O PPdeG acusa ao BNG de promover un candidato a adxunto á Valedora que racha a independencia e a credibilidade da institución

A vicesecretaria do Grupo Parlamentario Popular e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acusou, esta mañá, aos nacionalistas de presentar un candidato a adxunto á Valedora do Pobo que racha a independencia e a credibilidade de dita institución.

E é que, tal e como remarcou a representante popular, “queren instalar nun ente de control a unha persoa cun perfil de activista e cunhas conviccións políticas moi marcadas”. Así, advertiu que a neutralidade institucional deste posto pode verse comprometida: “Nunha institución cuxo principal capital é a confianza de toda a cidadanía, a aparencia de imparcialidade resulta fundamental”. E lamentou que, catro meses despois, siga presentando a mesma proposta para intentar bloquear e controlar o órgano: “Se persisten en manter bloqueadas as institucións, verémonos obrigados a explorar outras vías”.

Nesta mesma liña, Paula Prado fixo fincapé en que a actividade do candidato nacionalista dos últimos anos “está moito máis preto do activismo multimarca do BNG que dun cargo institucional independente”, ademais de formar parte na actualidade do equipo de asesoramento xurídico de Adega. Paula Prado afeoulle, tamén, que pasara de ser empresario da eólica durante o Goberno do bipartido a activista en contra da normativa eólica da Xunta cando goberna o PPdeG.

O MODUS OPERANDI DO BNG EN MURAS
A viceportavoz popular referiuse ao “modus operandi do BNG cando está á fronte dos concellos”. Neste senso, fixo mención á denuncia do PP de Muras contra o alcalde do BNG deste municipio, por contratar asesoramento xurídico a empresas vinculadas entre si e, tamén, ao BNG, superando os limiares legais dun contrato menor.

E denunciou que estas mesmas empresas son as que dirixen a asesoría xurídica de Adega, nas que participa, precisamente, o candidato proposto polo BNG, e son as que están detrás de todas as demandas de Adega contra a repontenciación dos parques eólicos: “44 litixios dun total de 45”.

“Deste conglomerado de empresas, saíron o candidato ao Consello Consultivo a proposta do BNG, o deputado autonómico Óscar Insua e, agora, o candidato para adxunto á Valedora do Pobo”, subliñou Paula Prado. “Quen pecha este círculo de intereses –continuou- entre o BNG, as súas plataformas multimarca e as empresas afín é Fernando de Abel”. Para rematar, denunciou o silencio de Ana Pontón, que continúa sen pronunciarse ante a denuncia ao alcalde de Muras.