O PPdeG esixe ao Goberno que rectifique a supresión do financiamento estatal para as novas prazas de medicina na USC

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, instou, hoxe, ao Goberno central a que rectifique de inmediato a súa decisión de suprimir, para o curso 2026-2027, o financiamento estatal destinado ás novas prazas de primeiro curso do Grao en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

“É inadmisible”, dixo Pazos, quen apuntou que a decisión do Executivo de Pedro Sánchez supón “un grave prexuízo” para o noso sistema universitario e para a formación de futuros médicos; ademais de que contradí a necesidade –amplamente recoñecida por expertos e administracións- de incrementar a capacidade formativa das facultades de Medicina para facer fronte á escaseza de facultativos, garantir o relevo xeracional e cubrir as demandas asistenciais da cidadanía.

2M€ E 138 PRAZAS PARA GALICIA
O portavoz popular recordou que foi en outubro de 2025 cando o Goberno central anunciaba unha achega de 2M€ para o financiamento de 138 prazas na USC, incidindo en que se trataba dunha medida para atender unha necesidade estrutural do sistema sanitario de contar con máis profesionais médicos e solicitaba a colaboración na financiación das Comunidades autónomas: “A Xunta de Galicia atendeu ese requirimento. A USC, tamén”.

Tal e como expuxo, é “imprescindible” que o Goberno de España manteña o compromiso financeiro adquirido e evitar, así, que se castigue o esforzo feito por Galicia, logo de que as universidades realizaran importantes esforzos organizativos, docentes e de infraestruturas para ampliar a súa oferta académica. Asemade e tal e como denunciou o representante popular, a retirada unilateral de fondos estatais xera unha inseguridade institucional que dificulta de forma irresponsable a planificación universitaria a medio e longo prazo.

Por todo isto, o Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento unha proposición non de lei na que solicita que o Goberno galego traslade ao Executivo central unha serie de demandas urxentes. En concreto, reclama que se garantan os recursos económicos necesarios para soster a ampliación de prazas de Medicina, evitando que as universidades galegas teñan que asumir con fondos propios unhas competencias que derivan directamente dunha política de planificación sanitaria de ámbito estatal.

Finalmente, o texto insta a abrir unha mesa de diálogo coas Comunidades e as universidades públicas para acordar “un modelo de financiamento estable, suficiente e plurianual” que dea continuidade á ampliación da oferta de estudos.

Para Pazos, urxe que o Goberno de España “cumpra coa súa palabra” financeiro adquirido coa formación de profesionais sanitarios e garanta que as decisións en materia de financiamento universitario responden ás necesidades reais do Sistema Nacional de Saúde e non comprometen a igualdade de oportunidades do alumnado nin a calidade da educación superior.

UN ÉXITO ORGANIZATIVO
Por outra banda, Pazos puxo en valor o esforzo e o traballo en equipo de forma coordinada “de miles de profesionais e persoal voluntario” que participaron nos dispositivos despregados pola Comunidade con motivo da eclipse solar total, que tivo lugar esta mesma semana; ao tempo que salientou o gran labor de xestión e de previsión desenvolvido polo Goberno galego: “Galicia demostrou que sabe estar á altura dos grandes desafíos, unindo o éxito organizativo coa seguridade de toda a cidadanía”.

Para o portavoz popular, non só se puxo de manifesto a capacidade organizativa, senón que este fenómeno astronómico único e singular deixa “un magnífico balance” cunha alta ocupación hostaleira e unha gran afluencia de visitantes.

E avogou porque a mesma vontade de colaboración e entendemento que o Goberno central amosou na coordinación do dispositivo para a eclipse solar total “non fose unha excepción”, senón que se “trasladase a outros asuntos importantes que hoxe Galicia ten enriba da mesa e nos que, lamentablemente, máis que colaboración, o que nos atopamos son continuos atrancos”.

O Partido Popular pon en valor o turismo e a convivencia fronte a un BNG sectario que non ofrece servizos nin solucións

Nunha intervención ante os medios de comunicación, hoxe, as deputadas nacionais do Partido Popular, Marta González e Tristana Moraleja, xunto ao noso concelleiro, Adrián Villa, fixeron un balance da colaboración do Goberno central coa capital de Galicia. Así Marta González puxo en valor o turismo como “unha oportunidade económica e social para Santiago e para Galicia” e defendeu a necesidade de apostar pola convivencia entre visitantes e residentes, fronte “á falta de planificación do Goberno de España e a política de turismofobia, opacidade e ausencia de servizos básicos do goberno de BNG e CA”.

