Paula Prado aposta pola mocidade “comprometida” co cambio necesario en España, da man de Alberto Núñez Feijóo, fronte á “política do medo e da autocracia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pon en valor á mocidade “que se esforza”, a das NNXX de Galicia, á que define como a organización xuvenil “máis comprometida” coa súa terra e á que pide “unha marcha máis” durante estas dúas semanas de campaña electoral, instándoos a votar por Alberto Núñez Feijóo o próximo 29 de novembro, xa que son parte “fundamental” do cambio necesario no Goberno de España, para poñer fin “á política da autocracia e do medo” do Goberno central e defender a liberdade e a democracia. “Feijóo non vos vai traizoar, cumpre a palabra fronte a uns políticos do ‘Goberno Frankenstein’ que non nos representan”, sinalou.

Para Prado, a mocidade galega sairá gañando co proxecto do PP, “porque os mozos saben o futuro que queren para Galicia e para España”. “Non lle imos fallar a Núñez Feijóo”, manifestou durante un coloquio coa mocidade da provincia de Ourense, celebrado en Xinzo. Tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor; a cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Vázquez; a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, e o presidente de NNXX da provincia de Ourense, Martín Gil.

A número dous dos populares galegos anima á mocidade a “cortarlle o paso” ao Goberno de Sánchez, xa que España “non merece esa política de sacar aos violentos á rúa”, sinalou. Así, lamentou os actos violentos das últimas semanas, como os piquetes “violentos” da folga xeral en numerosos puntos de toda España, ou a agresión que sufriu o candidato do PP en Guipúzcoa, Jon Echevarría, ou os militantes do PP da sede de Barakaldo, que no día de folga foron agredidos e tiveron que ser hospitalizados polas lesións sufridas cando os manifestantes atacaron a sede.

Prado tamén desmonta o lema do sanchismo de elixir “entre dereitos ou dereitas” o próximo 29N, asegurando que a verdadeira opción nas urnas será “escoller decencia ou delincuencia”. Neste sentido, saca músculo da dereita “dos que queren un futuro mellor para este país”.

Entre os agravios que os oito anos de Goberno de Sánchez e os seus socios -coma o BNG- causaron á mocidade, Prado destacou a dificultade de emanciparse, poñendo en valor o millón de vivendas que promete construír Alberto Núñez Feijóo, así como outras medidas do programa electoral do PP destinadas á rebaixa do IVA na primeira vivenda, á ampliación de avais hipotecarios ou as deducións por aluguer. “O PP si é o partido da mocidade, como se demostra en Galicia, onde o PPdeG é a opción máis votada polo electorado mozo”, lembrou a secretaria xeral.

LUIS MENOR: “A MOCIDADE DEBE OCUPAR UN LUGAR CENTRAL”

O presidente provincial do PP, Luis Menor, reivindicou que o futuro da mocidade debe ocupar un lugar central nas decisións do próximo Goberno: “Ourense non pode conformarse con formar mozos para que desenvolvan o seu talento sempre fóra. Queremos que quedar sexa unha opción real e que volver sexa un proxecto posible.

Menor destacou a participación de Novas Xeracións na candidatura e na campaña: “Os mozos teñen que estar onde se toman as decisións. Martín e os seus compañeiros coñecen as dificultades da súa xeración e achegan propostas para resolvelas. O 29 de novembro pedimos o voto para Feijóo para que esas demandas se convertan en prioridades do Goberno”. Tamén puxo de manifesto que as NNXX da provincia de Ourense “son una organización forte e ordenada trala recente celebración do seu congreso provincial”.

ANA VÁZQUEZ: “O NOSO COMPROMISO É FACILITAR A EMANCIPACIÓN”

A cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Ana Vázquez, situou o acceso á vivenda como unha prioridade: “Un mozo que traballa non pode seguir aprazando a súa vida porque non consegue pagar un alugueiro ou aforrar para a entrada dunha casa. O noso compromiso é facilitar a emancipación con máis vivenda dispoñible, menos impostos e apoio para acceder á primeira compra”.

Destacou as propostas do PP de impulsar un millón de vivendas, facilitar avais de ata o 100 % da hipoteca e establecer impostos cero na compra da primeira vivenda no rural. “Queremos que os mozos poidan construír o seu futuro nos nosos concellos, con conexións ferroviarias fiables e oportunidades de emprego”, afirmou.

