Paula Prado anima aos galegos e galegas a “formar parte do cambio” arroupando a Feijóo nun acto multitudinario en Santiago o 14 de novembro

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anima aos galegos e galegas que queiran “formar parte do cambio” en España a arroupar a Alberto Núñez Feijóo nun gran acto multitudinario no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, que se celebrará o próximo 14 de novembro. O obxectivo, di Prado, é demostrarlle ao presidente do PP nacional que Galicia “está con el, traballando sen descanso para que sexa o próximo presidente de España”. Tamén estará presente o líder do PPdeG, Alfonso Rueda, nun acto no se que se prevé unha gran mobilización de afiliados e simpatizantes.

Así o manifestou esta mañá na sede autonómica do partido, tras unha reunión de traballo do Comité de Campaña do PPdeG para as Eleccións Xerais, no que Prado exerce como directora de campaña. Neste sentido, o mitin de Feijóo en Santiago tamén servirá para amosar que a maquinaria do PP en Galicia está “sempre engraxada” e conta cun “gran equipo” para contribuír a “darlle esplendor a España”.

A número dous dos populares galegos reivindica o proxecto de Feijóo como “o único válido” para que España funcione, deixando a un lado a todos eses partidos que estes oito anos deron o seu apoio a Sánchez. “Acabouse o tempo do BNG, en Galicia non forma parte da ecuación do cambio, porque aquí a única opción para desaloxar a Sánchez da Moncloa é o Partido Popular”, engade.

Neste punto, tamén criticou que a esquerda “intente branquear” a imaxe de Óscar Puente e de Pedro Sánchez, despois de que se coñecese onte a dimisión do xa ex ministro de Transportes, cando realmente non se vai pola traxedia de Urda, senón polos “malos resultados nas enquisas”, o “único que lles importa”.

Para Prado, esta dimisión fíxose “baixo o respaldo do Goberno, de Sánchez, e de diferentes dirixentes do PSOE”. Así, lembrou que ata o propio Besteiro dixo que Puente representa o mellor da política. “Se de verdade representaran o mellor da política, o xa exministro dedicaríase a xestionar e non a tuitear. Encarna a peor política”, subliña. A secretaria xeral dos populares galegos insiste en que a responsabilidade é de Pedro Sánchez, “quen primeiro puxo as Infraestruturas en mans de Ábalos e despois de Puente”, polo que “os dimitiremos nas urnas”.

No encontro de traballo, no que se abordaron as próximas accións da campaña a 25 días de que se celebren as eleccións, Prado lembrou o obxectivo de percorrer Galicia para escoitar á veciñanza e dar a coñecer o proxecto de Alberto Núñez Feijóo, “un contrato con España, porque el, como ben sabemos en Galicia, é unha persoa de palabra”.

Tamén aproveitou para defender o modelo de “rigor, responsabilidade e xestión” que caracteriza ao PPdeG, fronte a “propaganda” do PSOE, “consentida” polos seus socios de goberno do independentismo galego.

No comité de campaña, reivindicaron que o Partido Popular “ofrece seguridade e promete devolver a España todo o que Sánchez lle arrebatou”.

O Parlamento aproba reclamar medidas para paliar o incremento dos custos do gasóleo e dos fertilizantes ante a inacción do Executivo central

O Parlamento de Galicia vén de aprobar, hoxe, a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular que reclama medidas para paliar o incremento dos custos do combustible e dos fertilizantes e que están a asfixiar a actividade gandeira e pesqueira ante a inacción do Goberno central. “Pedimos axudas suficientes, inmediatas e eficaces. Pedimos menos burocracia e máis coordinación coas Comunidades autónomas”, sinalou o deputado popular Miguel Fidalgo.

Neste senso, explicou que, desde o inicio da guerra de Irán, o gasóleo agrícola incrementouse máis dun 60 % e o gasóleo pesqueiro, arredor dun 88 %. Unha suba á que hai que engadirlle, dixo, o encarecemento dos fertilizantes, dos pensos e da enerxía e, tamén, dos aparellos e da carnada. Recordou que a Unión Europea permite mobilizar axudas de ata o 70 % dos sobrecustos derivados do incremento do combustible e dos fertilizantes, pero que o Executivo de Pedro Sánchez decidiu limitar esa axuda “a uns míseros 20 céntimos por litro”.

Asemade, fixo referencia a unha demanda do propio sector pesqueiro, que reclama unha axuda de polo menos 40 céntimos por litro, calculada sobre o consumo real e aplicada directamente no momento de repostar. Tal e como sinalou Fidalgo, as axudas deben responder a ese incremento real dos custos e chegar a tempo, non converterse, en cambio, “nunha carreira de obstáculos burocráticos. Para o deputado popular, o agro e o sector pesqueiro galegos “non poden parar”: “Canto máis teñen que perder para que o Goberno de España entenda que estamos ante unha situación de emerxencia?”.

Fronte á inacción, a “cero empatía” dun Executivo central “que parece gobernar contra a xente”, fixo fincapé en que “a Xunta do presidente Rueda si está ao lado dos sectores produtivos”, e recordou os 3,6 M€ en axudas directas para mitigar o incremento dos prezos dos fertilizantes e do gasóleo. Unha achega, apuntou, da que se beneficiarán arredor de 4.500 agricultores e gandeiros galegos.

A COMPLICIDADE DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN
Afeou a actitude de complicidade de socialistas e nacionalistas galegos co Goberno de Madrid, a quen acusou de “levar á ruína” ao país e de ter “cero empatía coa Galicia que madruga”. “Cando houbo que elixir entre Pedro Sánchez e Galicia, elixiron sempre Pedro Sánchez”, lamentou. “O BNG –continuou- é moi bravo en Galicia, pero moi manso en Madrid. Demasiada comprensión co goberno que ten nas súas mans boa parte das solucións que hoxe reclama o sector”.

Por outra banda, Fidalgo criticou o voto en contra do PSdeG e que prefira aplaudir ao peor goberno de España desde que hai democracia a defender “a quen produce, traballa e sostén unha parte esencial da economía galega”.