O PPdeG esixe ao Goberno a cobertura urxente das prazas médicas vacantes nos equipos que avalían as baixas laborais

O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que urxe ao Executivo central a que cumpra coa súa responsabilidade e cubra, á maior brevidade posible, as prazas médicas vacantes dos Equipos de Valoración de Incapacidade (EVI) das direccións provinciais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

Tras recordar que a “competencia é única e exclusivamente do Goberno de España”, a deputada popular Encarna Amigo incidiu en que “cubrir as prazas vacantes do INSS é permitir que miles de galegos reciban a resposta que están agardando”. Neste punto, fixo referencia a que, desde 2019, produciuse un 25 % de redución destes profesionais. “En marzo de 2026 –engadiu- había en Galicia 55 postos de médicos avaliadores, pero só 38 profesionais efectivos no seu posto de traballo. É dicir, aproximadamente, un 31 % das prazas estaban sen cubrir”.

O ESFORZO DO GOBERNO GALEGO FRONTE AO DÉFICIT ESTATAL
Neste sentido, Encarna Amigo destacou que a Xunta de Galicia está a tomar medidas ante a evolución das incapacidades temporais. Como mostra diso, fixo referencia ao plan específico que puxo en marcha, en agosto de 2024, para mellorar a xestión e o control: revisáronse máis de 143.000 procesos de incapacidade temporal e realizáronse máis de 40.000 citacións presenciais.

Lembrou que o Goberno galego reforzou a dotación de recursos humanos da inspección médica coa incorporación de 18 profesionais, distribuídos polas sete áreas sanitarias. E, nesta mesma liña, aprobou o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo 2026-2029.

Para rematar, Encarna Amigo afeou a actitude dos grupos da oposición: “Cando lle pedimos ao Goberno de España que cumpra coa súa responsabilidade, aparecen todas as escusas posibles e a súa cegueira permanente”.

MÁIS FONDOS PARA INSERCIÓN LABORAL
Por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou demandar ao Goberno central máis fondos para que o Goberno galego poida levar a cabo programas ou iniciativas desenvolvidas por entidades de iniciativa social para que as persoas regularizadas no proceso extraordinario poidan acceder a oportunidades laborais. “Pedimos máis flexibilidade para que Galicia poida destinar ese fondos a onde fan falta e se atendan as necesidades reais das entidades”, dixo a deputada popular Noelia Pérez, quen continuou instando ao Executivo de Pedro Sánchez a que deixe de poñer “impedimentos”.

Así mesmo, sinalou que a falta de planificación por parte do Goberno central supón un risco real de colapso administrativo e un impacto elevado nos servizos públicos autonómicos. Por este motivo, considerou imprescindible que Galicia dispoña destes fondos finalistas para que dito colectivo de persoas poida formarse e acceder con garantías ao mercado laboral galego: “A regularización debe continuar con formación, orientación e acceso a un posto de traballo”.

A deputada popular lembrou que o real decreto naceu mal desde o primeiro momento. E denunciou que a norma fose aprobada sen o necesario consenso parlamentario, sen escoitar ás Comunidades autónomas, que son precisamente as que deben integrar a estas persoas traballadoras e asumir o impacto directo nos servizos públicos.

Paula Prado lamenta os “oito anos de improvisación” de Sánchez en materia de vivenda fronte ás “solucións reais” do Goberno de Rueda

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamenta a “falta de rigor e responsabilidade” do Goberno de Pedro Sánchez e os seus socios do BNG co principal problema da sociedade: a vivenda. Para a número dous dos populares galegos, o Executivo central “leva oito anos improvisando, sen construír unha soa vivenda e operando de costas ás comunidades autónomas”, mentres o Goberno galego, pese aos recortes do Executivo central,  segue centrado en construír vivenda, defendendo a seguridade xurídica dos propietarios e inquilinos, apostando pola oferta e aportando solucións reais ante a preocupación dos galegos e galegas.

Así o manifestou hoxe a número dous dos populares galegos nunha rolda de prensa na sede autonómica do PPdeG, onde criticou as medidas intervencionistas ineficaces e o “fume” de Pedro Sánchez, que se viu obrigado a aprobar dous reais decretos de vivenda tras un mediático desafiuzamento e, ademais, “sen informar a Galicia, unha vez máis”.

Para a secretaria xeral do PPdeG, estas medidas “chegan mal e tarde” e son un “refrito” de iniciativas xa aprobadas que o único que fan é “retirar vivendas do mercado do alugueiro e xerar inseguridade xurídica aos propietarios”. Deste xeito, a improvisación do Goberno central “queda evidenciada”, lembrando que a propia ministra de Vivenda non sabía responder as preguntas dos xornalistas sobre os decretos e o retraso da publicación dun deles.

