O Parlamento aproba solicitar ao Goberno que active a xubilación anticipada aos 60 anos para o persoal técnico forestal

O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular nas que se reclama ao Goberno central que aprobe un real decreto que estableza o coeficiente redutor da idade de xubilación aos 60 anos en favor do persoal técnico forestal que exerce funcións de Director Técnico de Extinción de incendios forestais: “É unha cuestión de xustiza laboral e de seguridade operativa para un colectivo que asume a dirección estratéxica nas situacións máis críticas”.

Segundo dixo o deputado popular Ángel Rodríguez, con esta medida búscase “equiparar o seu réxime ao doutros colectivos vinculados á loita contra o lume e ás emerxencias en Galicia”, como os bombeiros forestais, os axentes forestais e medioambientais ou determinados corpos de seguridade e emerxencias, que xa contan con precedentes neste tipo de recoñecementos.

“A xubilación aos 60 anos permitiría facilitar a planificación do relevo xeracional dentro do sistema, garantindo a renovación progresiva do persoal técnico e reforzando a estabilidade estrutural do dispositivo”, subliñou o deputado popular.

UNHA DEMANDA XUSTIFICADA TÉCNICA E XURIDICAMENTE
Asemade, fixo fincapé nos fundamentos técnicos, xurídicos e organizativos xustificados. Neste punto, indicou que o marco normativo estatal, a través do Real decreto 402/2025 do 27 de maio, ampara legalmente esta redución da idade ordinaria de xubilación. Esta normativa regula o procedemento para aplicar coeficientes redutores naquelas actividades profesionais “cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente penosa, tóxica ou perigosa”.

Así, remarcou en que o desempeño destas funcións implica unha exposición efectiva e continuada a factores de risco, tales como a exposición continuada a fume, gases e partículas; o estrés térmico asociado ás condicións ambientais e ao comportamento do lume ou, entre outros, as xornadas prolongadas de elevada intensidade operativa.

A iniciativa, que saíu adiante sen votos en contra, recolle que a implantación da xubilación aos 60 anos para este colectivo contribuiría a, tal e como salientou, reforzar a seguridade operativa do dispositivo, mellorar a estabilidade organizativa, favorecer o relevo xeracional e optimizar a eficiencia do sistema de defensa contra os incendios.

Ángel Rodríguez explicou que o dispositivo de loita contra incendios forestais de Galicia articúlase organizativamente a través do Sistema Estrutural de Mando Operativo (SEMOP), incorporado ao PLADIGA, que adapta ao ámbito autonómico o modelo internacional de xestión de emerxencias ICS (Incident Command System). Dentro desta estrutura, o persoal técnico forestal “exerce tarefas clave de planificación, análise operativa e toma de decisións estratéxicas a pé de campo, asumindo a máxima responsabilidade na xestión dos recursos dispoñibles e na estruturación dos incendios”.

Por todo isto, o Grupo Popular considera prioritario acelerar o procedemento técnico e xurídico ante o Ministerio correspondente para materializar este dereito e consolidar a eficacia e a remuda xeracional no mando operativo do dispositivo de defensa contra os incendios forestais de Galicia.

O Parlamento aproba por unanimidade impulsar a formación en apicultura na Escola Agraria de Alta Montaña Pena do Pico

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se demanda impulsar a formación en materia de apicultura na Escola Agraria de Alta Montaña Pena do Pico, en Becerreá, para contribuír a mellorar a produción de mel e doutros produtos derivados: “É unha cuestión de futuro para o sector, para os produtores, para os novos profesionais e para a montaña lucense”.

A deputada popular Encarna Amigo sinalou que “formar mellor aos nosos apicultores significa tamén facer máis competitivo o sector”. E subliñou que, neste eido, Becerreá xa ten experiencia previa en formación, polo que, segundo apuntou, “o que propoñemos non é crear algo alleo á realidade do centro, senón continuar avanzando sobre a liña que xa existe e que ten capacidade para medrar”.

“Na Montaña de Lugo non partimos de cero”, remarcou Encarna Amigo. Neste senso, dixo que o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá supón unha oportunidade de avanzar progresivamente na súa especialización no ámbito apícola e consolidalo como un centro de referencia nesta materia dentro da rede galega de formación agraria. É esta, pois, unha ocasión para aproveitar as fortalezas do seu territorio e desenvolver ámbitos de especialización propios: “Becerreá ten condicións, experiencia e potencial para avanzar cara a unha maior especialización apícola”.

Fixo referencia ao Certificado Profesional de Apicultura AGAN0211, de nivel 2 e pertencente á familia profesional agraria, unha formación que aborda cuestión directamente vinculadas coas actividades profesional. Asemade, o propio Plan Estratéxico da Formación Agraria en Galicia xa contempla este certificado entre as posibilidades para Becerreá. Referiuse, tamén, ao CFEA Pedro Murias de Ribadeo como un “bo exemplo” de como adaptar a oferta formativa ás características e ás oportunidades do territorio pode xerar unha resposta positiva. “Este é o criterio que debemos aplicar tamén en Becerreá, adaptándoo á súa propia realidade”, indicou Encarna Amigo.

