O PP denuncia a “asfixia institucional” do Goberno de Pedro Sánchez a Pontevedra con proxectos no caixón, estradas en estado deplorable e recortes intolerables aos cidadáns da provincia

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Pontevedra, José Crespo e Nidia Arévalo, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar publicamente a “asfixia institucional” do Goberno de Pedro Sánchez a Pontevedra con proxectos no caixón, estradas en estado deplorable e recortes intolerables aos cidadáns.

Os representantes populares debullaron un mapa de promesas incumpridas, proxectos viarios conxelados e servizos públicos desmantelados que prexudican directamente a seguridade e o benestar dos cidadáns.

A senadora e portavoz adxunta do GPP, Nidia Arévalo, fixo fincapé no traballo parlamentario que se está a levar a cabo na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible para esixir un cambio de rumbo inmediato nunhas estradas nacionais cuxo estado cualificaron de “lamentable”

Ofensiva total no Senado contra un abandono viario “intolerable”

Arévalo lembrou que o GPP logrou aprobar unha emenda para esixir unha reforma urxente e inmediata centrada na mellora do firme da N-541 (Cerdedo-Cotobade), corrección de peraltes e acondicionamento de curvas perigosas. Así mesmo, reclamou recuperar os proxectos paralizados dos enlaces de Cutián e O Cádavo, adaptándoos sempre ás demandas reais do concello e da veciñanza.

Como alcaldesa do municipio, Arévalo denunciou tamén a grave deterioración do firme na N-550 ao seu paso por Mos, a sinalización deficiente e a falta de mantemento de marxes e cunetas que converten en zonas de alto risco para peóns e condutores a contornas como Louredo e Sanguiñeda. Esixiu a execución dos proxectos xa aprobados para protexer aos máis de 15.000 veciños afectados.

A senadora afeou os continuos adiamentos do Ministerio na N-120, no tramo por Ponteareas, cunha elevada sinistralidade e problemas de convivencia co tráfico pesado. Reclamou a licitación inmediata das obras e un calendario vinculante para eliminar este histórico punto negro.

Pola súa banda, o senador José Crespo sumouse ás críticas denunciando o abandono das vías da comarca de Deza. Detallou que a N-525 carece de mantemento recente no firme e que os parches por tramos na N-640 non son a solución. Ademais, censurou que o Goberno central teña rexeitado oficialmente por escrito proxectos estratéxicos como a Variante de Cadrón (N-640), a Variante da Estrada, a demandada Autovía Pontevedra-Lalín-Lugo ou o apeadoiro de pasaxeiros en Botos, a conexión da AP-53 en Bandeira coa N-525 e as cintas de precinto sobre Ponte Taboada, que leva máis dun ano pendente de facer as obras.

 

Perda de prestación públicas

A comparecencia serviu tamén para alzar a voz contra a perda de prestacións públicas cruciais na contorna dezana, o que supón un claro agravio comparativo con respecto a outras poboacións galegas.

 

José Crespo fixo especial fincapé nunha resposta oficial na que o Ministerio recoñece que non ten previsión de restablecer o funcionario desprazado da Tesourería Xeral (TGSS), un servizo esencial que funcionou entre 1998 e 2020.

O Executivo escúsase en que a TGSS “non conta con centro de traballo en Lalín”, obrigando aos veciños —moitos de avanzada idade ou mobilidade reducida— a viaxes innecesarias á Estrada para calquera trámite.

O Executivo central tamén rexeitou por escrito abrir unha oficina da Axencia Tributaria en Deza-Lalín. Do mesmo xeito, descartou o centro de exames de conducir malia que Lalín cumpre os requisitos técnicos, o que os populares consideran unha discriminación fronte a concellos máis pequenos como Foz, O Barco ou Monforte.

 

Un Imserso que illa aos maiores

Finalmente, os senadores populares criticaron con dureza o cambio de sistema imposto polo Ministerio de Dereitos Sociais nas viaxes do Imserso, extinguindo os convenios que permitían aos concellos xestionar directamente as viaxes.