Marta González denunciou a “desatención, deixadez e apatía” do Goberno de España na preparación do próximo Ano Santo e lembrou que o Executivo estatal continúa gobernando cuns Orzamentos Xerais do Estado prorrogados desde 2023, aprobados ademais na anterior lexislatura.

“Esta situación -explicou- impide unha planificación adecuada das necesidades económicas para obras públicas, infraestruturas, investigación ou servizos e, por suposto, dificulta tamén unha correcta planificación e apoio a un acontecemento de excepcional interese público como é o Xacobeo 2027”.

González cualificou de “inadmisible” que a Comisión Interadministrativa do Xacobeo 2027 se constitúa a só catro meses do inicio do Ano Santo, cando o Grupo Parlamentario Popular xa reclamara en novembro de 2024 que o Xacobeo fose declarado acontecemento de excepcional interese público.

“Primeiro vetaron a iniciativa do PP alegando unha suposta redución de ingresos, meses despois incorporaron o Xacobeo a ese réxime e agora, a catro meses de 2027, constitúen a comisión que debe canalizar a cooperación entre administracións e os incentivos fiscais”, agregou.

Para a deputada popular, “Galicia non pode seguir sendo vítima da falta de interese dun Goberno central que chega tarde ás cuestións fundamentais para a nosa comunidade mentres dispensa un trato moi diferente a outros territorios”.

Tristana Moraleja reclama a Óscar Puente infraestruturas para Galicia

Pola súa banda, Tristana Moraleja puxo o foco nas infraestruturas e denunciou “a falta de apoio e investimento” do Ministerio de Transportes que dirixe Óscar Puente, sobre todo, na provincia da Coruña e nas conexións fundamentais para Santiago.

Moraleja referiuse á situación do ferrocarril, marcada polas “continuas incidencias, atrasos e cancelacións que afectan diariamente aos usuarios”, e lembrou que o PP presentou varias iniciativas no Congreso reclamando ao Goberno de España “un plan urxente de mantenmeto e investimentos que garanta un servizo ferroviario fiable e de calidade para Galicia”.

“Non podemos permitir -subliñou- que os galegos paguen cada vez máis e reciban uns servizos públicos cada vez peores, cando utilizan o tren para traballar, estudar, acudir a unha consulta médica ou simplemente desprazarse”.

A deputada popular advertiu tamén da necesidade de completar a autovía Santiago-Lugo, coa finalización do tramo Arzúa-Melide, unha infraestrutura especialmente relevante porque permitirá separar definitivamente o tráfico pesado do trazado do Camiño Francés.

“A isto súmanse, agregou, os problemas de conectividade aérea de Santiago, a situación da estación ferroviaria, o previsto peche do seu aparcamento en setembro e as carencias detectadas en materia de seguridade tras o incendio das dependencias da Policía Nacional”.

“Estamos ás portas dun acontecemento internacional da dimensión do Xacobeo e Galicia necesita infraestruturas, conectividade e servizos á altura. Iso é o que lle reclamamos ao ministro Óscar Puente: planificación, investimentos e solucións”, afirmou.

“O BNG cobra a taxa turística, pero non presta os servizos”

O concelleiro do PP de Santiago Adrián Villa denunciou tamén que, fronte á aposta dos populares por un turismo “ordenado, sustentable e compatible coa calidade de vida dos santiagueses”, o goberno de BNG e CA “segue instalado na turismofobia e no sectarismo”.

Villa lembrou que Santiago é unha cidade referente do turismo e advertiu de que “o que ten que facer un goberno responsable é aproveitar esa fortaleza económica para prestar mellores servizos tanto aos que nos visitan como aos propios veciños”.

Neste sentido, criticou a “opacidade” coa que o goberno nacionalista decidiu o destino dos 1,7 millóns de euros recadados coa taxa turística, “sen consenso real co sector e sen destinalos a necesidades básicas que son perfectamente visibles nas rúas”. “Só hai que percorrer o casco histórico para atopar papeleiras desbordadas, colectores cheos, problemas de limpeza, falta de presenza de efectivos de seguridade e ausencia de información a pé de rúa que permita atender aos visitantes e distribuír os fluxos turísticos”, explicou.

Por iso, Villa preguntouse “onde están eses 1,7 millóns e por que non se utilizan para reforzar os servizos que necesitan tanto os visitantes como os santiagueses”.

“Fronte á turismofobia do BNG, nós defendemos un modelo no que o turismo sexa unha oportunidade, cunha estratexia clara e cunha convivencia real entre o sector, os visitantes e os veciños”, afirmou.

O edil popular concluíu asegurando que “Santiago necesita un cambio de rumbo e un goberno liderado por Borja Verea que volva prestar os servizos básicos, xestione con transparencia os recursos municipais e coloque de novo a Compostela no lugar que lle corresponde”.