Tal e como apuntou, a formación é fundamental para garantir o futuro do noso medio rural, mellorar a profesionalización das explotacións, favorecer a remuda xeracional e abrir novas oportunidades de emprego e actividade económica. “Formar, profesionalizar e diversificar o noso medio rural é tamén investir no seu futuro”, finalizou.

O Grupo Provincial do PP prepara en Bruxelas unha axenda de traballo centrada nas necesidades e oportunidades da provincia de Lugo

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, mantivo unha reunión co eurodeputado Adrián Vázquez para avanzar na planificación da axenda de traballo que desenvolverá en Bruxelas a representación do Grupo Provincial Popular.

Antonio Ameijide explicou que a visita terá como principal obxectivo manter diferentes reunións de traballo para coñecer de primeira man as políticas e liñas de actuación da Unión Europea que afectan directamente á provincia de Lugo, como poden ser a agricultura e a gandaría, o sector pesqueiro, o desenvolvemento industrial e o aproveitamento dos fondos e programas europeos.
Ameijide destacou que “Europa está presente no día a día dos nosos concellos e das nosas empresas, explotacións agrarias, industrias e portos, polo que é fundamental coñecer as oportunidades que ofrece e, ao mesmo tempo, facer chegar a Bruxelas a realidade e as necesidades de Lugo”.

“Estas xuntanzas son moi importantes para Lugo e así poder tecer as relacións e os coñecementos necesarios que a provincia e os nosos municipios se beneficien de todos os recursos de Europa”, explicou.

O voceiro popular considera que “Europa representa unha fonte importante de oportunidades para unha provincia como Lugo, especialmente a través das políticas de cohesión, os fondos destinados ao desenvolvemento rural, o apoio aos sectores primarios, a modernización das infraestruturas e os programas orientados á competitividade e á creación de emprego”.

A representación do Grupo Provincial Popular aproveitará a súa estancia en Bruxelas para abordar cuestións que afectan directamente á actividade económica da provincia, prestando especial atención aos sectores que xeran emprego e riqueza no territorio.

A reunión con Adrián Vázquez permitiu tamén avanzar na definición dunha axenda de encontros e traballo que permita aproveitar ao máximo a presenza da representación provincial na capital comunitaria, facilitando o contacto con responsables e representantes das institucións europeas.

A visita a Bruxelas permitirá coñecer de primeira man as prioridades da Unión Europea e analizar como poden encaixar coas necesidades dunha provincia que conta con importantes potencialidades nos ámbitos agrogandeiro, pesqueiro, forestal, industrial e turístico, así como cun amplo territorio rural que precisa de políticas que favorezan a actividade económica, o emprego e a fixación de poboación.

IMPORTANCIA DA VISITA
Pola súa banda, o eurodiputado Adrián Vázquez recordou como están a defender os intereses de Galicia en Europa. “Prometemos ser a correa de transmisión dos problemas dos galegos en Bruxelas e estamos a cumprir ata co último concello”.

Neste senso, destacou que “é importante pisar e entender Bruxelas para atraer investimentos, boas prácticas e oportunidades para cada concello”, polo que puxo de relieve a visita do Grupo Provincial Popular: “Os fondos europeos enfróntanse a unha gran transformación estrutural. Por iso, a visita de deputados provinciais do próximo mes é tan importante. Gústame moito como os equipos locais, a Xunta, os parlamentarios nacionais e os eurodeputados estamos a traballar xuntos e coordinados en defensa de Galicia”.

O PPdeG reivindica a cultura e a identidade de Galicia, cun “histórico” Pacto pola Lingua baseado “no consenso, no bilingüismo cordial e na liberdade”

O PPdeG reivindica a cultura e a identidade de Galicia a través de iniciativas como a exposición do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre”, en Pontevedra, e o “histórico” acordo social pola lingua presentado onte e baseado no “consenso, bilingüismo cordial e liberdade”, en palabras da secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado. Para actualizar o citado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, o acordo conta con case 700 medidas, froito do traballo de 11 comisións, máis de 400 contactos con particulares e entidades e máis de 1.400 achegas recollidas.

Así o manifestou durante unha visita ao Museo de Pontevedra, no que se exhibe a gran obra de Castelao, que chegou á cidade grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra, baixo a presidencia do popular Luis López, que fixo posible traer desde Arxentina esta obra de Castelao para que puidese ser contemplada en Galicia entre o 25 de xuño e o 27 de setembro. Neste sentido, a secretaria xeral agradeceu o “tesón persoal” de Rafa Domínguez, presidente do PP de Pontevedra e candidato á Alcaldía, pola súa implicación á fronte do Museo, para conseguir que a exposición tivese tanto éxito nunha cidade da que, augurou, “terá como futuro alcalde a Rafa”.

