O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe que “imos facilitar e axilizar con todo o que estea na nosa man” a celebración da Comisión de Investigación sobre a contratación publica da Administración autonómica “para botar abaixo todas e cada unha das trolas e bulos que desde o BNG e o PSdeG están intentando trasladar á sociedade galega sobre a construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e as contratacións realizadas pola Xunta de Galicia”.
A Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica celebrou esta mañá a súa primeira reunión na que se procedeu á elección da súa Mesa, que estará presidida pola deputada do Grupo Popular Elena Candia; coa tamén deputada popular Carmen Pomar como vicepresidenta; e o deputado do BNG Luis Bará como secretario.
INTERESE, ÁNIMO DE TRABALLO E DISPOÑIBILIDADE
Alberto Pazos afirmou que desde o Grupo Popular “afrontamos esta Comisión de Investigación con interese, ánimo de traballo e plena dispoñibilidade, porque estamos convencidos de que, tanto a documentación que se aporte a esta comisión como a testemuña dos comparecentes que pasarán pola mesma, permitirán poñer de manifesto a excelente xestión que a Xunta está a facer dos recursos públicos de todos os galegos”.
“O que resulta sorprendente é a actitude contraditoria do BNG, que, por unha banda, leva días esixindo acelerar os prazos relacionados con esta Comisión, pero hoxe mesmo solicitou ampliar eses mesmos prazos argumentando que necesitan tempo para realizar unhas emendas ás normas de funcionamento”, indicou o portavoz popular.
Por este motivo, solicitou aos nacionalistas galegos “un pouco de coherencia, para non pedir ao mesmo tempo recortar e ampliar prazos; e un mínimo de rigor, porque o Grupo Popular non vai presentar unha proposta de normas de funcionamento, xa que realmente corresponde aos servizos do Parlamento e, polo tanto non existen emendas, senón suxestións por parte de todos os grupos parlamentarios que o consideren oportuno”.
“O BNG debería deixar a un lado o seu autoritarismo e asumir que estamos nun Parlamento democrático, que se rexe polas normas previamente establecidas e de acordo coas maiorías xurdidas nas urnas”, dixo Alberto Pazos, quen criticou que as declaracións da portavoz do BNG “deixan claro que xa teñen escrito o guión desta Comisión de Investigación e pretenden impoñer as normas de funcionamento, o Plan de Traballo e, desgraciadamente, tamén as conclusións da mesma”.
AGARDAR AO FINAL DOS TRABALLOS PARA AS CONCLUSIÓNS
Pola contra, asegurou que o Grupo Popular “prefire agardar aos informes dos servizos da Cámara para establecer as normas de funcionamento e ás propostas de Plan de Traballo para facer unha valoración da súa pertinencia e, desde logo, esperaremos ao final dos traballos para poder escribir unhas conclusións”. “Esa é a diferenza entre unha Comisión de Investigación para coñecer a verdade e unha caza de bruxas para impoñer os bulos que os partidos da oposición levan espallando durante anos sen máis proba que os seus prexuizos”, incidiu.
Alberto Pazos insistiu que o Grupo Popular “vai facilitar e axilizar con todo o que estea na nosa man a celebración desta Comisión de Investigación, co obxectivo de que os galegos coñezan a realidade que está detrás do modelo de financiamento e funcionamento do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e das contratacións realizadas pola Xunta de Galicia”.
“Porque non pararemos de manifestar o noso orgullo pola posta en marcha en Vigo dun dos mellores hospitais de Europa, nun momento de fonda crise económica e que permitiu afrontar a pandemia nas mellores condicións de atención sanitaria aos veciños de toda a área viguesa; e rexeitamos calquera manobra da oposición nacionalista e socialista para poñer en dúbida a boa xestión dos gobernos do PPdeG na Xunta, co único obxectivo de tapar os escándalos que afogan pouco a pouco ao actual Goberno de España e, por enriba de todo, ao Presidente Pedro Sánchez e o seu entorno familiar”, rematou.