O PPdeG destaca que máis de 17.500 persoas dependentes xa foron atendidas na provincia de Lugo “fronte aos recortes de Sánchez”

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Luis Novo destacaron que a cifra de persoas dependentes atendidas na provincia de Lugo supera xa as 17.500. “A pesar dos recortes de Pedro Sánchez, que pasou de asumir en 2023 o 40% do financiamento da dependencia, lonxe do 50% que marca a lei, a un 32% en 2025, e grazas ás aportacións da Xunta, Galicia é unha das autonomías que mellor xestionan a dependencia”, salientaron.

 Os deputados populares acusaron a Pedro Sánchez de “abandonar os dependentes galegos”, e incidiron en que “o que ten que facer o Goberno central é pagar o 50% da factura da dependencia, tal como establece a lei. Un compromiso que vén incumprindo sistematicamente, pero que si asinou co País Vasco”, criticaron.

“Neste exercicio 2026, Galicia investiu en dependencia 885 millóns de euros, un 22,4% máis respecto ao ano anterior, e case catro veces máis que na época do bipartito. Esta é a realidade, fronte as promesas de Sánchez, que cualifica de histórica unha dotación de 2.218 millóns de euros extra para financiar a dependencia coa reforma que vén de aprobar o Congreso, cando debe, só a Galicia, máis de 3.000 millóns de euros”, expuxeron Raquel Arias e José Luis Novo.  

A pesar dos incumprimentos do Goberno central, Galicia sitúase preto dos 97.500 dependentes atendidos, e o obxectivo é chegar aos 100.000este mesmo ano. Os representantes populares lembraron que Galicia foi o ano pasado a comunidade na que máis aumentaron as persoas dependentes atendidas, e a que máis reduciu a lista de espera.

Segundo datos do IMSERSO, Galicia conta cunha ratio de atención por riba do 99,4%, e é unha das comunidades autónomas que mellor xestiona a dependencia, tal e como se detalla nun dos últimos informes da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais.

VELLEZ ACTIVA E SAUDABLE

Por outra banda, os deputados populares, nun recente encontro con persoas maiores do concello de Rábade, ao que asistiu a alcaldesa Remedios González, trasladaron os “múltiples beneficios” de iniciativas como o Carné +65, Benestar en Balnearios ou Xuntos polo Nadal, postas en marcha pola Consellería de Política Social e Igualdade, que “fomentan unha vellez activa e saudable” e “contribúen a mellorar o seu benestar”.

Sobre o Carné +65, lembraron que se trata dunha tarxeta, semellante á que teñen as mozas e mozos de ata 30 anos, que ofrece descontos e vantaxes en máis dun centenar de establecementos da provincia de Lugo. Completamente gratuíto, as persoas maiores recíbeno nos seus fogares, por correo, e non require de trámites nin de xestións.

No caso de Benestar en Balnearios, indicaron que está en marcha unha nova edición deste programa para persoas maiores de 60 anos e pensionistas maiores de 55, que ofrece estadías de 10 días e 9 noites en réxime de pensión completa a escoller entre 15 balnearios de Galicia, con quendas dispoñibles entre xullo e decembro de 2026. Inclúe tratamentos termais prescritos polo persoal médico do establecemento e actividades de animación sociocultural.

En canto a Xuntos polo Nadal, ten carácter gratuíto e fai posible que persoas maiores que estean soas poidan pasar estas datas acompañadas doutras persoas na mesma situación, cun amplo programa de actividades socioculturais. Na súa última edición, Xuntos polo Nadal ofertou 270 prazas, das que 130 corresponderon á residencia de tempo libre de O Carballiño, á que estiveron adscritas as persoas maiores das provincias de Lugo -33 beneficiarios-.

Ademais destes e outros programas deseñados en prol do envellecemento activo, o Executivo galego conta coa Estratexia contra a Soidade non Desexada e a Estratexia contra o Idadismo, co obxectivo de previr, detectar e actuar ante estas problemáticas que poden xurdir ao chegar á vellez. Os diversos programas e servizos da Xunta, que complementan unha rede de atención próxima e de calidade, teñen como obxectivo que “axudar a que as persoas maiores desfruten desta etapa das súas vidas”. 

O PPdeG reitera o seu compromiso de defender un traspaso da AP-9 que responda ao mandato unánime do Parlamento de Galicia

deputada do Grupo Parlamentario Popular Patricia García e os deputados nacionais Irene Garrido e Pedro Puy mantiveron unha reunión de traballo coa Federación de Asociacións Veciñais de Vigo (FAVEC), da Comunidade de Montes de Lavadores e da plataforma Bembrive en Pé para abordar a transferencia da AP-9.

