O PPdeG demanda explicacións ao Goberno central a raíz da decisión de non renovar o convenio que garante as clases de lingua e literatura galega no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e reclama saber que se “xustifique” esta decisión, tendo en conta o número de alumnos afectados, a traxectoria do programa e o prexuízo para a comunidade galega no Reino Unido”.
Os deputados galegos no Congreso, a través dunha pregunta dirixida ao Goberno, sinalan que o Executivo de Pedro Sánchez decidiu non renovar o convenio subscribido en 1991, entre o Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia, polo que se viñan impartindo lingua e literatura galega no devandito centro, con máis de 50 alumnos matriculados en 2025 e actividades consolidadas como o programa Viaxe da Lingua. E denuncian que adoptou esta medida “sen que se ofrecesen explicacións oficiais”, “tendo que ser o propio Goberno galego quen denunciase esta situación e reclamase información”.
Os populares instan ao Goberno, en primeiro lugar, a aclarar se seguirá adiante coa súa decisión de non renovar o convenio; e, en caso afirmativo, “cales son as razóns obxectivas”. Por outra banda, inquiren se “ten previsto” o Goberno “ofrecer algunha alternativa ao Goberno galego, para garantir a continuidade do ensino da lingua galega no exterior”.
Os deputados galegos do PP tamén queren saber se o Goberno “reconsiderará” esta decisión, e se “manterá o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, tal como se veu facendo ininterrompidamente desde 1991”. E, por último, que outras clases de ensino de lingua e literatura se ofrecen actualmente no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e se está previsto amplialas a novos ensinos.
