O PPdeG destaca o investimento da Xunta na mellora dos centros educativos de Vigo e de toda a provincia

O PPdeG destacou o investimento de case 500.000 euros que o Goberno galego destina ás obras de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral, en Vigo.

Nunha recente visita aos traballos, os deputados autonómicos do Grupo Parlamentario Popular Julio García Comesaña, Moisés Rodríguez e Patricia García, acompañados pola presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, puxeron esta intervención como exemplo do importante esforzo investidor que a Xunta está a realizar para mellorar, modernizar e adaptar os centros educativos de Vigo e do conxunto da provincia de Pontevedra.
A actuación no Carballal-Cabral ten como obxectivo mellorar o confort térmico dos catro edificios do centro e incrementar a súa eficiencia enerxética. Para iso, está previsto o illamento térmico dos inmobles, a renovación das carpintarías exteriores, a substitución das cubertas do edificio principal, do ximnasio e do inmoble destinado ao profesorado, así como a instalación de novas luminarias LED no ximnasio. A previsión é acadar, unha vez rematados os traballos, un aforro enerxético e unha redución das emisións superior ao 30 %.

20 ACTUACIÓNS E CASE 22,5 MILLÓNS DE EUROS EN VIGO

Os deputados autonómicos subliñaron que a actuación do Carballal-Cabral non é unha obra illada, senón que forma parte dun programa moito máis amplo de modernización das infraestruturas educativas de Vigo.
Durante este verán, a Xunta levou a cabo 20 actuacións en colexios e institutos da cidade, cun investimento próximo aos 22,5 millóns de euros. Delas, seis son grandes actuacións que suman máis de 22 millóns de euros, mentres que as outras 14 corresponden a intervencións de menor dimensión incluídas no Plan Ben_Estar, cun investimento conxunto duns 362.000 euros.
Entre as principais actuacións destacan, ademais da rehabilitación integral do Carballal-Cabral, a construción do novo IES Domingo Villar de Navia, cun investimento de case 17,8 M€; a reforma do CIFP Manuel Antonio, con 1,5 M€; a rehabilitación do CIFP Valentín Paz Andrade, con preto de 1,9 M€; e a renovación das cubertas dos colexios Eduardo Pondal e Coutada-Beade.
A estas grandes obras súmanse actuacións de reparación e mellora noutros centros vigueses, con intervencións en elementos como instalacións de fontanaría, carpintaría exterior, accesibilidade, espazos infantís, lucernarios e aseos.

UN INVESTIMENTO QUE SE ESTENDE A TODA A PROVINCIA

Os representantes do PP quixeron destacar que Vigo é unha mostra dunha política de modernización das infraestruturas educativas que se está a desenvolver no conxunto da provincia, na cal están previstas 20 actuacións dentro do paquete de grandes obras deste verán, cun investimento de 36,6 M€ ás que se suman outras intervencións de menor contía.
Os populares destacaron que estas actuacións reflicten o compromiso da Xunta cunhas infraestruturas educativas públicas modernas, accesibles, eficientes e adaptadas ás necesidades actuais dos centros, e reivindicaron a importancia de continuar avanzando tanto en Vigo como no conxunto da provincia de Pontevedra.

Alberto Pazos: “A esquerda elixe branquear un Goberno central que non funciona e someterse a Madrid en lugar de defender Galicia”

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, denunciou hoxe que “a esquerda galega elixiu branquear un Goberno que non funciona e a submisión a Madrid antes que a defensa dos intereses de todos os galegos”.

Durante a súa intervención na rolda de prensa celebrada no Parlamento, Pazos referiuse ao pleno desta semana, no que, ao seu xuízo, “quedou novamente en evidencia que o bloque da oposición prefire poñerse do lado do Goberno central en lugar de plantar cara aos graves agravios que sofre Galicia” .

“Temos un PSdeG que renunciou definitivamente a manter as siglas de Galicia na súa formación para converterse nunha delegación de aplausos de Ferraz, xustificando calquera maltrato á nosa comunidade con tal de salvar ao seu xefe de filas”, sinalou.

E engadiu que “temos tamén un BNG que vai de soberanista por Galicia, pero que despois actúa como o socio máis fiel e dócil do sanchismo en Madrid”.

Segundo Pazos, “en definitiva, estamos ante unha esquerda enfocada en branquear un Goberno central que non funciona”.

GOBERNO DE ESPAÑA INCOMPETENTE E BNG SUBMISO

O portavoz popular criticou especialmente a posición do BNG respecto da situación vivida en Ceuta e acusou a formación nacionalista de “ofender aos galegos que se manifestaron de forma solidaria” coa cidade e cos seus cidadáns.

“Para o BNG, reclamar ao Goberno de España o cumprimento das súas propias promesas converte aos cidadáns en racistas”, lamentou Pazos, quen lembrou que foi Pedro Sánchez quen cualificou a entrada irregular de inmigrantes de finais de xullo como un ataque á integridade de España e que membros do seu Goberno comprometeron a devolución dos inmigrantes que entrasen ilegalmente pola fronteira.

“Non escoitamos, porén, nin unha soa crítica da señora Pontón ao señor Sánchez”, afirmou, ao tempo que cuestionou a ausencia de reproches do BNG pola situación das praias de Ceuta, o estado dos menores, as 141 persoas falecidas ou a falta de medidas para frear a crise migratoria.

