Miguel Viso destaca que a Comisión do leite inicia os seus traballos coa prioridade de escoitar ao sector para elaborar propostas útiles

O portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, valorou a primeira comparecencia da Comisión non permanente de estudo sobre a situación do sector lácteo, protagonizada polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e subliñou que “hoxe a prioridade era escoitar e formular as preguntas axeitadas”. Segundo explicou, esta primeira sesión debía servir para “comezar a identificar con claridade cales son os factores que realmente están condicionando o prezo do leite”, polo que a intervención do Grupo Popular estivo orientada a afondar nas causas do problema, coñecer os cambios que considera necesarios o sector e as medidas que poden contribuír a mellorar a posición dos produtores.

Viso sinalou que “o verdadeiro obxectivo desta primeira sesión era obter información de calidade que nos permita construír, ao remate dos traballos da Comisión, conclusións sólidas e propostas útiles para o sector lácteo galego”. Neste sentido, lembrou que esta foi “a primeira das moitas voces que pasarán pola Comisión” e destacou que todas elas achegarán visións complementarias da realidade. “Esa pluralidade permitiranos contrastar perspectivas, identificar puntos de encontro e elaborar unha folla de ruta seria, rigorosa e útil para o futuro dun sector estratéxico para Galicia”, concluíu.

O PPdeG pon en valor o esforzo do Goberno galego pola mellora continua de servizos, emprego estable e investimentos no Hospital de Verín

O PPdeG pon en valor o esforzo do Goberno galego pola mellora continua de servizos, emprego estable e investimentos no Hospital comarcal de Verín fronte as manobras partidistas que só xeran “confusión interesada” ante a cidadanía.

“O acceso a unha sanidade pública de calidade esta garantida neste centro”, afirmou a coordinadora de Sanidade, Encarna Amigo, que presidiu a reunión celebrada esta tarde en Verín para analizar os avances na atención sanitaria neste hospital, confrontando os adiantos co “alarmismo e as mentiras” que se están a lanzar desde determinados colectivos, máis o PSOE e BNG “que seguen como sempre o mesmo “modus operandi” de crítica falsa e desmedida aos servizos públicos galegos cando se achegan eleccións.

Encarna Amigo lamentou que socialistas e nacionalistas só saiban “confrontar” e dicir non a todo, criticando as medidas do Goberno de Alfonso Rueda pero “permitindo o indefendible co Goberno de España”, cunha dobre vara de medir que se reflicte na “actitude manseliña” que amosan ante o Goberno central para non denunciar, por exemplo, a falta de profesionais. Un Goberno que é o “único responsable de que non haxa médicos, un problema que afecta a toda España”.

Fronte ao xogo partidista de PSOE e BNG, Encarna Amigo subliñou a continua aposta do Goberno galego polos hospitais comarcais, que no caso de Verín atópase nun dos mellores momentos en prestación de servizos, emprego estable, instalacións actualizadas e modernas e, xa contempladas, futuros investimentos.

MÁIS PROFESIONAIS MÉDICOS E INVESTIMENTOS

Na reunión da Comisión de Sanidade púxose de manifesto que o Hospital de Verín ten unha notable cobertura médica, aumentando nun 37,5% o número de profesionais médicos entre 2024 e 2025, con 15 novos especialistas en áreas clave. Na actualidade, tres de cada catro profesionais teñen praza en propiedade.

Sobre a carteira de servizos, o centro sanitario verinés reforzará a súa atención no próximo mes de setembro cun novo equipo de Hospitalización a Domicilio (HADO) e no tocante a infraestruturas, o hospital posúe un novo edificio con case 1.500 metros cadrados para urxencias e PAC que supuxo un investimento de case 5 millóns de euros, cantidade á que se sumará 1,5 millóns que van ser licitados este ano para o servizo de hospital de día e outras actuacións.

Na cita desta tarde, que tamén contou coa presenza da secretaria xeral do PPdeOU, Sandra Quintas, e do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Santiago Camba, tamén se analizaron os tempos de espera no centro verinés: un veciño da comarca agarda 56 días menos que a media de España para unha cirurxía e 41 menos para unha consulta co especialista, con ata 8 especialidades con menos de vinte días de espera e dúas máis cun só día.

Encarna Amigo rexeitou rotundamente “a politización de temas tan importantes como a sanidade”. Así, denunciou que, mentres o resto de formacións xogan coa tranquilidade da veciñanza, dende o PPdeG “seguiremos traballando como ata agora: por e para a xente e tratando de mellorar os servizos, plantilla, equipamento, tecnoloxía e infraestrutura, de modo constante como vén de facer o Goberno galego”.

Alberto Pazos contrapón a estabilidade e o rigor do Goberno galego co bloqueo permanente e a parálise do Executivo de Pedro Sánchez

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, sinalou que, mentres “o Goberno de Pedro Sánchez vive no bloqueo permanente”, a Xunta traballa para ter aprobados os orzamentos para 2027 en tempo e forma; tras confirmar que o pleno extraordinario onde se debaterá e votará o límite de gasto non financeiro da Comunidade autónoma terá lugar este xoves.

O teito de gasto para 2027 supera, por primeira vez, os 15.000 M€. Unha cifra, destacou, que marcará o traballo do Goberno galego “para que as contas do próximo ano entren en vigor o 1 de xaneiro”, coa previsión de que se presenten, previamente no mes de outubro, no Parlamento de Galicia. Para Pazos, as prioridades para 2027 quedan garantidas: reforzo dos servizos públicos, mellora do acceso á vivenda, impulso do sistema produtivo e organización do mellor Xacobeo da historia.

Segundo Pazos, a Xunta cumpre con rigor cos prazos para que Galicia siga avanzando nun modelo de país que ten como piares fundamentais a estabilidade política e financeira, a solvencia baseada nos recursos propios e unha economía que crece e crea emprego. “Galicia encadeará sete anos consecutivos de crecemento sostible”, engadiu. E puxo en valor a redución da débeda ao 12,6% e a estimación de que a taxa de paro caia ata o 7,7%, “rozando mínimos históricos na nosa Comunidade”. “Esta situación de estabilidade e rigor que vivimos en Galicia contrasta coa parálise que hai a nivel nacional”, apuntou Pazos, quen recordou que o Executivo de Pedro Sánchez “non só non foi quen de aprobar un só orzamento, senón que nin tan sequera se atreveu a presentalo”.

O NON PREVENTIVO DO BNG
O portavoz popular aproveitou, tamén, para afear a actitude do BNG e o seu “non preventivo a todo”, xa que, sen aínda escoitar as explicacións do conselleiro, xa criticou o teito de gasto, ao igual que os orzamentos do vindeiro ano, os cales nin tan sequera están elaborados. “Aquí en Galicia descualifican todo por sistema, pero en Madrid aplauden que se goberne sen orzamentos e apoian un modelo de financiamento prexudicial para Galicia”.

Neste punto, referiuse ao modelo de financiamento que trata de impor o Goberno central, tras pactalo de “forma unilateral e opaca co independentismo catalán” e onde Galicia “de forma clara e evidente sae perdendo”.

Para rematar, o portavoz popular referiuse á situación económica “preocupante” que atravesa a Universidade da Coruña. Unha situación, incidiu, derivada da xestión directa do ex reitor, e ex deputado do Parlamento de Galicia, Julio Abalde, que motivou a actual posición de vulnerabilidade da institución.