O PPdeG urxe ao Goberno central medidas de vixilancia permanente ante as interaccións de candorcas con embarcacións no litoral galego

O PPdeG insta ao Goberno central a que active as medidas necesarias co fin de garantir a seguridade da navegación ante a repunta de interaccións de candorcas con embarcacións no litoral galego; as cales causaron xa graves danos materiais, principalmente na rotura de temóns, e están a poñer en serio risco a integridade dos seus navegantes.

A través dunha proposición non de lei, o Grupo Parlamentario Popular esixe ao Executivo de España o deseño e posta en marcha dun sistema permanente de seguimento, vixilancia e resposta coordinada a través dos medios públicos competentes. Entre as medidas propostas, o deputado popular Fernández Rosende, impulsor da iniciativa, destacou a necesidade de que se advirta en tempo real aos navegantes sobre a localización exacta e os movementos destes mamíferos mariños, ademais de que se preste asistencia inmediata no mar en caso de producirse un incidente ou avaría crítica.

Segundo expuxo o parlamentario popular, a situación afecta con especial gravidade á náutica de recreo, un sector estratéxico para o turismo e a economía de Galicia. Moitas destas embarcacións proceden doutros países europeos e viaxan con familias a bordo, o que xera unha profunda preocupación e prexuízo directo para o desenvolvemento da actividade náutica na nosa comunidade.

Os populares sinalan que as recomendacións e os protocolos de actuación actuais dirixidos aos navegantes para evitar novos incidentes “non están a resultar suficientes”, posto que recentemente se volveron rexistrar encontros en augas galegas que remataron con naves avariadas e, nalgúns casos, afundidas.

Ante esta problemática, o Grupo Popular reclama unha solución que equilibre dous factores esenciais: a protección das persoas e a conservación e protección dunha especie estritamente protexida. Así, a iniciativa avoga, tamén, porque o Goberno central, a través da Dirección Xeral da Mariña Mercante, tome medidas para minimizar os episodios de risco, garantindo en todo momento as estritas directrices de conservación e benestar desta especie, mediante unha estreita colaboracións cos medios de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.

O PPdeG advirte que o Goberno de Sánchez pretende reducir ou eliminar servizos de transporte por estrada en Galicia, incumprindo a lei aprobada no Congreso

O PPdeG condena que “o Goberno de Sánchez insista en desconectar Galicia e converter a nosa Comunidade nun territorio cada vez máis illado” á vista de que pretende reducir ou eliminar rutas, paradas e frecuencias no transporte nacional por estrada “prexudicando, especialmente, a conectividade e mobilidade do rural” e incumprindo a lei aprobada no Congreso dos Deputados.

Así o afirmaron os deputados nacionais Francisco Conde e Jaime De Olano nunha visita a Ribadeo xunto ao alcalde, Daniel Vega. Alí advertiron que “o Goberno de Sánchez non está cumprindo coa Lei de Mobilidade Sostible” que incluía as demandas do Partido Popular para garantir rutas, paradas e frecuencias e fixaba a obriga de definir o novo Mapa Concesional estatal garantindo principios de vertebración territorial, accesibilidade universais e conectividade equilibrada entre rexións.

Conde puxo en valor que o Partido Popular fora capaz de lograr o apoio da maioría do Congreso para sacar adiante a súa proposta para manter como mínimo os servizos actuais sen suprimir ou minorar. Esta iniciativa contou coa oposición do Goberno (PSOE e Sumar) e a abstención do BNG que, “coma sempre, non defendeu os intereses de Galicia e o mantemento dos servizos”, engadiu.
O Goberno galego ten presentado alegacións reclamando o mantemento dos servizos actualmente existentes nas concesións estatais incluíndo as paradas fixas e a restitución das rutas rápidas e de longo percorrido eliminadas. E, adicionalmente, o reforzo das conexións coa zona norte da Península, Madrid e Salamanca e unha mellora das conexións coas universidades do noroeste peninsular, especialmente nas fins de semana.

Neste sentido, os populares esixen “explicacións ao Ministro Puente” agardando que “rectifique e atenda as alegacións presentadas pola Xunta” ao novo Mapa Concesional de transporte estatal por estrada. “É unha oportunidade para que o Ministerio corrixa a súa proposta e cumpra a lei”, indicou Conde.

Ademais, o deputado lucense lembra que “o novo mapa reduce nun 32% as rutas con parada en Galicia, elimina máis de 4.500 servizos anuais” que afectan a 17 concellos galegos e substitúe paradas fixas por servizos baixo demanda en 30 concellos. Por iso, os populares reclaman o mantemento das paradas fixas toda vez que as paradas a demanda supoñen “unha redución na calidade deste servizo público ao introducir un novo trámite previo que pode supoñer unha barreira para o acceso ao transporte para as persoas maiores”.

RIBADEO, UN DOS CONCELLOS MÁIS PREXUDICADOS

Como explicaron os populares na súa visita a Ribadeo, a proposta do Goberno de Sánchez reduce ou elimina conexións dende Galicia con distintos puntos da península coma Cantabria, o País Vasco, Barcelona, Extremadura ou Andalucía. De feito, a provincia de Lugo vese afectada por varias supresións como a da conexión Santiago-Barcelona e Pontevedra-Salou que pasan por Monforte de Lemos; o treito Salamanca-Alxeciras na ruta Ferrol-Salamanca de forma que Lugo perdería conexións con Extremadura e Andalucía; a ruta rápida entre A Coruña-Madrid con parada en Lugo e a redución de frecuencias dende A Coruña con Madrid, Salamanca e Ponferrada.

Ribadeo é un dos concellos galegos máis prexudicados ante este novo agravio do Goberno central. Coa proposta do Goberno de Sánchez perdería 482 frecuencias anuais. Ademais, a unificación das rutas Ribadeo – Madrid e Luarca – Lugo suporía a perda dun servizo diario de setembro a xuño entre Luarca e Lugo. De feito, entre as alegacións da Xunta atópase engadir unha parada fixa en Ribadeo na ruta Xixón – Santiago. Mentres que o Goberno de Sánchez pretende reducir servizos a Ribadeo, o alcalde Daniel Vega reivindicou “os servizos públicos” e defendeu “a súa mellora continua”.

DISCRIMINACIÓN A GALICIA E FALTA DE DIÁLOGO

Os populares advirten dun novo exemplo de “discriminación a Galicia e falta de vontade de diálogo do Estado coas Comunicades Autónomas”. De feito, unha vez máis, “o Goberno de Sánchez actúa de forma unilateral, dende a imposición e sen dialogar nin tratar de chegar a consensos coas CC.AA. e o propio sector”.

Os deputados do PPdeG afean a “falta de vontade” do Goberno do Estado por abordar este asunto cos representantes das CC.AA. toda vez que “na Conferencia Sectorial de Transportes de finais do mes de xullo, que non se convocaba dende xullo do 2022 e á que non asistiu o ministro Puente, non incluíu o novo Mapa Concesional nin os problemas do transporte ferroviario”.