NICOLE GRUEIRA: “O GOBERNO CENTRAL LEVA OITO ANOS MÁIS PREOCUPADO DOS SEUS INTERESES QUE DA XENTE NOVA”

Por outra banda, a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, agradeceu o traballo das NNXX locais e provincial, así como de toda a mocidade que participou nun coloquio “ameno” pero tamén cheo da “seriedade” que corresponde porque “a mocidade hoxe está nun momento moi crítico, porque temos un Goberno que leva oito anos máis preocupado polos seus intereses persoais que pola xente nova”.

A representante da organización xuvenil galega defendeu que a mocidade quere unha España “rigorosa, con facilidades para emanciparse e para emprender, co futuro que merecemos”. Por iso se referiu a Alberto Núñez Feijóo como o candidato ao que votar, dende a “humildade e a liberdade”, defendendo que o líder do PP nacional é “quen mellor defenderá á mocidade”.

MARTÍN GIL: “QUEREMOS VIVIR, TRABALLAR E FORMAR UNHA FAMILIA NA NOSA TERRA”

O presidente provincial de Novas Xeracións e candidato suplente ao Congreso, Martín Gil, tamén reivindicou unha provincia na que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida. Gil chamou aos mozos a implicarse e acudir ás urnas: “A política é o que determina se podes pagar un alugueiro, atopar traballo aquí ou volver á túa terra. Se os mozos non estamos onde se decide, outros decidirán por nós. O 29 de novembro tamén votamos as oportunidades que terán os nosos amigos para volver. Por iso pido que votemos e que convenzamos a un máis para facer posible o cambio con Feijóo”.

Rueda pide un esforzo para que Galicia lle dea o 29N un “magnífico resultado” a Núñez Feijóo “porque o merece e o necesitamos”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu un esforzo para que Galicia lle dea o 29N un “magnífico resultado” a Alberto Núñez Feijóo, “porque o merece, sabemos como é e porque Galicia e España necesitámolo”. Por iso, insiste na importancia de “dalo todo” estas dúas semanas para poñerlle fin a estes oito anos de sanchismo no Goberno.

Así o trasladou ao comezo dun xantar popular celebrado no concello de Oroso, no que tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a nº2 ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, exercendo de anfitrión o alcalde Alex Doval.

Rueda sinalou que Feijóo “necesita todos os votos, todos e cada un” para acadar a maioría suficiente nas urnas coa que converterse no novo presidente do Goberno, e advertiu de que “as eleccións non se gañan con enquisas”. Nesta liña, apelou a conseguir en Galicia “os mellores resultados para o PP nestas eleccións”.

“A única maneira de sacar da Moncloa a Sánchez é votando ao Partido Popular”, dixo. Así o remarcou o líder dos populares galegos, pois “votar a outras forzas, como o BNG, é apoiar a Sánchez, como demostrou estes oito anos”. De feito, “son os mesmos que apoian a aqueles que no País Vasco atacaron ao candidato de Guipuzkoa Jon Echevarría”, sinalou, facendo fincapé en que “eses son os verdadeiros fascistas, os que tiran pedras a un rapaz valente e democrático”.

O líder do PPdeG subliñou que Feijóo é o idóneo para “devolver o respecto, o sentido e a reputación a este país”, o único capaz de devolver aos cidadáns unha España “que funcione como Galicia”, con estabilidade e orzamentos e onde se constrúa vivenda. Acabando así con “oito anos de decadencia”, marcados pola corrupción, as subas de impostos e o declive dos servizos públicos.

DIEGO CALVO: “SAIAMOS A RÚA E FALEMOS CON TODO O MUNDO”

O presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, puxo en valor a importancia da estrutura municipal do partido como unha das súas principais fortalezas. “A nosa forza son os concellos, os nosos alcaldes e alcaldesas, os portavoces e todos os compañeiros que están cada día ao pé da rúa, escoitando aos veciños e dando resposta aos seus problemas”. Calvo destacou que o contacto directo coa cidadanía e o traballo diario desde os municipios son os sinais de identidade do Partido Popular e a mellor carta de presentación do seu proxecto político.

Neste sentido, animou a todos os asistentes a implicarse e mobilizarse de cara ás próximas Eleccións Xerais, subliñando que o cambio político que necesita España debe comezar tamén desde a fortaleza dos territorios. “Temos un gran partido, unha organización forte e equipos comprometidos en todos os municipios. Esa é a nosa maior vantaxe e temos que poñela ao servizo dun obxectivo común: conseguir que Alberto Núñez Feijóo chegue á Presidencia do Goberno”.

