Alfonso Rueda e a “forza do PPdeG” arroupan a Alberto Núñez Feijóo como o político “forte, honrado e motivado” que liderará o cambio “imprescindible e inaprazable” en España

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, defende a forza do partido en Galicia cunha mobilización “impresionante” no Multiusos Fontes do Sar, “xusto cando máis o precisamos neste país”, poñendo en valor este gran mitin dentro dunha campaña de Eleccións Xerais na que “os galegos e galegas iremos a por todo”, dixo, pedindo de novo o apoio para Alberto Núñez Feijóo para que dende a súa terra “sexamos o motor do cambio”. Así, definiuno como un político “forte, honrado e motivado” que “está no seu mellor momento”, polo que lanzou unha mensaxe para o resto de españois, asegurándolles que “non se van arrepentir de votalo”, porque será bo para Galicia e para España. Para Rueda, o cambio necesario é, ademais, “imprescindible e inaprazable”.

Así o manifestou no mitin celebrado esta mañá en Santiago de Compostela e encabezado polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, no que tamén interveu o secretario xeral do PP, Miguel Tellado; o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a número dous ao Congreso pola Coruña, Fabiola García. Estiveron acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, así como outros cargos do partido, militancia e simpatizantes das catro provincias galegas, ademais doutros representantes e apoios trasladados desde toda España para arroupar ao líder do PP nacional.

“A Galicia non ten que vir ninguén a presentar a Alberto Núñez Feijóo, porque o coñecemos nas duras e nas maduras”, sinalou durante a súa intervención o presidente do PP autonómico. Tamén lamentou os oito anos de Goberno de Sánchez e os seus socios, baseado na “indecencia, na corrupción e nas mentiras” que, ademais, tamén fixo dano a Galicia, sendo “incompetentes e inxustos” coas preocupacións e necesidades dos galegos e galegas.

Rueda insistiu na necesidade dun Goberno que “coñeza a nosa xente, o noso rural, e que valore Galicia. Porque pedimos lealdade e compromiso”. Así, insistiu na súa xa tradicional mensaxe para criticar os acordos de Sánchez con outras comunidades autónomas que lle son máis útiles: “Non pedimos máis que ninguén, pero non imos deixar que nos quiten as cousas para darllas aos demais”, dixo.

A PEOR SUCURSAL DE SÁNCHEZ, EN GALICIA

Tamén fixo referencia aos radicalismos e aos partidos que deron o seu apoio a Sánchez durante estes oito anos de goberno, como o caso do BNG. “En Galicia temos a peor sucursal do PSOE en toda España”, subliñou, en referencia á UPG, “os que mandan no BNG”, que, en realidade, “son os máis bravos no Parlamento”, mentres no Congreso, “o seu único candidato é o máis manso”, afeando que apoiaron ao sanchismo a cambio de nada para Galicia.

Neste sentido, tamén mencionou “aos que veñen a levantar muros” a unha Galicia á que “non lle gusta crispación”. Así, defendeu que na nosa terra “somos galegos e españois, con orgullo e sen complexos”, polo que insta a que ninguén “nos faga elixir”.

Co Multiusos Fontes do Sar cheo, auguroulle a Alberto Núñez Feijóo que o acto en Galicia lle dea “forza” para o que resta de campaña. “Alberto Núñez Feijóo está no seu mellor momento”, reivindicou, mentres as gradas lle amosaron o seu apoio con aplausos e con cánticos de “Oa, oa, Feijóo a la Moncloa” ou “Feijóo, presidente”.

DIEGO CALVO: “ESTÁ EN XOGO O FUTURO DE ESPAÑA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, apelou á mobilización e á unidade do partido, xa que “está en xogo moito máis ca un cambio de Goberno: está en xogo o futuro de España”. Calvo destacou a importancia dunha cita electoral na que os cidadáns terán a oportunidade de apostar por un proxecto de estabilidade, confianza e xestión fronte ao desgaste do Goberno de Pedro Sánchez.

O dirixente popular reivindicou a figura de Alberto Núñez Feijóo como “un valor seguro que os galegos coñecemos ben”, lembrando a súa traxectoria e a súa capacidade de xestión á fronte da Xunta de Galicia. Así, amosouse convencido de que Feijóo representa a alternativa que necesita o país para recuperar a estabilidade institucional, a confianza e a atención aos problemas reais dos cidadáns.

Por último, asegurou que o PP da provincia da Coruña vai implicarse ao máximo nesta campaña, mobilizando todos os seus equipos e chegando a cada concello, vila e parroquia.

Tamén interveu no mitin a número dous ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, que lembrou que a súa etapa como responsable da área de Política Social e Igualdade do Goberno galego ensinoulle a poñer en valor ás persoas máis vulnerables.

8.000 PERSOAS AMOSARON O SEU APOIO AO “SUPERHEROE” FEIJÓO

O Multiusos Fontes do Sar acolleu unha mobilización masiva de apoio ao presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo. Un total de 8.000 asistentes, chegados de toda Galicia, achegáronse a Santiago de Compostela para darlle o seu apoio a un galego que aspira a ser o presidente que o Goberno de España precisa e merece. Baixo o lema “O cambio necesario”, miles de simpatizantes e afiliados apoiaron a candidatura de Alberto Núñez Feijóo para desaloxar a Pedro Sánchez da Moncloa o próximo 29 de novembro.

Durante o acto, tamén se proxectaron varios vídeos, como a peza audiovisual estreada no inicio da campaña no que un Feijóo convertido en superheroe de cómic protagoniza unha batalla épica contra un adversario que encheu de “escuridade” España. Tamén se visualizou un emotivo vídeo no que a nai de Feijóo falou dos aspectos máis persoais do seu fillo, ao que desexou a maior das sortes de cara ao 29 de novembro.