 

“O Goberno de Sánchez dálle as costas á veciñanza do rural ao eliminar un servizo de proximidade e obrigar ás persoas maiores a reservar unicamente por internet ou axencias”, denunciaron, mentres sinalan que seguen agardando a que o Executivo responda por que se tomou esta polémica medida.

Os senadores do PP reafirmaron o seu compromiso de continuar batallando con firmeza dende o Senado para esixir os investimentos e os servizos que lexitimamente merece a provincia de Pontevedra.

Raquel Arias salienta que “as achegas para contratar socorristas durante o verán son fundamentais nos concellos do noso rural”

A deputada do Grupo Parlamentario Popular Raquel Arias salientou, durante unha visita á piscina municipal de Sober, que “as achegas do Goberno galego para contratar socorristas durante o verán son fundamentais nos concellos do noso rural, ao contar con orzamentos máis limitados”.

Raquel Arias, que estivo acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou que, na actual campaña, a Xunta destinou 1,5 M€ en achegas a 187 concellos de toda Galicia para financiar os gastos derivados da prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos naturais e outras instalacións acuáticas de titularidade municipal. Dese total, 40 concellos pertencen á provincia de Lugo.

En concreto, na comarca de Lemos obtiveron axudas para a contratación de socorristas nas piscinas municipais os concellos de Sober, Quiroga, Pantón e O Saviñao, por un importe global de 18.575,87 euros.

A representante popular lembrou que, “se ben estamos a falar dunha competencia das entidades locais, o Goberno galego bríndalles apoio aos concellos para que estean preparados no momento de maior afluencia de público”, non só mediante axudas económicas, senón tamén a través de coordinación operativa, cesión de medios materiais e formación especializada.

“Todo co obxectivo de reforzar a seguridade nos espazos de baño”, destacou Arias. “É fundamental que desde as Administracións se poñan os medios necesarios para que as familias poidan desfrutar con garantías e tranquilidade de praias e piscinas, dispoñendo de socorristas e das ferramentas necesarias para desenvolver o seu labor”.

MÁIS DE 4.600 SOCORRISTAS INSCRITOS

Cómpre salientar que a Xunta de Galicia leva investidos desde o ano 2015 máis de 27 M€ na cesión de equipamento aos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

No ámbito da formación, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) dispón este ano de 455 prazas para cursos específicos de salvamento e socorrismo, fronte ás 350 do ano anterior. En paralelo, as novas vías de acceso ao Rexistro Profesional de Socorrismo permitiron a inscrición de máis de 600 persoas, de tal xeito que Galicia conta na actualidade con 4.621 inscricións activas.

O PPdeG pide explicacións ao Goberno central ante a negativa de renovar o convenio para as clases de lingua e literatura galega no Instituto Español de Londres

O PPdeG demanda explicacións ao Goberno central a raíz da decisión de non renovar o convenio que garante as clases de lingua e literatura galega no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e reclama saber que se “xustifique” esta decisión, tendo en conta o número de alumnos afectados, a traxectoria do programa e o prexuízo para a comunidade galega no Reino Unido”.

Os deputados galegos no Congreso, a través dunha pregunta dirixida ao Goberno, sinalan que o Executivo de Pedro Sánchez decidiu non renovar o convenio subscribido en 1991, entre o Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia, polo que se viñan impartindo lingua e literatura galega no devandito centro, con máis de 50 alumnos matriculados en 2025 e actividades consolidadas como o programa Viaxe da Lingua. E denuncian que adoptou esta medida “sen que se ofrecesen explicacións oficiais”, “tendo que ser o propio Goberno galego quen denunciase esta situación e reclamase información”.

Os populares instan ao Goberno, en primeiro lugar, a aclarar se seguirá adiante coa súa decisión de non renovar o convenio; e, en caso afirmativo, “cales son as razóns obxectivas”. Por outra banda, inquiren se “ten previsto” o Goberno “ofrecer algunha alternativa ao Goberno galego, para garantir a continuidade do ensino da lingua galega no exterior”.

Os deputados galegos do PP tamén queren saber se o Goberno “reconsiderará” esta decisión, e se “manterá o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, tal como se veu facendo ininterrompidamente desde 1991”. E, por último, que outras clases de ensino de lingua e literatura se ofrecen actualmente no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e se está previsto amplialas a novos ensinos.