O PP de Ourense esixe a ADIF unha revisión integral do seu plan de prevención, garantindo a limpeza urxente das vías e un control exhaustivo dos trens para evitar máis incendios

O PP de Ourense esixe a ADIF unha revisión integral do seu plan de prevención, garantindo a limpeza urxente das vías e un control exhaustivo dos trens para evitar máis incendios forestais como os rexistrados durante o mes de xullo na contorna das liñas ferroviarias que pasan pola provincia de Ourense.

Así se recolle na Proposición non de lei rexistrada polos representantes do PP no Congreso, tal e como explicaron a pé de vía, na liña convencional Ourense-Santiago de Compostela, o deputado Celso Delgado e o senador Manuel Baltar, onde expresaron a súa “preocupación polos reiterados incendios forestais ocasionados ao paso de trens de mercancías”, así como pola falta de “unha acción decidida do ADIF para solucionar o problema”.

Ante a ineficacia demostrada dos actuais protocolos, denunciaron, a iniciativa parlamentaria reclama ao Goberno unha auditoría e unha nova avaliación total do plan preventivo de ADIF, que se garanta de forma inmediata a roza das marxes ferroviarias, o reforzo do mantemento de infraestruturas e unha supervisión estrita dos sistemas de freado e motores dos trens para erradicar o risco de incendios.

Celso delgado e Manuel Baltar denuncian que a infraestrutura ferroviaria converteuse “nun factor adicional de risco para o medio natural e a seguridade na provincia”. Como proba diso, advirten que desde o pasado 22 de xuño orixináronse 10 incendios forestais nas proximidades das vías do tren en Ourense.

O episodio máis grave viviuse o pasado 13 de xullo, cando se declararon case simultaneamente oito incendios forestais nos municipios de Maside, Ourense, Amoeiro e Punxín tras o paso dun tren de mercancías pola vía convencional que une Ourense e Santiago. Estes lumes, que calcinaron máis de oito hectáreas, obrigaron tamén a cortar a circulación durante máis de dez horas.

“É evidente que o actual Plan de prevención contra incendios, vixente ata maio de 2027, non está a funcionar”, advirten os representantes na Cortes Xerais. Lembran neste sentido que estes incidentes non son feitos illados. Os tribunais xa condenaron a ADIF e Renfe polo incendio de Boborás en 2015 —que queimou 180 hectáreas— ao quedar acreditado que o lume prendeu pola falta de limpeza e o mal estado dun tren. Ademais, rexistráronse incidentes recentes como os apagamentos de agosto de 2025 ou o corte de vía en San Cibrao das Viñas o pasado mes de xuño pola caída de árbores sobre a catenaria.

Para os populares, resulta “imprescindible e urxente” que o Goberno asuma as súas responsabilidades e execute estes labores nunha provincia que soporta altas temperaturas e un elevado risco de incendios durante os meses de verán