O Parlamento insta ao Goberno central a abordar unha reforma legal que regule os incentivos para o persoal que ocupe prazas de difícil cobertura

“A falta de especialistas non é un problema de Galicia, é un problema estrutural de todo o Sistema Nacional de Saúde”, sinalou, a deputada Encarna Amigo, quen reclamou que Executivo de Pedro Sánchez “cumpra coa súa responsabilidade” e dote a todas as Comunidades dun marco legal “moderno, útil e seguro que permita facer fronte a un dos maiores desafíos actuais da sanidade”.

Así, o Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular, na que se insta ao Goberno central a abordar unha reforma que regule a nivel estatal os incentivos para o persoal que ocupe prazas de difícil cobertura, incluíndo o acceso ás mesmas mediante concurso de méritos. Neste punto, Encarna Amigo incidiu en que “non se trata dun problema exclusivo dunha soa Comunidade” e recordou que esta situación leva anos sendo denunciada polos colexios profesionais, as sociedades científicas e, tamén, polos propios organismos estatais encargados da planificación dos recurso humanos sanitarios, sen que o Goberno central actúe.

Tal e como salientou a deputada popular, mentres Galicia avanza tomando medidas dentro das súas competencias, o Goberno continúa bloqueando unha reforma que o propio Consello Interterritorial xa consideraba necesaria no ano 2018: “Que fixo o Goberno de España durante estes oito anos? A resposta é clara: nada”. “Oito anos sen desenvolver unha reforma legal necesaria –engadiu-, deixando soas ás comunidades autónomas para afrontar un problema que é común e nos que o déficit de especialistas non deixou de medrar”.

Segundo subliñou Encarna Amigo, “mentres o Goberno de España permaneceu inmóbil, Galicia decidiu actuar” e mellorou as condicións dos profesionais, ofertou o 100% das prazas MIR acreditadas polo Ministerio e aprobou unha lei pioneira que xa demostrou ser unha ferramenta útil para cubrir postos de difícil cobertura.

O Parlamento pide ao Goberno galego a posta en marcha dun servizo de orientación laboral por videochamada

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, sen votos en contra, a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se solicita ao Goberno galego a posta en funcionamento dun servizo de orientación laboral por videochamada. “Unha medida para achegar a Administración á cidadanía”, explicou a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Noelia Pérez.

Este servizo busca ofrecer máis alternativas e facilitar a vida á persoas, ao igual que a implantación dos caixeiro automáticos ou a integración dun servizo de simulación de entrevistas no circuíto de orientación. Esta nova opción, “de carácter voluntario”, supón que cada usuario poderá elixir a forma na que quere recibir a orientación laboral, vía telemática ou presencial. No relativo á atención presencial e tal e como remarcou Noelia Pérez, “seguirá plenamente garantida nas oficinas do Servizo Público Galego de Emprego”.

A parlamentaria popular fixo fincapé nas oportunidades que dá a fórmula da videochamada, sobre todo, para as persoas que viven no rural, xa que permite “que os servizos públicos cheguen a todos os recunchos da nosa comunidade nas mellores condicións posibles”, independentemente do lugar onde se vida, a distancia a unha oficina ou do tempo que haxa que dedicar ao desprazamento.

A orientación laboral é unha ferramenta fundamental para mellorar a empregabilidade das persoas. A videochamada permite que este servizo sexa accesible, ao manter unha comunicación directa entre a persoa orientadora e a usuaria, resolver dúbidas, compartir documentación e realizar seguimentos personalizados. “Facilita o acceso sen perder a atención personalizada que caracteriza a orientación laboral”, sinalou.

A iniciativa afonda, pois, en construír unha administración moderna e preparada para os retos do futuro. “Amplía as posibilidades, reforza a accesibilidade e contribúe a seguir modernizando o Servizo Público de emprego de Galicia, sen renunciar en ningún momento á atención presencial”, finalizou a deputada popular.