O eurodeputado do PPdeG, Adrián Vázquez, sinala como “moi positivo” que a Unión Europea responda a problemas reais dos territorios. Así o trasladou tras o pleno do Parlamento Europeo que se celebrou onte, no que se aprobou a mobilización de 2,7 millóns de euros, correspondentes ao Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), para os traballadores do sector auxiliar do automóbil en Galicia. O diñeiro apoiará a reincorporación ao mercado laboral dos traballadores despedidos na industria auxiliar do automóbil.
Adrián Vázquez explicou que esta axuda está dirixida aos 671 traballadores de 20 empresas do sector que perderon o seu emprego, concentrados sobre todo na área de Vigo. Ademais, prevese que 400 deles participen directamente no plan. O 95% do orzamento destínase a servizos personalizados para os traballadores.
“É moi positivo que a UE responda a problemas reais dos territorios con esta determinación, e é mellor aínda que o faga en coordinación co coñecemento directo que teñen as administracións rexionais de cada territorio”, afirmou o eurodeputado.
“Este plan de reconversión engloba formación, orientación e apoio económico para que os traballadores afectados atopen canto antes un emprego estable e de calidade. O plan no seu conxunto xa empezou o pasado setembro en Galicia, e a súa estrutura foi deseñada con sindicatos, empresarios e o propio Goberno galego, atendendo as necesidades concretas dos traballadores afectados”, remarcou o eurodeputado galego.
O tamén eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon celebrou “a mobilización destes fondos para apoiar a 400 traballadores galegos. É unha mostra concreta de que Europa está preto dos galegos cando máis o necesitan”. Tamén destacou a importancia da industria do automóbil en Galicia, en particular en Vigo, e a necesidade de que os traballadores conten co apoio necesario ante a profunda transformación do sector, marcada pola electrificación e a incorporación de novas tecnoloxías.
“Desde o PP sempre defendemos que debemos acompañar aos traballadores nestas situacións e, ao mesmo tempo, crear as condicións necesarias para que a industria europea siga sendo competitiva e poida manter e xerar emprego”, subliñou.
FORMACIÓN PARA A INDUSTRIA DO FUTURO
O programa inclúe orientación profesional, procura activa de emprego e acompañamento tras a recolocación. Tamén ofrece formación en competencias dixitais, Industria 4.0 e 5.0, automatización industrial e sustentabilidade, aliñada co Plan Director de Automoción de Galicia 2025–2027. Ademais, prevé reciclaxe profesional cara a sectores con alta demanda de perfís industriais, como a aeronáutica, as enerxías renovables, a loxística e o mantemento industrial.
O plan contempla tamén incentivos económicos para quen participe no seu itinerario de reinserción, axudas para desprazamentos e para o coidado de persoas dependentes, e 200 euros mensuais durante seis meses para quen se reincorpore ao emprego ou emprendan. Estas medidas teñen especialmente en conta aos traballadores de maior idade: un de cada catro afectados supera os 54 anos.
No Parlamento Europeo, así mesmo, lamentouse que o uso do FEAG siga sendo limitado e desigual na Unión Europea, e que varios Estados membro nunca o solicitasen. Galicia, en cambio, recorreu a este instrumento en múltiples ocasións e para sectores tan dispares como o téxtil, o metal, a construción naval ou o aluminio.
“Galicia é un exemplo de xestión de fondos europeos para todas as rexións de Europa. Cando se traballa da man, e se coordina a visión sobre o terreo das administracións rexionais coa visión global das institucións europeas, os resultados son extraordinarios”, afirmou Vázquez.