“Todo isto acredita ás claras a absoluta incompetencia do Goberno de España e a absoluta submisión do BNG”, concluíu.

“BESTEIRO DEBE DEIXAR DE FALSEAR A REALIDADE”

Pazos tamén censurou as declaracións do portavoz socialista, Gómez Besteiro, ao que acusou de “mesturar o descoñecemento coa frivolidade máis absoluta” ao cuestionar a actuación da Xunta en materia de atención aos menores.

“A Xunta de Galicia non fai nin unha soa distinción á hora de protexer e coidar a un menor”, afirmou, antes de lembrar que Galicia incorporou ao seu sistema educativo a máis de 700 nenos ucraínos que chegaron á comunidade fuxindo da guerra xunto ás súas familias e que existe unha diferenza moi significativa respecto dos máis de 300 menores procedentes de África, que chegaron nos últimos anos a Galicia sos, sen referentes familiares, e que si necesitaron ser integrados no sistema galego de protección”

“Besteiro debería ser moito máis prudente nas súas afirmacións, deixar a descualificación gratuíta e, sobre todo, deixar de falsear a realidade”, reclamou.

O portavoz popular destacou ademais que “Galicia aplicou, aplica e seguirá aplicando unha solidariedade real”, pese, dixo, aos “atrancos do Goberno central” e ao recorte do 82% dos fondos destinados á atención dos menores migrantes non acompañados.

“Recortan os recursos e despois veñen aquí a darnos leccións de humanidade”, criticou.

A OPOSICIÓN BAIXA A CABEZA ANTE MADRID E NON DEFENDE GALICIA

Alberto Pazos estendeu a súa crítica a outros ámbitos nos que, segundo afirmou, “PSdeG e BNG prefiren baixar a cabeza ante Madrid antes que defender os intereses de Galicia”.

Así, citou o financiamento autonómico, as infraestruturas viarias, o servizo ferroviario e a sanidade. Sobre este último ámbito, denunciou que o Goberno central “cruza os brazos ante a falta de médicos, bloquea o Estatuto Marco e se nega a ampliar as prazas MIR por pura demagoxia política”.

No caso das infraestruturas, criticou os atrasos en vías como a A-54 e a A-56 e o que cualificou como “desentendemento” do mantemento das estradas de titularidade estatal.

HIPOTECA DE MÁIS DE 4.000 M€ POLA AP-9

Pazos centrou parte da súa intervención na transferencia da AP-9, que cualificou como “unha transferencia trampa” e como “unha traizón histórica” por parte do PSdeG e do BNG.

“Queren que a Xunta firme un cheque en branco que nos deixe unha hipoteca económica de máis de 4.000 M€ en cargas herdadas”, advertiu.

O portavoz do GPP defendeu que o PPdeG esixe “garantías por escrito” e unha resposta clara de que a transferencia “non vai supoñer un só custo engadido para os galegos”, fronte a unha esquerda que, ao seu xuízo, “eliminou esas garantías e agochou aos galegos as perigosas incógnitas que se abren”.

“Galicia quere a AP-9, pero libre de cargas e con garantías por escrito”, afirmou Pazos. “Non imos aceptar que os galegos paguen nin un só euro por decisións que tomou, coa complicidade de nacionalistas e socialistas galegos, o Goberno central”.

O portavoz popular apelou directamente a Ana Pontón e Gómez Besteiro para que expliquen quen asumirá as consecuencias económicas se a sentenza da Unión Europea non resulta favorable aos intereses de Galicia.

“Quen se vai facer cargo da supresión do incremento acumulativo do 1 por cento anual das tarifas? Quen vai pagar eses 484 millóns de euros?”, preguntou.

E engadiu: “Quen se vai facer cargo das futuras bonificacións xa comprometidas? Quen vai pagar eses 911 millóns? Quen asumirá as consecuencias económicas dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión? Quen asumirá eses 2.543 millóns?”.

“Quen se vai facer cargo, en definitiva, da estafa dos 4.000 millóns que promoven o PSdeG e o BNG?”, cuestionou.

“A resposta a todas esas preguntas é a mesma: o peto de todos nós, de todos os galegos e de todas as galegas”, afirmou.

FRONTE Á PARÁLISE DE MADRID, GALICIA FUNCIONA E GOBERNA

Finalmente, Alberto Pazos contrapuxo a situación do Goberno central coa xestión da Xunta.

“A realidade desta semana é incuestionable: en España temos un Goberno colapsado pola súa propia incapacidade para xestionar e gobernar”, asegurou. Fronte a iso, defendeu que “Galicia funciona grazas a un Goberno que goberna” e que os galegos “teñen a certeza de contar cunha Xunta que si resolve os problemas reais e que blinda os servizos públicos con rigor, estabilidade e altura de miras”.

Pazos lembrou que durante o verán se pechou a campaña estival “sen incidencias reseñables en materia de lumes nin na asistencia sanitaria”, que o inicio do curso escolar se está desenvolvendo “con total normalidade” e que a Xunta xa avanza na preparación dos orzamentos do vindeiro ano “co horizonte claro de que estean aprobados, como sempre, en tempo e forma”.

“Fronte a unha esquerda instalada no ‘non a todo’ e na submisión cega ao sanchismo, o PPdeG vai seguir traballando polo que de verdade importa: defender a estabilidade, o consenso e os dereitos de todos os galegos”, concluíu.