Os deputados do PPdeG no Congreso lamentan as “largas” e a “falta de respostas e sensibilidade” que dá o Goberno central sobre a demanda unánime de Galicia do rescate da concesión e a liberalización das peaxes da autopista do Atlántico da AP-9, baseada nun traspaso “sen rebaixas”, correctamente financiado e con seguridade xurídica e financeira.
Dende o PPdeG insisten na “urxencia” de que o Goberno de Sánchez atenda as demandas de Galicia na convocatoria da Comisión Bilateral co Estado para resolver as discrepancias en relación coa Lei Orgánica 3/2026 de transferencia da titularidade e competencias da Autopista do Atlántico á nosa comunidade. Os deputados do PPdeG no Congreso insisten na necesidade de que o Executivo central “dea pasos adiante” para que o rescate da AP-9 nas condicións demandadas dende Galicia sexa unha realidade, igual que a gratuidade das peaxes.
Así o manifesta o deputado popular Celso Delgado, que afea ao Executivo de Sánchez a contestación a unha pregunta rexistrada polo Grupo Popular no Congreso sobre se o Goberno central atenderá a demanda unánime do Parlamento de Galicia e da inmensa maioría da sociedade galega que urxe a transferencia da AP-9 sen rebaixas nin cargas, coa alternativa máis vantaxosa para o interese público. Neste sentido, a resposta do Goberno central non contempla nada máis que manter as rebaixas das peaxes e non respectar o acordo do Parlamento galego.
“A resposta do Goberno de Sánchez, ademais de dar largas, limítase a facer referencia á súa política de peaxes. Queremos lembra que a concesionaria está obtendo nos últimos anos importantes beneficios, mentres é unha das vías coas peaxes mais caras para os usuarios”, aclara Delgado. Neste sentido, apunta que a AP-9 foi unha das autopistas que viu máis incrementados os seus prezos no 2026, superando o 4,5%, unha porcentaxe que, dixo, “acepta o Ministerio de Puente”.
EIXO ESTRATÉXICO QUE VERTEBRA GALICIA DE NORTE A SUR
Tamén lamenta que estes incrementos no custe das peaxes non se vexan compensados cun esforzo inversor na AP-9 e que o Goberno central non teña en conta o estudo feito dende Galicia que amosa a igualdade de custos do rescate da AP-9 e das bonificacións ata o fin da concesión. “Este estudo foi trasladado ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible é tamén garda silencio”, aclara Delgado.
“A AP-9 trátase dun eixo estratéxico que vertebra Galicia de norte a sur e é un dos corredores clave para a mobilidade de persoas e mercancías, polo que manter as peaxes non é unha decisión neutra, senón unha decisión que condiciona a inversión, o crecemento e a capacidade de desenvolvemento de todo un territorio”, conclúen os populares.
