O PPdeG non vai “consentir que o Goberno de España” modifique o Regulamento Xeral de Costas introducindo “novos criterios para os límites do deslinde que prexudicarían á nosa costa e aos seus veciños e veciñas”. “Non imos consentir que dende un despacho en Madrid se tomen decisións que prexudican o noso territorio”, insistiu a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, dende Viveiro, un dos múltiples concellos galegos afectados por este cambio normativo que o Executivo central pretende introducir a través dun Real Decreto de medidas de xestión dos riscos de inundación.
Xunto coa responsable da área de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade lucense, Mariña Gueimunde, denunciou que “unha vez máis” o Goberno de Pedro Sánchez “toma unha decisión que prexudica a Galicia”; co agravante de que, neste caso, “temos xa a competencia” sobre o litoral, como respaldou o Tribunal Constitucional. “A pesar diso, o Goberno de España pretende dicirnos como xestionar a nosa costa e como gobernar Galicia”, censurou. Como comunidade con máis quilómetros de litoral de España, “temos dereito a seguir decidindo que facer na nosa costa”, subliñou.
Paula Prado criticou o feito de que o BNG, que “sempre pide máis autogoberno” e “máis competencias”, semella que “non ten nada que dicir” ante o “prexuízo” desta modificación legal para os habitantes e a “actividade económica” na costa. “Ana Pontón está absolutamente calada en relación con esta nova aldraxe a Galicia”, engadiu. Do mesmo xeito, “os alcaldes e alcaldesas do BNG e do PSOE” dos concellos afectados “tampouco defenden aos seus veciños”, dixo, polo que se preguntou “que ten que pasar para que o BNG alce a voz contra Pedro Sánchez e lle diga que basta xa de facer dano a Galicia e ao noso territorio”.
A número dous dos populares galegos avanzou que tanto dende o Goberno autonómico como “dende o PPdeG, dende todos os concellos que gobernamos, seguiremos loitando para defender esa competencia que temos” sobre o litoral, “que é lexítima e legal”. “Dende un despacho en Madrid non se pode intentar gobernar Galicia e gobernar a costa galega”, concluíu.
UNHA “TEIMA IDEOLÓXICA” DO MINISTERIO
Ángeles Vázquez quixo “denunciar publicamente o maltrato que están recibindo os cidadáns por unha teima”, a do Goberno central coa xestión da costa, “que é simplemente ideolóxica e non responde nin ao que poida acontecer coa súa seguridade nin ao coidado medioambiental”, senón que “é algo que vai moito máis alá e que non teñen que pagar os veciños”.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego puxo como exemplo destas prácticas o Edificio Neptuno de Viveiro, ante o cal se reuniron durante a visita con algúns dos seus veciños. Este edificio, segundo explicou, solicitara a prórroga da concesión de ocupación en dominio público marítimo-terrestre, pero “durante 8 anos estivo metida nun caixón”, de tal xeito que Costas do Estado e o Ministerio de Transición Ecolóxica “non lle deron resposta”. A Xunta, unha vez transferido o expediente por parte do Estado, resolveuno en 10 meses, como parte das 1.800 autorizacións concedidas polo Goberno galego desde que Galicia asumiu a xestión do seu litoral hai un ano.
Vázquez detallou que, “de forma extemporánea”, fóra de prazo, Costas emitiu un informe desfavorable sobre a prórroga da concesión, que se ben non é vinculante, advertiu de que si o sería coa reforma do Regulamento de Costas. De saír adiante este cambio legal, e tal e como figura no devandito informe, a explotación para arrendar as vivendas ou locais do edificio tería que someterse a concurso público. Isto supón “tratar igual un chiringuito que un edificio de vivendas que un hotel ou que calquera outra actividade que se leve a cabo na costa”, explicou.
A pretensión do Goberno central, lembrou Vázquez, é que non se concedan prórrogas nas concesións; e que aquelas xa concedidas se revisen de oficio e se retiren. E, adicionalmente, que calquera espazo onde chegue a onda dun temporal pase de ser privado a formar parte do dominio público, como figura nun artigo do Real decreto sobre inundacións. “Isto é: expropiar sen pagar e prohibir sen investir”, resumiu. Fronte a esta pretensión, a Xunta traballa para presentar as alegacións pertinentes.
UN CAMBIO “INVIABLE” E “AGOCHADO”
Mariña Gueimunde cualificou de “inviable” a modificación do Regulamento de Costas que pretende introducir o Goberno central, ao que demandou que “deixen” de “agochar detrás de decretos decisións” que “nos prexudican a todos”. A rexedora reclamou “seguridade” para un concello como Viveiro, onde “case todo o espazo urbano forma parte” do litoral, fronte a medidas que “comprometen non só os espazos municipais, senón tamén ás persoas”.
