O PPdeG esixe a comparecencia urxente do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, para dar explicacións ante as reiteradas incidencias na rede ferroviaria interior de Galicia e na liña de alta velocidade ata Madrid, así como do grave deterioro dos servizos ferroviarios operados por Renfe. Para os deputados populares galegos no Congreso, este “caos ferroviario” deixou de ser “esporádico” para converterse en “endémico para desgraza dos usuarios”.
“As continuas incidencias ferroviarias están impactando de forma moi negativa no dereito a unha mobilidade segura e fiable dos usuarios, así como na actividade económica e turística”, alertan os deputados do PPdeG no Congreso, que presentan unha batería de preguntas parlamentarias co obxectivo de que Puente compareza na Comisión de Transportes e informe das iniciativas do Goberno central ante a parálise ferroviaria que sofre Galicia.
Nas preguntas rexistradas polos populares galegos, consultan ao Executivo de Sánchez polas medidas urxentes ante as incidencias e o deterioro na rede ferroviaria, así como polas responsabilidades que debe asumir o ministro Óscar Puente – de quen depende Adif e Renfe- ante o caos dos trens en Galicia. Neste sentido, os deputados do PPdeG tamén esixen responsabilidades polo incumprimento dos protocolos de inspección e mantemento da infraestrutura e os trens. “Isto xera enormes prexuízos aos usuarios, alén dunha evidente alarma social en todo o territorio”, engade o deputado popular Celso Delgado.
Na iniciativa rexistrada tamén preguntan se o Ministerio de Transportes atenderá as constantes demandas do Goberno galego, que leva meses reclamando información respecto da situación actual e o mantemento preventivo que se está realizando da rede ferroviaria en Galicia. “Preguntámonos tamén se este mantemento é o adecuado para adiantarse á acumulación de defectos, evitar a súa deterioración progresiva e manter a calidade do servizo”, sinala Delgado.
QUINCE TRENS E MILES DE USUARIOS AFECTADOS NOS ÚLTIMOS DÍAS
Os deputados populares galegos citarán no Congreso as incidencias na infraestrutura ferroviaria que sufriron os usuarios nos últimos días. Entre elas, os atrasos de máis de sete horas dos pasaxeiros dun tren AVLO entre Madrid e Vigo o pasado 24 de xuño, por mor de incidencias técnicas que causaron que o tren quedase detido pouco antes da estación de Taboadela e que houbese que activar un plan alternativo de transporte ou o AVE do 2 de xullo con orixe e destino Galicia que por falta de tensión na catenaria provocou importantes alteracións entre a estación Porta de Galicia (A Gudiña) e Sanabria, obrigando aos pasaxeiros a viaxar por estrada e quedando sen servizo os trens que conectan a Galicia con Madrid durante máis de cinco horas.
Tamén fan referencia ao último episodio de caos ferroviario vivido esta semana, por mor do enganchón do pantógrafo dun tren AVLO no Irixo, que o pasado 8 de xullo deixou sen tensión o tramo entre Ourense e Santiago de Compostela, provocando atrasos e afectando a máis de quince trens e a miles de usuarios. “A operadora pública Renfe informou que outros trens que circularon por esa liña con anterioridade tamén sufriran danos nos seus pantógrafos e víronse obrigados á súa substitución. É dicir, a avaría da catenaria de ADIF xa existía e non fora detectada polos servizos de mantemento”, avisan os deputados do PPdeG.
Para os populares galegos, esta última incidencia é “lamentable” e lembran que o propio Goberno galego volveu a esixir ao Goberno de Pedro Sánchez información puntual sobre as causas deste último suceso, urxindo unha mobilidade digna para os galegos e galegas.
