O PPdeG leva ao Senado unha iniciativa de impulso para esixir ao Goberno de Sánchez, con carácter inmediato, un calendario detallado e definitivo para a finalización das obras e a posta en servizo da totalidade da autovía A-54 entre Lugo e Santiago ante “os reiterados incumprimentos sen explicar as causas dos atrasos e as modificacións dos proxectos, que demostran falta de previsión, sen aclarar os sobrecustos”.
Os senadores galegos José Manuel Barreiro e Juan Serrano presentaron en Palas de Rei, acompañados polo alcalde do municipio, Pablo Taboada, e o rexedor de Guntín, Ángel Pérez, a iniciativa que se debaterá na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Alta.
Barreiro considera que “a actitude do Goberno supón unha falta de respecto aos galegos en xeral e aos lucenses en particular que levan anos agardando unha infraestrutura comprometida e reiteradamente aprazada”. De feito, o propio Goberno anunciara que entraría en servizo a finais do 2025 e, incumprido ese prazo, trasladou a data de apertura para este verán “sen que se vexa cumprido ese compromiso”.
“Durante a execución dunha gran infraestrutura poden xurdir incidencias técnicas, pero é inaceptable que non se asuman responsabilidades nin se proporcione un calendario fiable”, segundo manifesta o popular. Así, indica que “presentamos esta iniciativa no Senado -onde o Grupo Popular dispón de maioría- para darlle un mandato claro ao Goberno de Sánchez” en relación a esta infraestrutura que é clave para a vertebración do interior de Galicia.
Barreiro lembrou tamén que recentemente, o pasado 14 de xullo, “os senadores do PP lucense dirixíamos unha solicitude á Delegación do Goberno en Galicia para que nos autorizara, como representantes das Cortes Xerais, a realizar unha visita ás obras do tramo Melide Sur – Arzúa Oeste. Pero non respondeu. Iso demostra a falta de vontade por dar explicacións sobre a situación das obras”.
UN SÍMBOLO DA POLÍTICA DE INFRAESTRUTURAS
“A A-54 converteuse no símbolo da política de infraestruturas do Goberno en Galicia: ausencia de orzamentos, falta de planificación, improvisación constante e anuncios que nunca se corresponden coa realidade das obras”, segundo manifestan os populares.
Os representantes do Partido Popular inciden, ademais, en que “non é un caso illado”. A provincia de Lugo continúa esperando avances reais na A-56 entre Lugo e Ourense, mentres a A-74 da Mariña permanece instalada nos anuncios e nos estudos. A A-76 entre Ourense e Ponferrada tampouco rexistra progresos acordes cos compromisos asumidos. “O denominador común é sempre o mesmo: anos de espera, escasas certezas e ningunha vontade política de acelerar as infraestruturas que Galicia necesita”, engaden.
Barreiro cre que “Lugo non pode seguir sendo condenada ao atraso nin tratada como unha provincia de segunda” e pídelle ao Goberno que “cumpra os seus compromisos, execute as obras anunciadas e explique con transparencia por que unha infraestrutura que debía estar finalizada continúa sen data de apertura”.
INCUMPRIMENTOS E PREXUÍZOS AOS VECIÑOS DE PALAS
O alcalde de Palas, Pablo Taboada, tamén se sumou á condena dos atrasos no remate da A-54 que supón “un importantísimo prexuízo económico para a nosa comarca” porque “é imposible desenvolver ningún proxecto empresarial con estas comunicacións”. E tamén afecta ao sector turístico. Así mesmo, afeou que a pesar de que o Estado dispón dos terreos expropiados, nada se sabe da área de servizo nin da rotonda de Remonde, “que afecta aos veciños de Palas de Rei, Antas de Ulla, Agolada e Melide”.
O rexedor tamén lembrou que “as vías de servizo e camiños municipais continúen deteriorados a consecuencia das obras do tramo entre Palas e Melide. Había un compromiso da Subdelegación do Goberno para reparar as vías o verán pasado, pero non se cumpriu. Continúan en mal estado causando prexuízos aos veciños”, segundo advirte.
PROPOSTAS DE ACORDO
O Grupo Popular esixirá ao Goberno de España, ademais dun calendario detallado; explicar as razóns dos incumprimentos, remitir ao Senado dun informe completo das causas dos sucesivos atrasos, modificacións e actuacións complementarias, informar sobre o orzamento inicial e o custo actualizado, adoptar medidas para garantir o cumprimento do novo calendario e informar periodicamente ao Senado sobre a evolución das obras.