Ademais, Prado lamenta que o BNG apoie estas medidas, “non porque queiran resolver o problema da vivenda ou porque defendan a Galicia, senón por intereses partidistas”. Neste punto, preguntouse que lle pasa ao independentismo galego, xa que hai semanas que a líder dos nacionalistas, Ana Pontón, cuestiona onde están as vivendas prometidas polo presidente Alfonso Rueda e mesmo trata de confundir aos galegos nas redes sociais sobre o número de vivendas construídas en Santiago. “Están moi perdidos. A pena foi que en vez de ir a entrega de vivendas programada polo Goberno galego, a que estaba invitada, en Lamas de Abade, fose ás vivendas do Castiñeiriño, que están en proceso de rematar”, explicou.

Ademais, lembrou que entre as vivendas que visitou Pontón e as que realmente visitou o presidente Rueda, xa son 48, fronte as 24 que aseguraba a líder do BNG. “E só na cidade de Santiago están previstas máis de 430”, recordou Prado. Tamén afeou aos nacionalistas que gobernan no Concello de Santiago que a súa única colaboración na construción de vivenda fose “denegar licencias de obra por entender que había falta de interese público para Galicia, evidenciando que a construción de vivenda non é interese suficiente para o BNG”.

A secretaria xeral lamenta o discurso do  BNG do “negacionismo”, seguindo “a orde da UPG de oposición e intentar incendiar o que funciona”. Neste sentido, advirte que os populares estarán “moi atentos” a actividade do BNG para ver se son eles os que están manipulando as plataformas en contra dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), que buscan paralizar a construción de vivenda.

MÁIS DE 4.000 VIVENDAS EN MARCHA

Prado lembrou que en Galicia, o Executivo do presidente Rueda ten máis de 4.000 vivendas pública xa en marcha, no marco do compromiso de duplicar o parque público para chegar a 8.000 fogares antes de que remate 2028, e coa previsión do Pacto de Vivenda 2026-2030 de chegar a 10.000 en 2030.

Máis alá da construción de vivenda, o Goberno galego traballa en medidas como o desenvolvemento de solo para 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas; a aposta pola rehabilitación para destinala a alugueiro accesible; a cualificación indefinida das vivendas públicas e protexidas en solo público, ou a conversión de locais comerciais en fogares, entre outras.

O PPdeG pon en valor a fortaleza do sector vitivinícola no Baixo Miño e o compromiso da Xunta coas adegas e viticultores galegos

O PPdeG vén de poñer en valor a fortaleza do sector vitivinícola e o compromiso do Goberno galego coas adegas e viticultores galegos do Baixo Miño, especialmente, dos concellos de Tomiño e O Rosal.

Durante unha visita recente a Bodegas Altos de Torona, e coincidindo co remate da tempada de vendima deste ano, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez enxalzaron o traballo do conxunto de viticultores e adegas da subzona do Rosal, unha das cinco que integran a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Acompañados polo presidente do PP do Rosal, Iván Gómez, e pola presidenta do PP de Tomiño, Lara Meneses, destacaron “o esforzo realizado durante décadas por centos de profesionais para converter os viños desta zona nun produto de enorme calidade e prestixio”, así como a capacidade das adegas para combinar a tradición vitivinícola coa innovación, a modernización dos procesos produtivos, a sustentabilidade e a apertura de novos mercados.

Neste senso, García Comesaña referiuse a “un sector que vai moito máis alá da produción de viño: crea emprego e riqueza, fixa poboación, coida a paisaxe, mantén vivo o territorio e contribúe a proxectar a imaxe de Galicia dentro e fóra de España”. De feito, segundo sinalou, o sector vitivinícola representa arredor do 1,4 % do PIB galego e uns 16.000 empregos a tempo completo, cun tecido próximo aos 10.000 viticultores e máis de 440 adegas.

O PESO DE RÍAS BAIXAS E DA SUBZONA DO ROSAL
Os populares subliñaron, especialmente, a fortaleza da D.O. Rías Baixas, da que forma parte a subzona do Rosal xunto con Val do Salnés, Condado do Tea, Soutomaior e Ribeira do Ulla.

A denominación contaba, ao peche de 2025, con 4.848 hectáreas inscritas, 4.949 viticultores e 177 industrias. Só durante o pasado ano, produciu máis de 47,5 millóns de quilos de uva e 27,1 millóns de litros de viño cualificado, cun valor económico estimado de 258,7 millóns de euros, o que evidencia a dimensión económica acadada pola denominación e polo tecido de adegas e viticultores que a sostén.

Para Moisés Rodríguez, estes resultados “son froito fundamentalmente do traballo dos viticultores e das adegas, que souberon construír arredor das variedades autóctonas, da calidade e da vinculación co territorio unha marca recoñecida e valorada polos consumidores”.

UN SECTOR QUE CREA FUTURO NO TERRITORIO
Pola súa banda, Iván Gómez e Lara Meneses salientaron a especial relevancia que a actividade vitivinícola ten para os dous municipios.

“Cada viñedo que se mantén produtivo e cada adega que inviste e medra significan actividade económica que permanece aquí, emprego e oportunidades para o noso territorio”, apuntaron.

Os representantes populares concluíron a visita reafirmando o compromiso de continuar apoiando un sector que “converte a calidade da nosa terra e o traballo da nosa xente nun produto de alto valor engadido e nun dos mellores embaixadores de Galicia no mundo”.