 

Durante o encontro, os representantes veciñais amosaron a súa preocupación por esta infraestrutura estratéxica para Vigo. Neste punto, os representantes populares reiteráronlles o seu compromiso de seguir defendendo un traspaso que responda ao mandato unánime do Parlamento de Galicia e garanta, así, que os galegos “non teñan que pagar dúas veces”: primeiro, cos peaxes máis elevados de España e, agora, cos custos derivados dunha mala negociación do Goberno de Pedro Sánchez.

 

Neste punto, a deputada do Grupo Parlamentario Popular Patricia García criticou a mudanza de posición do PSOE e do BNG respecto do criterio que ambos defenderon durante anos na Cámara galega: “Socialistas e nacionalistas galegos propoñen dun día para outro un texto distinto ao que levan anos votando a favor en Galicia”. “O consenso institucional –remarcou- non debería romperse cando están en xogo os intereses de Galicia”.

 

UN CONSENSO RACHADO DÚAS VECES

Pola súa banda, Pedro Puy lembrou que Galicia chegou ao Congreso cun texto avalado por unanimidade por todas as forzas políticas do Parlamento galego, aprobado en reiteradas ocasións, e que ese consenso foi alterado durante a súa tramitación parlamentaria. “O cambio de criterio non o entendemos, pero o que está claro é que o aprobado no Parlamento de Galicia por unanimidade e o que agora PSOE e BNG defenden en Madrid son cousas ben distintas”.

 

Así mesmo, incidiu en que ese mesmo consenso foi rachado, por segunda vez, no pleno do Senado, ao votar en contra do ditame da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible sobre a Proposición de Lei orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade que recuperaba a proposta orixinal do acordo unánime do Parlamento de Galicia. “Un sinsentido”, salientou Puy, quen recordou que grazas ao Partido Popular, o texto orixinal volve ao Congreso tras a aprobación cos votos a favor do PP na Cámara Alta a pasada semana.

 

O deputado explicou que a proposta que defenden socialistas e nacionalistas elimina, precisamente, os elementos que daban seguridade á transferencia da autoestrada. Entre outras cuestións, desaparecen as referencias ao mecanismo e aos prazos para facer efectiva a transferencia, así como as disposicións que blindaban a Galicia fronte ás posibles reclamacións económicas derivadas da concesión da AP-9 ou dunha eventual nulidade da prórroga concedida polo Estado.

 

UN REGALO ENVELENADO PARA GALICIA

Segundo dixo Irene Garrido, Galicia non pode aceptar unha transferencia que deixe aberta a porta a asumir futuras indemnizacións ou reclamacións económicas millonarias, cando esas obrigas derivan exclusivamente de decisións adoptadas polo Estado ao longo das últimas décadas. “A transferencia non pode ser un problema para Galicia”, apuntou a deputada nacional.

 

Durante a reunión tamén interveu a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, quen advertiu das consecuencias económicas do modelo defendido polo Goberno central: “É un regalo envelenado, unha transferencia sen soporte económico”. Para Sánchez, unha transferencia sen financiamento suficiente e sen garantías pode converter unha reivindicación histórica de Galicia nun problema económico para as xeracións futuras.

O PPdeG reivindícase como o único partido “capacitado” para defender as preocupacións reais de Galicia fronte “aos do ‘non’ e os da corrupción”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindica o Partido Popular como o grupo maioritario en todas e cada unha das institucións galegas e nacionais. “Somos o único partido capaz de defender as preocupacións reais dos galegos e galegas, garantía de estabilidade fronte aos do ‘non’ e os da corrupción”, sinalou durante a súa intervención na clausura da Interparlamentaria do PP de Lugo, que se celebrou na sede provincial do partido, e a cuxo equipo liderado por Elena Candia puxo como exemplo de “unidade, xestión, estabilidade e política útil”.

Para a número dous dos populares galegos, o PP de Lugo “ten todas as respostas para quen se pregunte aínda por que o Partido Popular é o partido preferido pola maioría dos galegos e galegas”. Así, reivindica a xestión “pegada ao territorio, nos 26 concellos da provincia nos que goberna o PP”, que augurou que serán máis tras as eleccións municipais de 2027. Neste punto, quixo resaltar o liderado de Elena Candia na cidade, despois de dous meses da moción de censura impulsada para sacar do “desgoberno” a PSOE e BNG e frear os anos de parálise da cidade por culpa da oposición. Puxo a Candia como “exemplo de valentía e goberno forte” que “a veciñanza valorará nas urnas o próximo ano”.

A número dous dos populares galegos asegurou que no PP de Lugo “temos a maquinaria perfectamente engraxada para seguir gañando eleccións”, reto para o que pediu un “plus” de esforzo para seguir demostrando por que os galegos e galegas prefiren maioritariamente ao PPdeG.

