O PPdeG denuncia que a reforma do Goberno de Sánchez para as escolas infantís pon en risco o modelo galego de gratuidade e podería provocar a perda de 4.200 prazas

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, denuncia que a reforma que pretende aprobar mañá o Goberno de Sánchez para as escolas infantís pon en risco o modelo de gratuidade en Galicia e advirte que esta normativa “sen consenso, sen diálogo, sen planificación e sen financiación” podería provocar a perda de 4.200 prazas de 0 a 3 anos na comunidade autónoma, arredor de 1.600 delas na rede privada e de iniciativa social.

Así o sinalou durante unha reunión con representantes das principais asociacións e patronais das escolas infantís de Galicia, xunto á responsable da área de Política Social e Igualdade do Goberno galego, Ángeles Vázquez, e o presidente do PP de Pontevedra e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, onde denunciaron que esta reforma chega “mal e tarde”, cualificando de “inaceptable” que o Goberno de Sánchez decida abordar na semana das Eleccións Xerais un asunto que tiñan que ter abordado nestes anos, “tiveron tempo suficiente”.

No encontro, celebrado en Pontevedra, participaron representantes das principais asociacións e patronais das escolas infantís de Galicia: AGADEI (Asociación Galega de Escolas Infantís), ASEIGAIS (Asociación de Escolas Infantís de Iniciativa Social), ACADE (Asociación de Centros Autónomos de Ensinanza Privada), AEIOU (Asociación de Escolas Infantís de Ourense) e AFESIN (Asociación de Escolas Infantís de Ferrolterra).

Os populares lamentaron que a ministra de Educación, Milagros Tolón, anunciase onte nun mitin que este martes o Consello de Ministros aprobará a reforma de redución das ratios nas escolas de 0 a 3 anos. Un anuncio que para a secretaria xeral do PPdeG é “un exemplo máis da propaganda deste Goberno de promesas e ningún feito”.

“Estamos de acordo en todo o que sexa unha mellora do sistema educativo, o que non podemos consentir é unha norma que chega, coma sempre, baixo a premisa favorita do sanchismo coas comunidades que non lle interesan para gobernar. O clásico ‘Yo invito, tú pagas”, explicou Prado, lamentando que esta reforma chegue “con imposición, con calendarios imposibles de cumprir e sen financiación para as comunidades”.

Para a número dous dos populares galegos, Sánchez leva anos poñendo trabas á xestión das comunidades autónomas, “só porque actúan onde el é incapaz de facer nada”. Neste sentido, puxo en valor o modelo gratuíto e pioneiro da educación en Galicia, co que o Goberno galego dá facilidades ás familias, mentres o Executivo de Sánchez “premia ás comunidades que lle son amigas e castiga ás que considera de segunda, como Galicia”. A secretaria xeral do PPdeG atribúe esta norma á falta de xestión dun Goberno “que leva oito anos improvisando e que está nas súas últimas horas”.

Pola contra, en Galicia foi Alberto Núñez Feijóo quen impulsou o modelo de educación gratuíta, un fito que “é o seu aval para espallar o modelo galego por toda España”, porque, dixo a secretaria xeral, el “si é un bo xestor”. “Feijóo cumprirá, porque en Galicia sabemos como goberna. Por iso temos que ser o motor do cambio o próximo 29 de novembro”, concluíu.

UNHA REFORMA SEN DIÁLOGO E SEN FINANCIACIÓN

Pola súa banda, a responsable de Política Social e Igualdade do Goberno galego, Ángeles Vázquez, advertiu de que a reforma que promove o Goberno central, nos seus actuais termos, podería poñer en risco o modelo galego de gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos. “Non só implica novas obrigas para os centros en materia de persoal, senón tamén importantes esixencias para as súas instalación”, explicou. Uns requisitos que obrigarían a moitas escolas a realizar contratacións e investimentos para os que non se prevé financiamento específico e que, nalgúns casos, poden resultar imposibles de cumprir polas propias características dos edificios ou pola falta de espazo.

A conselleira remarcou que Galicia comparte o obxectivo de mellorar a calidade da atención, pero considera inaceptable que se impoñan estas novas obrigas sen avaliar as súas consecuencias, sen diálogo coas comunidades autónomas e sen achegar os recursos necesarios para asumilas. “O Goberno de Sánchez decide e as comunidades autónomas pagamos”, criticou.

Segundo as estimacións do Goberno galego, a aplicación da nova normativa podería supoñer un custo adicional de arredor de 59 millóns de euros anuais para o sistema autonómico a partir de 2030 e provocar a perda dunhas 4.200 prazas. “Na práctica, isto pode traducirse no peche das escolas que non poidan asumir os novos custos ou adaptarse materialmente ás esixencias da norma, e tamén en máis dificultades para que as familias accedan a este recurso fundamental para a conciliación”, advertiu.

Ángeles Vázquez lembrou que Galicia conta cun modelo pioneiro de gratuidade, con preto de 32.000 prazas, das que máis de 13.000 son achegadas polas escolas privadas, “unha peza imprescindible para garantir este servizo a todas as familias”. Por iso, defendeu a necesidade de que o Goberno central rectifique e garanta tres condicións básicas para aplicar calquera reforma: diálogo coas administracións e co sector, financiamento suficiente para asumir as novas obrigas e un calendario flexible que permita aos centros adaptarse sen poñer en risco a súa continuidade.