O PPdeG denuncia que o acordo de PSOE e BNG sobre a AP-9 pode trasladar a Galicia unha factura de ata 4.000 M€

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, advertiu hoxe de que a transferencia da AP-9 será unha das principais materias pendentes na volta do curso político e reclamou que se materialice respectando “escrupulosamente” o acordo unánime aprobado polo Parlamento de Galicia, xa que a “estafa do acordo de PSOE e BNG pode chegar a custarlle 4.000 M€ aos galegos”.
Rodríguez subliñou que “a AP-9 nin é galega nin moito menos gratuíta” e denunciou que, en 2026, os galegos pagan as peaxes máis altas da historia desta autoestrada, que volveu converterse na máis cara de España e nunha das máis caras de Europa.

Fronte a isto, lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez decretou a gratuidade de máis de 1.000 quilómetros de vías de pago no resto de España, mentres Galicia segue pagando por unha infraestrutura que percorre integramente o territorio galego.

“TRAIZÓN” AO ACORDO UNÁNIME E AOS GALEGOS

O portavoz popular lembrou que durante 16 anos existiu unanimidade no Parlamento de Galicia para reclamar unha transferencia da AP-9 “libre de cargas”, unha posición común que, segundo denunciou, PSOE e BNG romperon en maio ao apoiar en Madrid un acordo que rebaixa e deixa sen garantías as condicións aprobadas pola Cámara galega.

“O BNG quere para Galicia o que os nacionalistas cataláns non queren para Cataluña”, afirmou Rodríguez, quen cualificou o acordo de “traizón ao acordo unánime deste Parlamento e unha estafa a Galicia e aos galegos”.

O portavoz de Infraestruturas criticou tamén que se pretenda presentar o novo acordo como equivalente ao aprobado en Galicia. “Se isto fose certo, para que cambialos?”, preguntou, e advertiu de que o texto pactado introduce modificacións substanciais nas condicións da transferencia.

MENOS GARANTÍAS E UNHA POSIBLE FACTURA DE 4.000 M€

Roberto Rodríguez denunciou que o acordo de PSOE e BNG elimina ou rebaixa garantías que aseguraban que o Estado asumise os custos derivados das súas propias decisións durante o período no que foi titular da infraestrutura.

Entre outras cuestións, sinalou que se trasladan a unha futura Comisión Mixta de Transferencias aspectos esenciais que deberían quedar determinados pola propia lei, como o alcance das competencias, novos tramos ou novas bonificacións. Ademais, desaparecen as garantías para que o Estado asuma as actuacións e infraestruturas xa comprometidas e as que puidesen ser necesarias no futuro, así como os recursos necesarios para ampliar as bonificacións.

Rodríguez advertiu tamén de que se elimina a obriga estatal de asumir as consecuencias económicas das decisións que non sexan responsabilidade de Galicia, a supresión do incremento acumulativo do 1 % anual das tarifas durante 20 anos e a cláusula de garantía ante unha eventual nulidade das prórrogas da concesión.

Sobre este último aspecto, reclamou que calquera responsabilidade derivada dunha eventual decisión europea recaia sobre os gobernos estatais que aprobaron as sucesivas prórrogas e non sobre os galegos. “Se Europa decreta a nulidade da prórroga, que se esixan as responsabilidades que se teñan que esixir aos gobernos do Estado que aprobaron sucesivas prórrogas, pero nunca a responsabilidade pode recaer no peto dos galego”, afirmou.

Segundo o portavoz popular, o conxunto destas modificacións pode supoñer unha factura de ata 4.000 millóns de euros para Galicia. “O que debería pagar Sánchez, o BNG quere que o paguemos os galegos”, asegurou.

 

NON A UNHA “TRANSFERENCIA TRAMPA”

O Grupo Popular reiterou o seu apoio á transferencia da AP-9 e reclamou que se materialice canto antes, pero sempre respectando as condicións aprobadas polo Parlamento galego.

“Queremos a transferencia, pero non unha transferencia trampa”, resumiu Rodríguez. “Non unha transferencia incompleta, insuficientemente financiada ou que traslade a Galicia as consecuencias das decisións adoptadas polo Estado con carácter previo”.

Neste sentido, defendeu que Galicia debe recibir unha infraestrutura libre de cargas, co financiamento necesario para a súa xestión futura e sen asumir os custos derivados das decisións adoptadas polo Estado cando a infraestrutura estaba baixo a súa titularidade.

COMISIÓN BILATERAL, UNHA OPORTUNIDADE PARA CORRIXIR O ACORDO

Rodríguez referiuse tamén á solicitude da Xunta de Galicia para convocar a Comisión Bilateral de Cooperación co Estado, co obxectivo de aclarar e resolver as discrepancias existentes arredor da lei de transferencia da AP-9.

O portavoz popular considerou que esta comisión debe ser unha oportunidade para recuperar a posición defendida unanimemente polo Parlamento galego e advertiu de que a redacción finalmente aprobada presenta modificacións substanciais e mesmo, ao seu xuízo, dúbidas de constitucionalidade.

En concreto, criticou que a lei non determine directamente cuestións esenciais da transferencia e as deixe para unha futura Comisión Mixta. “Unha lei orgánica de transferencia debe determinar directamente o contido esencial do traspaso, mentres que a Comisión Mixta debe limitarse a executar ese mandato legal”, sinalou.

O PPdeG reclama así que a AP-9 se transfira canto antes, pero «libre de cargas», garantindo os recursos necesarios para a súa xestión e evitando que os galegos teñan que asumir unha “factura retardada” que pode alcanzar os 4.000 M€.
MALTRATO CONTINUO A GALICIA
Pero o maltrato a Galicia non remata coa AP-9, indicou Roberto Rodríguez, e a falta de orzamentos do Goberno central ten consecuencias directas para Galicia: “A prórroga das contas conxela investimentos, atrasa obras e deixa sen resposta necesidades urxentes de conservación. Mentres os prezos soben, os recursos permanecen estancados, polo que cada ano se poden manter menos quilómetros de estrada”.
O resultado é unha rede viaria estatal cada vez máis deteriorada, segundo o portavoz de Infraestruturas, con problemas na A-8, A-52 e A-6 e firmes en estado crítico en numerosas estradas nacionais. Fronte á parálise do Goberno central, a Xunta incrementa en 2026 ata os 71,6 millóns de euros o investimento na conservación e mellora das estradas autonómicas, unha cifra histórica que contrasta coa falta de compromiso do Estado con Galicia.
E Galicia leva anos tamén esperando por infraestruturas viarias comprometidas polo Goberno central, segundo Roberto Rodríguez. A A-54 segue pendente de completar entre Santiago e Lugo; a A-76 acumula 20 anos sen ningún quilómetro en servizo; a A-56 avanza con importantes atrasos e a A-74 da Mariña aínda non ten obras contratadas. Son infraestruturas fundamentais para Galicia que seguen atrapadas na lentitude e na falta de compromiso do Executivo central, rematou dicindo o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular.