Paula Prado ve na parálise da variante de Caldas un exemplo da política de recortes de Sánchez e os seus socios con Galicia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, urxe un Goberno de España que mire “polas necesidades dos veciños de Caldas”, lamentando que non teñan resposta aínda sobre o proxecto da variante oeste, do que tería que estar publicado no BOE a súa paralización dende marzo e en proceso de redacción un novo estudo, “e en novembro seguimos esperando”, sinalou, lamentando que isto supón graves prexuízos para a veciñanza deste concello e do de Portas.

Para Prado, os intereses partidistas da esquerda están detrás desta parálise. A número dous dos populares galegos, ve nesta situación un “exemplo máis de como trata Sánchez a Galicia”, castigada e somerxida nunha política de recortes nos que “as infraestruturas están abandonadas”, polo que o cambio “só é posible da man do PP e de Alberto Núñez Feijóo”.

Así o manifestou durante un paseo por Caldas de Reis, xunto ao cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, e o presidente do PP local, Fernando Pérez, ademais doutros cargos do partido e candidatos da provincia. Durante o seu paseo polo mercadiño do municipio, insistiu en que a parálise da variante oeste é froito dun Goberno sanchista “de palabras e promesas, incapaz de executar nada”.

Por iso, Prado defendeu o gran cambio, da man do Partido Popular, para que a veciñanza de Caldas e do resto de Galicia obteña, por fin, “verdade, valores, xestión, rigor e responsabilidade”.

“Estamos cansos de corrupción, de traxedias e de ver como se leva prexudicado a Galicia durante oito anos, da man de Sánchez e os seus socios a España”, dixo Prado. Neste punto, lembrou que o independentismo galego do BNG foi “incapaz de romper con Sánchez” en todo este tempo, pese aos danos que lle leva causado a Galicia. “O BNG é tan culpable de que Caldas non teña en marcha un novo proxecto da variante oeste ou de que os agravios a Galicia sexan constantes como o é Pedro Sánchez, porque son o mesmo perro con distinto colar”, engadiu.

Prado fixo un chamamento a que o 29N a cidadanía “coloque a Galicia no lugar que lle corresponde”, apostando polo proxecto do PP. “Con Alberto Núñez Feijóo na Presidencia do Goberno, Galicia recuperará todos aqueles proxectos que Sánchez lle arrebatou nestes oito anos”, sinalou.

JULIO GARCÍA COMESAÑA RECLAMA “DEIXAR DE PERDER O TEMPO”

Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, enmarcou o fallido proxecto na “política de castigo” do Goberno de Sánchez á provincia de Pontevedra, posto que o estudo informativo da variante oeste saíu publicado ás agochadas en pleno verán, fíxose de costas aos veciños e o trazado prioritario fendía o territorio, causaba graves afeccións nas parroquias de Saiar, Bemil, Santa María e Godos e derrubaba máis dunha decena de casas.

O candidato popular concretou que o percorrido proposto cancelouse pola presión veciñal e polo traballo do PP de Caldas tras a presentación de máis de 3.000 alegacións, pero lembrou que aínda hai que estar alerta, posto que o PSOE leva oito meses negándose a confirmar oficialmente a anulación do mesmo a través da correspondente publicación no BOE, como piden os afectados e o PP.

Por iso, Comesaña reclamou que “deixen de perder o tempo”, xa que esta actuación leva oito meses paralizada na súa tramitación, e insistiu en que debe cancelarse xa este trazado tan lesivo e comezar de inmediato coa redacción dun novo estudo informativo centrado no percorrido acordado unanimemente polo pleno de Caldas no ano 2008. O candidato pontevedrés asegurou confiar en que esta situación remate da man de Alberto Núñez Feijóo tras o 29N.

Finalmente, o voceiro municipal do PP, Fernando Pérez, quixo agradecer o traballo dos deputados no Congreso e no Parlamento galego durante os últimos quince meses para visibilizar os enormes problemas que causaría esta variante oeste e para conseguir a súa paralización, aínda que polo momento sexa só de palabra, e amosouse confiado en que o futuro goberno de Alberto Núñez Feijóo “escoitará a Caldas e impulsará a variante que Caldas necesita”.

Raquel Arias enxalza o “labor de axuda e asesoramento á emigración” das Oficinas do Retorno, con máis de 4.000 lucenses atendidos

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, enxalzou o “labor de axuda e asesoramento á emigración” que prestan as Oficinas do Retorno, que, no caso da provincia de Lugo, levan atendidas xa máis de 4.000 persoas desde a súa posta en marcha, a principios do ano 2020. Pola súa banda, a Oficina Móbil xa realizou 85 visitas a máis de 50 concellos da provincia -o 75% do total- desde 2024.

Raquel Arias, acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, comprobou recentemente de primeira man o funcionamento deste recurso itinerante, que complementa as oficinas físicas, ao seu paso polo concello da Ribeira Sacra. A representante popular destacou que no ano 2024 -o último do que figuran datos do Instituto Nacional de Estatística-, retornaron á provincia de Lugo 914 persoas, das que oito fixérono a Sober.

Implementada dentro da Estratexia Galicia Retorna 23-26, a Oficina Móbil do Retorno leva atendidas xa máis de 750 familias nas 372 visitas realizadas a 232 diferentes concellos de Galicia. As oficinas físicas, en paralelo, xa atenderon na nosa Comunidade un total de máis de 40.000 persoas. Arias salientou a “gran importancia” deste recurso despregado pola área de Emprego, Comercio e Emigración á hora de apoiar a todas as galegas e galegos do exterior que se atopan no proceso de volver a residir en Galicia. A Oficina Móbil acode este martes, 10 de novembro, ao Incio; o xoves, 12 de novembro, ás Nogais; e o venres, 13 de novembro, a O Valadouro.

ORZAMENTOS DE 2027
Galicia contará en 2027 cunha nova folla de ruta para dar continuidade á Estratexia Galicia Retorna, tal e como recollen os Orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o vindeiro ano. Neste marco, o programa Retorna Cualifica Emprego e o conxunto das políticas de atracción de talento do exterior disporán de máis de 4 M€, aos que se engaden 2,8 M€ para as axudas extraordinarias ao retorno. A esta aposta sumaranse a celebración de novas feiras de emprego no exterior e as bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (2,5 M€), que veñen de acadar a súa 10ª edición como ferramenta consolidada para atraer talento cualificado.

O “DESLEIXO” DO GOBERNO CENTRAL CON CEUTA
Para rematar, a deputada popular referiuse á situación de “caos” que están a vivir os ceutís desde hai máis de tres meses polo “desleixo absoluto” e a despreocupación do Goberno de Pedro Sánchez. Unha situación, asegurou, que se reverterá cando “Alberto Núñez Feijóo chegue á Moncloa”.