Estivo acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López; o presidente do PP de Pontevedra e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez; o responsable da área de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López, e a coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato.

PAULA PRADO: “IMPÓRTANOS A LINGUA, PERO NON OS EXTREMISMOS”

Prado puxo en valor a Castelao como “ilustre galego, que é patrimonio de toda Galicia e non pode ser referencia exclusiva dunha ideoloxía concreta”. Neste punto, reivindicou o Pacto da Lingua, tamén como un acordo “avalado por 50 de 75 deputados do Parlamento de Galicia”, asinado “coa vontade de defender o galego” e no que “só queda fóra unha minoría radical, o BNG do non a todo. Do non a Galicia e do non aos galegos e galegas”. Trátase da folla de ruta para os vindeiros anos en aspectos tan importantes como a educación, a comunicación ou a cultura.

Ademais, subliñou que aos populares “impórtalles a lingua, pero non os extremismos nin a radicalidade”, polo que aproveitou para agradecer ao PSdeG a súa “visión de futuro de Galicia” ao asinar o Pacto pola Lingua.

Por último, puxo en valor o traballo da Comisión de Cultura do PPdeG para que iniciativas como o citado acordo para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a exposición do cadro de Castelao sexan unha realidade.

LUIS LÓPEZ: “O PPDEG DÁLLE CONFIANZA AOS GALEGOS NO EXTERIOR”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, destacou que xa máis de 17.000 persoas se acercaron ao Museo de Pontevedra para poder ollar de cerca “A derradeira leición do mestre” de Castelao, e –a falta de balance definitivo— é a exposición máis vista da historia do Museo. O dirixente provincial incidiu en que Castelao é unha figura querida, presente e próxima para todos os galegos, e coa exposición da súa obra cumio afondase aínda máis na súa pegada, e así o amosa o éxito de asistencia e crítica.

“Co empeño persoal e liderado institucional de Rafa Dominguez conseguimos que hoxe o cadro estea aquí. Só este partido consigue dar a confianza necesaria aos galegos no exterior e aos nosos irmáns da Arxentina para traer de novo o cadro. Só o noso partido fixo realidade o que nin PSOE e BNG lograron durante os oito anos que estiveron na Deputación”, reiterou Luís López.

O dirixente provincial fixo fincapé en que “tanto a Deputación como o Museo de Pontevedra demostran ir moi por diante en políticas culturais na cidade e na provincia: Museo, Bienal, recuperación de Santa Clara, Cine Fraga en Vigo, a cultura en todos os recunchos na provincia… e calquera forza política de Galicia firmaría unha axenda cultural así, pero para iso tamén compre xestión, e iso só está ao alcance do noso partido”, rematou o presidente do PP de Pontevedra.

JOSÉ LÓPEZ: “A LINGUA É PATRIMONIO DE TODOS”

O responsable de Cultura do Goberno galego salientou o cadro de Castelao como “un dos símbolos máis importantes da galeguidade e da Galicia exterior”, constituíndo a súa chegada a Galicia unha “reparación histórica”.

Para José López, o PPdeG sempre tivo un “espírito galeguista” patente en símbolos como “A derradeira leición do Mestre” ou a recente obra recuperada de Asorey, que se inaugurou na Cidade da Cultura. “Son unha mostra máis da sensibilidade por recuperar os símbolos do entendemento e da concordia, como fixemos onte co acordo de país pola lingua”. Así, para o responsable de Cultura, o pacto constitúe unha “resposta clara dunha maioría social” que entende o galego como “símbolo e patrimonio de todos”.

RAFA DOMÍNGUEZ REIVINDICA A DEFENSA DA IDENTIDADE GALEGA

O presidente do PP de Pontevedra e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, puxo en valor o traballo de todo o equipo do Museo de Pontevedra para facer posible que ‘A derradeira leición do mestre’ se convertese xa na exposición máis visitada da historia da institución. “É un orgullo comprobar como o traballo de todo o equipo do Museo permitiu que unha peza tan importante para a nosa cultura e para a nosa memoria chegase a miles de persoas”, destacou Domínguez, que lembrou que o vindeiro martes dará a coñecer en rolda de prensa as cifras definitivas de visitantes, unha vez rematada a exposición este domingo.

“Desde a Deputación traballamos para que esta obra volvese estar en Galicia e puidese ser desfrutada en Pontevedra, onde debe estar sempre presente a defensa da nosa cultura, da nosa historia e da nosa identidade”, sinalou Domínguez, despois de lembrar algúns dos momentos máis simbólicos destes meses, rematando onte coa conferencia “Irmáns da terra: as árbores como marcos de memoria e identidade común na cultura galega” de Manuel Gago.