Calvo rematou facendo un chamamento á participación e ao voto: “Pídovos que saiamos á rúa, que falemos con todo o mundo e que convenzamos aos nosos veciños para encher as urnas de votos do Partido Popular e facer posible o cambio necesario”.

A número dous da candidatura ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, pediu o voto para o Partido Popular para protexer ás mulleres, “que nos sentimos desprotexidas por parte do Goberno de España”, o que presume de “feminista” e do que “só vemos escándalos”.

Rueda afirma que Galicia ten que aproveitar a “oportunidade” de cambio do 29N e ser “unha peza fundamental da vitoria” de Feijóo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou que “Galicia ten que ser unha peza fundamental na vitoria de Alberto Núñez Feijóo” nas Eleccións Xerais do 29 de novembro, cun voto masivo ao Partido Popular que permita aproveitar a “oportunidade” que ofrecen as urnas de cambiar o Goberno de España.

Así o indicou nun mitin celebrado en Vilagarcía de Arousa, no que tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña, e o tamén candidato ao Congreso, Juan Andrés Bayón. A cita, na que exerceu de anfitrioa a presidenta da Xestora do PP local, Ana Granja, tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

Na súa intervención, Rueda insistiu en que dentro de dúas semanas exactas votaranse “dous camiños”: un supón seguir igual, “coa decadencia, a corrupción e as mentiras” que definiron os oito anos de sanchismo; mentres que o outro devolverá a España a “seriedade, a palabra e a xestión” da man de Feijóo. En definitiva: “sentidiño” fronte a “sen sentido”. “Xogámonos moito”, remarcou.

O líder do PPdeG insistiu en que a maquinaria do PPdeG ten que funcionar “a tope” para -como vén reclamando nas últimas semanas- ser o “motor” do cambio que precisa España. Neste sentido, lembrou que a xente está farta dun Goberno, o de Pedro Sánchez, que só trouxo “incumprimentos” e “discriminacións” para a nosa Comunidade, á que deixa soa no seu plan de duplicar o parque público de vivenda ao tempo que provoca conflitos na sanidade en lugar de solucionar o déficit de médicos.

Rueda incidiu en que é necesario mudar o “show” do Goberno pola “xestión” que demostrou Feijóo á fronte da Xunta durante 13 anos, e impulsar unha “rexeneración” despois dun ronsel de escándalos que ten no chófer de Sánchez e o posible fraude na compra das pulseiras antimaltrato como últimos exemplos. Así mesmo, censurou o “paripé que nunca se cumpre” do acordo de investidura do BNG co PSOE. “Esa non é Galicia, Galicia é esforzo, e ese esforzo merece un respecto”, remachou.

GARCÍA COMESAÑA: “SÁNCHEZ ASFIXIA Á XENTE A IMPOSTOS”

O cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, apelou aos vilagarciáns para pedirlles a confianza en Alberto Núñez Feijóo e o PP “para deseñar un futuro cunha fiscalidade máis xusta, con impostos máis baixos e coa máxima eficacia na xestión do diñeiro público para mellorar os servizos públicos”.

“Mentres as familias teñen cada vez máis dificultades para chegar a finais de mes, o Goberno de Sánchez está a asfixiar á xente a impostos”, aseverou o candidato popular, antes de concretar que nos últimos sete anos a recadación tributaria na provincia medrou un 70% “sen que iso se nótase na calidade de vida, no estado da estradas, na construción de vivenda pública, nos investimentos e en absolutamente nada, porque Vilagarcía e a provincia están totalmente abandonadas polo PSOE”.

Comesaña insistiu en que España precisa “a xestión e atención aos cidadáns” que representa Feijóo e advertiu de que o 29 de novembro “temos unha oportunidade extraordinaria que temos que aproveitar co voso traballo e implicación no proxecto do PP”.

Finalmente, o candidato vilagarcián Juan Bayón marcou que o obxectivo é que Feijóo sexa presidente do Goberno “para que Vilagarcía por fin poida ser escoitada e atendida desde Madrid” tras máis de oito anos de esquecemento de Sánchez e exemplificou os incumprimentos co proxecto de humanización da N-640, que foi anunciado polo Goberno central en marzo de 2023 -hai tres anos e medio- por 5,7 millóns de euros e nin sequera está proxectado.

Ademais, rematou cunha apelación ao voto útil: “Na nosa provincia calquera papeleta que non sexa a do PP, absolutamente todas, son votos para a continuidade de Sánchez, así que está claro que o cambio hai que concentralo en votos ao PP, só ao PP”.