O PPdeG apoia a candidatura de Ana Méndez Gil para a alcaldía da cidade de Ourense de cara ás eleccións municipais de 2027, poñendo en valor o traballo “discreto e moi rigoroso” da presidenta da xestora local do PP de Ourense e portavoz municipal no Concello.
“Cremos que Ana Méndez leva moito tempo traballando para ofrecer solucións aos problemas da cidade, construíndo un equipo, e cun modelo de cidade diferente”, sinalou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, hoxe durante un paseo pola cidade de Ourense, xunto coa candidata e co presidente do PP da provincia de Ourense, Luis Menor. “A cidade non só son infraestruturas e escaleiras, tamén é ocio, atención as familias, cultura e políticas sociais”, engadiu.
A número dous dos populares galegos subliñou o respaldo absoluto a Ana Méndez dende a dirección autonómica do partido liderada por Alfonso Rueda. “Somos un partido previsible e apoiamos a quen leva traballando por Ourense moito tempo, ofrecendo unha alternativa de cidade fronte a eses partidos con liortas internas que dificilmente poden ofrecer unha candidatura para resolver os problemas da veciñanza”, dixo. Tamén puxo en valor o traballo rigoroso de Ana Méndez fronte a un alcalde que “só pensa no seu propio beneficio e no show”.
Para a secretaria xeral dos populares galegos, Ourense merece a “seriedade e rigor” doutra forma de gobernar, a que pode aportar Ana Méndez, á que augurou que se una a ampla lista de mulleres do PPdeG que gobernan en 32 concellos de toda Galicia, lembrando que Ourense é a provincia con maior representación feminina.
ANA MÉNDEZ AFRONTA O RETO CON HUMILDADE E DETERMINACIÓN
Por outra banda, Ana Méndez Gil asegurou que afronta esta nova etapa “cun enorme orgullo, moita ilusión, pero tamén cun enorme sentido da responsabilidade”, agradecendo ao Partido Popular a confianza depositada nela e o apoio recibido durante estes anos por afiliados, simpatizantes e compañeiros de partido.
A candidata popular destacou que asume este reto “con humildade, pero tamén coa determinación de quen sabe que a súa cidade merece abrir unha nova etapa que devolva a Ourense a estabilidade e a ambición”. “Eu non dou este paso para administrar o presente. Dou este paso para construír o futuro”, engadiu.
Durante a súa intervención, Ana Méndez Gil reivindicou un cambio de rumbo para a cidade e asegurou que “Ourense ten que pasar da improvisación á planificación, das escusas aos resultados e do espectáculo ao traballo. Merece un proxecto serio, claro e pensado para a cidade, non para os intereses duns poucos”. “Ese é o meu compromiso desde hoxe. Chegou a hora de cambiar Ourense”, concluíu.
LUIS MENOR: “O OBXECTIVO É SER DECISIVOS NA CAPITAL”
Por último, Luis Menor puxo en valor o “intenso traballo de organización” que a formación provincial desenvolve desde o ano pasado a través de congresos locais e a creación de xestoras, co fin de preparar o partido para as municipais de 2027.
Neste contexto, reafirmou que un dos grandes obxectivos do PP de Ourense para a cita local coa urnas é “conseguir ser decisivos na capital”. Un Ourense forte, onde reside un de cada tres habitantes de todo o territorio ourensán, “dará pulo a toda a provincia”, defendeu Menor contrapoñendo este horizonte coa situación actual dunha cidade sumida nunha “política de ocorrencias e unha “nefasta xestión que desatende diariamente as necesidades da poboación”.
O reto de recuperar o espazo perdido no Concello e lograr que a capital lidere a provincia ten desde agora nome propio na figura de Ana Méndez, subliñou o presidente provincial, destacando a consolidación da candidata como referente do partido na cidade durante o último ano.
Esta nova etapa que agora se abre buscará “promover a unidade, sentar as bases dunha candidatura comprometida coa súa cidade e, sobre todo, construír un proxecto alternativo, ilusionante e con capacidade de ofrecer respostas concretas aos cidadáns”. Para logralo, Menor garantiu que Méndez non só contará co respaldo da dirección provincial, senón tamén co aval do Goberno galego “comprometido de verdade con Ourense”, que “inviste na cidade mentres outros se dedican a mentir e a desviar as súas responsabilidades”.

