O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fai un chamamento a “cargar as pilas” de cara aos próximos retos electorais, animando á “unidade” e defendendo que os populares “non miran o calendario, miran á xente e resolven problemas”, mediante o único camiño posible: o do “sentidiño”, a “humildade” e o “traballo”, fronte aos socialistas galegos que “din que si a todo o que di Sánchez, aínda que prexudique a Galicia”, ou aos independentistas galegos do “non a todo”. Neste punto, tamén fixo referencia a outros partidos sen representación no noso territorio, “que seguen sen entender porque aquí non teñen presenza”.
No tradicional acto de inicio de curso político do Partido Popular celebrado hoxe en Cerdedo Cotobade, o líder dos populares galegos subliñou que Galicia “está para resolver, fronte aos que miran para outro lado ou se dedican só a crispar e berrar”. Para Rueda, o PPdeG seguirá traballando na resolución de problemas con “determinación, orgullo, valentía e estando na rúa coa xente”. Así o manifestou no acto ao que asistiron unhas 1.000 persoas e no que estiveron presentes o presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo; o presidente honorífico do PPdeG, Mariano Rajoy; o secretario xeral nacioal do PP, Miguel Tellado; a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente do PP da provincia de Pontevedra, Luis López; o alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, así como outros representantes do partido a nivel autonómico e nacional.
Facendo referencia ás próximas eleccións, destacou que no caso das Xerais, que serán “cando a Sánchez lle interese convocalas”, o PP “estará listo para que se acabe este pesadelo, da man dun Goberno de Alberto Núñez Feijóo”.
No caso das eleccións municipais, animou aos populares a seguir traballando e perfilando equipos con “ilusión” e “forza”, de xeito que o PPdeG consolide gobernos e mellore resultados onde sexa necesario, “sen renunciar a nada”, insistiu.
Diante do presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou así mesmo que o PPdeG é un partido “moi unido” para, chegado o momento, facer presidente de España a quen defenderá que “ninguén nos pise”, asegurando un Goberno central que “non quite a uns para darlle a outros”, que respecte a Galicia e non faga distincións entre as comunidades. “Queremos un Goberno normal, que non discrimine, e que crea no noso rural, no noso mar, na nosa industria e na nosa maneira de estar neste país”, engadiu.
Para Rueda, se os populares continúan na senda actual de traballo e humildade, o ano que vén, na mesma Carballeira de San Xusto, o panorama será o “dun Sánchez en vacacións perpetuas e moitos máis alcaldes e alcaldesas do PPdeG gobernando”.
LEMBRANZA PARA O POBO CEUTÍ
Por outra banda, durante todos os discursos houbo palabras de apoio e recoñecemento ao pobo ceutí. O presidente autonómico trasladou tamén o cariño de Galicia ao presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas, traballando polos seus cidadáns fronte a un Goberno “máis pendente de agresores que de agredidos, que parece que lle dá igual o sufrimento dos seus cidadáns” e que se “escaquea” das súas responsabilidades. Neste punto, reivindicou que os ceutís “son tan españois coma o resto”. Facendo unha comparativa con Galicia, lembrou que “ninguén lle vai dar aos galegos leccións do que é emigrar, con respecto e integridade, sabendo que a un país vaise a traballar”.
CERDEDO COTOBADE, NO ESCAPARATE NACIONAL
Na súa intervención, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, comezou mandando unha mensaxe de apoio a Ceuta pola situación que levan padecendo o último mes e agradeceu a nova elección de Cerdedo Cotobade polas direccións nacional e autonómica para abrir “un novo curso político que non pode ser un máis, xa que ten concluír co triunfo da estabilidade, das maiorías, da unidade e no que a política sirva para resolver problemas e non para crealos”.
O responsable provincial salientou que os representantes do PP en todos os concellos estiveron e están “dando a cara en cada aldea, en cada lugar e en cada concello fronte aos que estaban agochados, de vacacións ou detrás dunha pancarta”, polo que amosouse convencido de que esta confianza gañada e o feito de estar preparados servirá para “manter a Deputación libre de sectarismo, para que nas municipais haxa un clamor a favor de gobernos útiles, para lograr o imprescindible cambio en España con Alberto Núñez Feijóo e como antesala dunha nova maioría absoluta do presidente Rueda”. “En 2023 puxemos a semente e este ano recolleremos os froitos. Alberto, o ano que vén esperámoste como presidente de España”, sinalou.
Pola súa banda, o alcalde anfitrión, Jorge Cubela, destacou a importancia deste acto “para poñer no escaparate nacional” a Cerdedo Cotobade e agradeceu a reiterada aposta dos populares polo municipio para abrir cada ano o curso político: “Os españois van outorgarlle a Feijóo a mesma confianza que o PP ten cada ano con Cerdedo Cotobade, polo que xa queda un día menos para que sexas o presidente que España merece e necesita e volva a atención ás necesidades da xente”.
