede autonómica do PPdeG, onde instou a Díaz a “facer autocrítica e non dar leccións de feminismo”, preguntándose “con que cara mirará ás mulleres”, xusto cando se coñece a nova pola que o seu ex compañeiro de escano, Xabier Ron, deberá afrontar nove anos e medio de cárcere por violar a unha alumna menor de idade e a inhabilitación de 15 anos para exercer no ámbito educativo, ao que Paula Prado reclamou para el unha “inhabilitación perpetua a poder traballar con menores”.

O GOBERNO GALEGO, FARO DE ESTABILIDADE

Por outra banda, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a iniciativa do Goberno galego tras o anuncio da elaboración dos Orzamentos de Galicia para o ano 2027, co obxectivo de aprobalos en tempo e forma para que entren en vigor o 1 de xaneiro do próximo ano. Estas contas serían os 18º consecutivos do Goberno do PPdeG, en contraposición coa “inestabilidade do Goberno de Sánchez”. Así, Prado defendeu a Galicia e o liderado de Alfonso Rueda á fronte do “faro de estabilidade”, mentres o Executivo central “acumula retrasos de tres prórrogas orzamentarias”.

Do mesmo xeito, destacou que a finais deste mes se levará ao Parlamento de Galicia o teito de gasto non financeiro e, antes do 20 de outubro, a entrega do proxecto de Orzamentos para a súa aprobación antes de finais de ano. “Galicia cumpre. Sánchez vende fume. Iríalle mellor se copiara un pouquiño máis o noso modelo”, ironizou.

SÁNCHEZ E O SEU DESGOBERNO

Para a secretaria xeral dos populares galegos, o anuncio de Sánchez de presentar o proxecto dos Orzamentos para 2027 é “un anuncio máis da factoría Moncloa”, preguntándose por que este ano si e os tres anteriores non.

“É un intento de tapar toda a escalada de imputacións, nun Goberno que xa ten máis imputados que deputados”, sinalou sobre casos que asolan ao entorno máis próximo a Sánchez.

Para Prado, o principal cometido de Sánchez para intentar aprobar os Orzamentos é “enganar aos seus socios”, téndoo “máis fácil” co BNG, xa que os independentistas galegos “din a todo que si en Madrid e non en Galicia, por sistema”. Neste sentido, afeou aos de Ana Pontón que “vendan a súa terra por aplaudir a Sánchez e as súas políticas de recorte contra a nosa Comunidade”.

Citou os agravios e recortes do Goberno central, consentidos polo BNG, como as escolas infantís, a AP-9, o financiamento autonómico, auxiliares de conversa, a exención das mariscadoras ou as vacinas, entre outros.

O BNG, O PARTIDO DA HIPOCRISÍA

Igualmente, definiu ao BNG como “o partido da hipocrisía”, lembrando que estes días a eurodeputada nacionalista Ana Miranda e unha delegación galega  saudaron ao presidente do Consello Europeo e ex primeiro Ministro de Portugal, Antonio Costa, para entregarlle unha fotografía de incendios forestais.

De feito, a nacionalista foi a Bruxelas a “falar mal da xestión galega cos incendios forestais”, xa que as palabras do BNG para Galicia, “e non para outros, son sempre desoladoras: nin unha boa palabra, nin empatía e nin moito menos admitir que Galicia conta cun dos mellores dispositivos de prevención e defensa contra os incendios forestais”, criticou. Neste punto, recordou que o Goberno central non aporta nada para esta tempada de risco de incendios, o que supón “ningunha novidade con respecto ao 2025”, e coa complicidade do BNG.

En contraposición a estes partidos da esquerda, Prado salientou o gran esforzo do Goberno galego de Alfonso Rueda, que ten “engraxada a máquina de gañar eleccións” no PPdeG e a de “impulsar políticas públicas que melloran a calidade de vida dos galegos e galegas” dende a Xunta de Galicia.

A número dous dos populares galegos tamén quixo ter unhas palabras de agarimo para a comunidade venezolana afectada polos devastadores terremotos. Transmitiu a súa solidariedade e lembrou que o PPdeG e o Goberno galego manteñen contacto permanente cos grupos de galegos e galegas no país.

O PPdeG traslada a súa máxima preocupación e disposición a apoiar aos afectados polos terremotos en Venezuela

O PPdeG traslada a súa máxima preocupación pola situación en Venezuela a raíz do dobre terremoto da semana pasada, así como a súa disposición a prestar toda a axuda posible aos afectados por esta traxedia, especialmente aos venezolanos con raíces na nosa Comunidade e a todos os galegos e galegas que residen no país. Así o afirmaron tras a unha reunión da Comisión de Acción Exterior que se celebrou hoxe na sede autonómica.

Este encontro estivo encabezado polo coordinador do Partido Popular Exterior, Antonio Rodríguez Miranda; pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o responsable da área de Emprego, Comercio e Emigración do Goberno galego, José González, e o coordinador de Acción Exterior do PPdeG, Rubén del Río.

No transcurso da xuntanza, na que participaron os integrantes da Comisión, avaliouse a situación en Venezuela, unha semana despois do dobre sismo que deixa 2.000 falecidos e 50.000 desaparecidos. Así mesmo tamén se puxo sobre a mesa o labor despregado desde o Goberno galego, que inclúe a coordinación do desprazamento dun equipo especializado en busca e rescate e actuacións de cooperación canalizadas a través de diferentes ONG.

O PPdeG seguirá moi pendente da evolución do operativo de rescate e das necesidades dos galegos e galegas que resultaron afectados polos terremotos, aos que lembra que está ao seu carón nestes difíciles momentos.

Neste sentido, o Goberno galego xa ten activados todos os mecanismos de Axuda Económica de Emerxencia para colaborar cos galegos afectados no país, que irán ampliándose en función das necesidades. Tamén manteñen un traballo permanente coas Entidades Galegas, que permite ter a funcionar unha rede de asistencia social en todo o territorio venezolano e que está a recibir e acompañar ás persoas afectadas.

Así, os populares remarcan a súa solidariedade e agarimo co pobo venezolano, que sofre os terribles efectos dunha catástrofe natural agravados por anos de castigo a mans dunha ditadura corrupta. Cómpre lembrar que actualmente residen en Venezuela máis de 30.300 persoas galegas, o que supón preto do 21% dos españois residentes neste país. En Galicia residen arredor de 27.600 persoas de nacionalidade venezolana, o que representa algo máis do 7% das persoas venezolanas en España, algo que nos converte en pobos irmáns.

Paula Prado chama aos coruñeses a “intensificar o traballo” para consolidar as 42 alcaldías populares e ir a por máis no 2027

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, aproveitou a Xunta Directiva do Partido Popular da provincia da Coruña para chamar aos coruñeses a “intensificar o traballo” para consolidar as 42 alcaldías populares e ir a por máis de cara a 2027: “A nosa filosofía debe ser non dar nada por gañado, pero tampouco nada por perdido”.

Así o afirmou a número dous dos populares galegos hoxe neste encontro, no que tamén interveu o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, para animar aos populares coruñeses a “seguir facendo equipos de éxito que nos dean os mellores resultados nas urnas”, referíndose ás próximas eleccións municipais. Neste sentido, pediu un “plus” de esforzo de cara a ese reto electoral do 2027.

“Galicia merece máis e A Coruña merece máis. Os galegos e galegas deses 51municipios que restan por gobernar na provincia merecen máis. Merecen un alcalde ou alcaldesa do PPdeG”, subliñou, asegurando que dende a formación se loitará de cara a este obxectivo. “Sen dar nada por gañado, pero tampouco nada por perdido. Esa debe ser a nosa filosofía de cara o 2027”, engadiu.

Ademais, Prado mostrouse crítica coa postura de PSOE e BNG ante cuestións que afectan a Galicia e, especialmente, á provincia da Coruña. Así, mencionou a “traizón da AP-9”, ao votar estes partidos -xunto a Sumar- unha proposta rebaixada e descafeinada da transferencia que previamente tiña acordado por unanimidade o Parlamento galego. Así mesmo, fixo referencia a política nacional de vivenda, cunha lei que “o único que fixo foi destruír a oferta e aumentar a inseguridade xurídica”.

Fronte a este “caos”, sumado “á corrupción que acurrala a Sánchez e ao seu Goberno apoiado polo socio-cómplice do BNG”, a número dous dos populares destacou o traballo do Goberno galego con políticas de impulso á vivenda, á sanidade, á educación ou a industria. Aproveitou para lembrar que o xigante automobilístico chino SAIC elixiu a provincia de A Coruña para o seu desembarco europeo. Neste contexto, tildou ao PPdeG como “o único partido capaz de xestionar con responsabilidade e sentidiño as preocupacións dos galegos e galegas”.

MENOS DUN ANO PARA OS COMICIOS DE 2027

Pola súa banda, Diego Calvo fixo un chamamento a toda a organización para intensificar o traballo nos municipios da provincia e preparar un proxecto sólido que permita ampliar a confianza dos veciños.

“O principal obxectivo para os próximos meses é seguir construíndo equipos fortes, unidos e preparados en cada concello, con persoas comprometidas cos seus municipios e con capacidade para ofrecer solucións aos problemas reais dos cidadáns”, indicou o popular.

Neste sentido, o presidente provincial asegurou que “temos o mellor partido, cos mellores alcaldes, voceiros e afiliados, e debemos aproveitar esa fortaleza para chegar a cada recuncho da provincia cun proxecto ilusionante e próximo”, sinalou.

Calvo insistiu tamén en que o Partido Popular afronta este ano decisivo “con ambición, responsabilidade e ganas de gañar”, convencido de que os veciños demandan gobernos eficaces, unha boa xestión dos recursos públicos e políticas centradas en mellorar a súa calidade de vida.

Por último, o popular afirmou que o PP traballará para ofrecer unha alternativa sólida fronte ás políticas que, ao seu xuízo, están a desenvolver o PSOE e o BNG nas distintas administracións. “O noso compromiso é presentar propostas, defender os intereses dos municipios da provincia e demostrar que outra forma de gobernar é posible: con xestión, estabilidade e sentido común”, concluíu.