O Partido Popular de Galicia advirte de que, se se aproba a proposta de reforma do financiamento autonómico do Goberno de Pedro Sánchez, Galicia afrontaría o peor financiamento da súa historia.
A viceportavoz do Grupo Popular Cristina Sanz denunciou hoxe, en rolda de prensa, que o modelo deseñado polo Goberno central prexudica claramente aos galegos e rompe cos principios de igualdade e solidariedade que deben rexer o financiamento das comunidades autónomas.
Un dos datos que, ao seu xuízo, evidencia esta discriminación é que Galicia representa case o 6 % da poboación española, pero recibiría apenas o 2,4 % dos recursos adicionais previstos na proposta.
Para os populares galegos, non se trata dun problema de falta de recursos para o conxunto das comunidades, senón dos criterios escollidos polo Goberno para repartilos. Un reparto que deixa Galicia nunha posición claramente desfavorable.
Ademais, o novo modelo reduce o peso da poboación axustada e resta importancia a factores especialmente relevantes para Galicia, como a dispersión territorial e o avellentamento da poboación, que incrementan o custo de prestar servizos públicos no territorio galego.
O PPdeG considera tamén inaceptable que “o principio de ordinalidade se convirta nun principio central do novo SFA”, e que teña maior relevancia que criterios como a igualdade e a solidariedade, favorecendo así de xeito permanente ás comunidades con maior capacidade económica”.
CASE 1.000M€ DE PREXUÍZO PARA GALICIA
As consecuencias económicas para Galicia son, segundo Cristina Sanz, especialmente graves. O modelo de financiamento e a denominada “condonación da débeda” propostas polo Goberno central suporían un prexuízo para Galicia de case 1.000 millóns de euros.
Esta cifra inclúe, segundo indicou a deputada popular, 600 millóns de euros de incremento da débeda e 305 millóns menos que a media das comunidades autónomas de réxime común segundo a proposta do novo sistema.
Pero este prexuízo non queda nunha cuestión contable. Menos financiamento significa menos capacidade para prestar servizos públicos aos galegos.
“Significa menos recursos para a sanidade pública, a educación, a dependencia e os servizos sociais, pero tamén para o rural, o coidado das persoas maiores ou a prevención e extinción dos incendios forestais” indicou a viceportavoz popular.
En definitiva, supón menos capacidade para atender as necesidades dos galegos e para manter uns servizos públicos de calidade en todo o territorio.
COMUNIDADES DE PRIMEIRA E COMUNIDADES DE SEGUNDA
O Partido Popular de Galicia considera que a proposta do Goberno central vai máis alá dunha reforma técnica do sistema de financiamento. O que está en xogo é o modelo territorial de España e o principio de igualdade entre todos os cidadáns.
O denominado financiamento singular de Cataluña representa, ao entender do PPdeG, unha nova cesión política de Pedro Sánchez aos seus socios independentistas.
Segundo Cristina Sanz, o PPdeG non cuestiona que Cataluña ou calquera outra comunidade teña dereito a contar cun financiamento adecuado. O que rexeita é que se establezan privilexios territoriais en función das necesidades parlamentarias do Goberno central.
Para os populares galegos, non é aceptable premiar as comunidades que condicionan a estabilidade do Executivo mentres se penaliza a territorios como Galicia, que actuaron con responsabilidade financeira e mantiveron uns servizos públicos de calidade.
O BNG TAMPOUCO ACEPTA A PROPOSTA
O PPdeG considera tamén relevante que o propio BNG recoñecese que o modelo proposto é “inválido” para Galicia.
Porén, os populares galegos critican que esa posición non se traduza nunha esixencia firme de responsabilidades aos seus socios políticos no Goberno de España.
O PPdeG reclama ao BNG que deixe de lado as súas alianzas e defenda os intereses de Galicia por riba de calquera acordo político. Para os populares, non é suficiente con cualificar a proposta como inadecuada: é necesario opoñerse a un modelo que prexudica economicamente á comunidade.
GALICIA NON PIDE PRIVILEXIOS, PIDE IGUALDADE
O Partido Popular de Galicia deixa claro que Galicia non pide ser máis ca ninguén, pero tampouco aceptará ser menos, Galicia pide igualdade.
Pide un financiamento que respecte o seu peso demográfico e que teña en conta as súas características propias, especialmente o avellentamento da poboación, a dispersión territorial e o sobrecusto que implica garantir servizos públicos de calidade en todo o territorio.
Pide tamén que a reforma do sistema se negocie no Consello de Política Fiscal e Financeira, coa participación de todas as comunidades autónomas, con transparencia, criterios técnicos e consenso institucional.
O financiamento autonómico non pode decidirse a porta pechada nin converterse nunha moeda de cambio para garantir a estabilidade dun Goberno.
Por iso, o PPdeG, segundo anunciou Cristina Sanz, impulsará iniciativas no Parlamento de Galicia para defender a igualdade entre todos os españois, a solidariedade entre territorios e un sistema de financiamento xusto para Galicia.
“Porque o que está en xogo é moito máis ca unha repartición de recursos. Está en xogo a capacidade de Galicia para financiar a sanidade, a educación, os servizos sociais e o resto dos servizos públicos que necesitan os galegos” indicou a deputada popular, sinalando que a posición do Partido Popular de Galicia é clara: Galicia non quere privilexios. Galicia pide igualdade.