En contraposición, Prado criticou a socialistas e independentistas, uns á fronte do “Goberno máis corrupto da historia de España”, o PSOE, e outros, “cómplices e socios necesarios”, o BNG. No caso do partido liderado por Ana Pontón, a secretaria xeral do PPdeG pregúntase onde están as “liñas vermellas” do independentismo galego para denunciar a un Executivo central “corrupto e antifeminista”.

“Os xuíces falan, pero PSOE e BNG seguen calando e mirando cara outro lado. No Partido Popular somos a única opción válida para sacar a este país do caos no que nos están sumindo Sánchez e os seus socios independentistas”, engadiu.

Tamén aproveitou para reclamar proxectos clave para a provincia de Lugo, especialmente en materia de infraestruturas. “Lugo merece, dunha vez por todas, conexións ferroviarias propias deste século. Seguiremos reclamándoo, onde faga falta”, dixo. Pola contra, do Executivo central “só temos ataques, non defenden a Galicia”, unha situación que augura que remate cando Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno, nun país que “merece decencia”.

ELENA CANDIA REIVINDICA AO PP COMO A ALTERNATIVA  NA PROVINCIA

Pola súa banda, a presidenta do PP da provincia de Lugo puxo en valor, “ante os intentos de crispación, a capacidade do noso proxecto político para chegar a acordos cos que conquerir avances e gobernos” facendo referencia aos casos do Valadouro, Viveiro e Lugo.

Candia sinalou que “o goberno local do Valadouro, despois de dar estabilidade ao Concello, traballa para manter a alcaldía”. En Viveiro, “acaban de conseguir o apoio unánime da corporación municipal á proposta de PXOM, unha das razóns que motivara a moción de censura”.

Así mesmo, indicou que na cidade de Lugo, despois dun acordo que permitiu ofrecer un goberno alternativo ao Concello, “traballamos de forma leal, comprometidos coa cidade e poñendo por riba os intereses xerais aos particulares”.

A dirixente provincial reivindicou ao Partido Popular como “a alternativa na provincia”. Na actualidade, o 65% da poboación da provincia conta con alcalde ou alcaldesa do Partido Popular e convida a todos a “seguir traballando dende a unidade para seguir avanzando” e para “conseguir transformar os territorios”.

A INTERPARLAMENTARIA

A presidenta destacou como “unha ferramenta que axuda a traballar de forma coordinada” a reunión interparlamentaria na que participaron os representantes do PP lucense nas distintas cámaras: Concello de Lugo, Deputación Provincial, Parlamento de Galicia, Senado e Congreso dos Deputados.

O deputado nacional Francisco Conde subliñou que “o abandono de Lugo é unha decisión política do Goberno de Sánchez” que está “lastrando o crecemento da provincia”, nomeadamente no ámbito industrial. O popular considera que, en materia de infraestruturas, “Lugo está exactamente igual que cando gobernaba o Partido Popular porque non se avanzou nada”. É máis, engadiu que “o Goberno de Sánchez dispón de máis ingresos, pero ofrece peores servizos públicos”. Por iso, reivindicou o proxecto de Feijóo como “alternativa”.

José Manuel Barreiro, en representación dos senadores, explicou que levan á Cámara Alta “iniciativas que xorden do contacto directo co territorio -cun mínimo dunha acción á semana-, de propostas do Partido a nivel provincial ou rexional” que, neste caso, permiten coñecer as contradicións entre o PSOE e o BNG en Galicia e en Madrid. Así mesmo, trasladan aos colectivos da provincia os proxectos do Partido Popular a nivel nacional como poden ser as coñecidas como Leis Feijóo.

A viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Cristina Sanz, puxo en valor “o peso especial dos deputados lucenses” polas súas responsabilidades e polas numerosas iniciativas presentadas, 870, tanto de asuntos de interese xeral -sanidade, política social, medio rural ou economía- como local. Así mesmo, manifestouse “orgullosa” de que o Goberno galego vaia presentar por 18º ano consecutivo o proxecto de Orzamentos en prazo.

O portavoz na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, fixo referencia ao cambio na presidencia do goberno provincial de PSOE e BNG debido ás denuncias públicas polas que está a ser investigado José Tomé e puxo en valor o traballo dos deputados do Grupo Provincial Popular con presenza pola provincia e contacto directo co territorio e os axentes sociais, ademais da colaboración cos alcaldes no deseño de estratexias conxuntas e cos portavoces no ámbito do asesoramento.

E o voceiro do goberno local, Ramón Cabarcos, fixo balance da “intensa actividade” dos 70 primeiros días de goberno municipal nos que, dende as distintas áreas, se impulsaron iniciativas estratéxicas e proxectos paralizados que viñan demandando os veciños e tamén o Partido Popular dende a oposición. “O inmenso volume de traballo realizado neste tempo senta as bases dunha cidade renovada, máis accesible e mellorada para todos os seus habitantes”.