A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende o traballo do partido en Galicia como “motor do cambio” para contribuír á vitoria de Alberto Núñez Feijóo como próximo presidente do Goberno de España, co obxectivo de poñer fin aos “recortes do sanchismo” e aos “castigos e agravios infinitos” deste Goberno central con Galicia, á que trata como “unha comunidade autónoma de segunda”. Pola contra, Prado subliña que os galegos e galegas están “ben defendidos” no Congreso e no Senado grazas ao traballo dos deputados nacionais e senadores populares e as reivindicacións do conxunto de todo o PPdeG.
Así o manifestou hoxe a número dous dos populares galegos nunha rolda de prensa na sede autonómica do PPdeG, onde lembrou que quedan 45 días para “o gran cambio”, coas Eleccións Xerais do 29N, nas que augura que o Partido Popular, con Feijóo á fronte, “traballará para levantar o que fundiron outros e construír un futuro mellor, unha reconstrución nacional”.
Para a secretaria xeral do PPdeG, o único bo que fixo Pedro Sánchez durante a súa lexislatura foi convocar eleccións. Así, criticou as súas políticas de “recortes” con Galicia e citou temas como a vivenda, o caos ferroviario, o Real Decreto que modifica o Regulamento Xeral de Costas, a falta de fondos para renovación de centros educativos, agravios no financiamento autonómico, déficit de profesionais sanitarios ou a lei de dependencia, entre moitos outros.
Ademais, lembrou que esta política de recortes do PSOE ten como “cómplice” ao BNG. Para a secretaria xeral do PPdeG, o independentismo galego, socio de Goberno en Madrid, “defende o modelo de Sánchez e véndese a cambio de nada para Galicia, por moito que intenten terxiversar a historia”. Neste sentido, subliña que son “os do non a Galicia e aos galegos e galegas”.
As consecuencias do Goberno de Sánchez e os seus socios do BNG, sinalou Prado, obrigaron ao Goberno galego de Alfonso Rueda a redobrar esforzos en numerosos eidos, sendo en moitas ocasións insuficientes por culpa dos agravios que ten o Executivo central coa nosa comunidade.
INVASIÓN, CORRUPCIÓN E SINFÍN DE ESCÁNDALOS
“Nesta lexislatura vivimos unha invasión sen precedentes a Ceuta, perdemos a conta das persoas investigadas do círculo de Sánchez, sufrimos situacións moi dolorosas como a Dana ou o accidente de Adamuz, vemos como Puigdemont volverá a España sen represalias, un apagón do que non hai responsables, o incremento dos custes e o nivel de vida e un sinfín de escándalos dos que xa non podemos mirar cara outro lado”, explicou.
Neste punto, Prado insistiu en que é momento de “decidir entre delincuencia ou decencia, entre mafia ou democracia, entre o sanchismo ou a seriedade do Partido Popular”.
