O portavoz popular avanza que, “no caso de que non varíe a súa postura, a Xunta e o Grupo Popular levarán adiante unha modificación puntual da Lei que estaría aprobada a finais de febreiro ou principios de marzo”
PUY REITERA QUE “INTENTAREMOS ATA O ÚLTIMO MOMENTO” QUE AGE RECONSIDERE A SÚA POSTURA E LEVANTE O BLOQUEO Á MODIFICACIÓN DO ARTIGO 144 DA LEI DO SOLO
• Lanza unha mensaxe de tranquilidade sobre o mantemento do emprego e a continuidade da factoría de PSA en Vigo ante as declaracións realizadas esta mañá polo director da planta demandando unha solución á situación urbanística
• Na sesión plenaria tamén se procederá ao debate de totalidade do proxecto de Lei do patrimonio cultural
Santiago, 1 de febreiro de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou hoxe que “intentaremos ata o último momento” do Pleno da vindeira semana que AGE reconsidere a súa postura e levante o bloqueo á modificación do artigo 144 do proxecto de Lei do Solo, que habilitaría a realización de proxectos de urxencia ou excepcional interese público nos concellos galegos e permitiría de forma inmediata dar saída ao problema que sofre Vigo logo da suspensión do Plan Xeral desa cidade. Porén, Puy avanzou que, no caso de que AGE non varíe a súa postura, a Xunta e o Grupo Popular levarán adiante unha modificación puntual da Lei do Solo nese aspecto concreto para solucionar o problema, que podería aprobarse a finais de febreiro ou principios de marzo.
Pedro Puy cualificou a nova Lei do Solo como “unha das relevantes do conxunto da lexislatura” e que facilitará unha ordenación racional do territorio, o desenvolvemento sustentable do rural e a protección da paisaxe. Na súa intervención, destacou que ao longo da ponencia incorporáronse 79 emendas ao texto, das cales 45 foron a iniciativa da oposición.
Porén, lamentou que “non se puido incorporar a emenda que modifica o artigo 144 para habilitar a realización de proxectos de urxencia ou excepcional interese público nos concellos galegos que permitiría de forma inmediata dar saída ao problema de Vigo logo da suspensión do Plan Xeral desa cidade”. “Ímolo intentar ata o último momento antes de que aprobe esta lei na sesión plenaria”, subliñou Puy, quen criticou a AGE porque “non quere corrixir este problema de maneira inmediata”.
SOLUCIÓN A PROBLEMA GRAVE
O portavoz popular lembrou as declaracións realizadas esta mañá polo director da fábrica de PSA de Vigo nas que afirma que se non se resolve a situación urbanística xeraría un problema grave para a ampliación da fábrica. “A solución se pide para antes do verán e estou en disposición de garantir que a solución para manter os postos de traballo e a continuidade da factoría de PSA en Vigo podería aprobarse antes do remate do mes de febreiro ou principios de marzo”, indicou.
“A solución proposta polo Goberno galego e o Partido Popular, aceptada por todos os grupos parlamentarios menos AGE, en ningún caso supón que exista unha barra libre urbanística e ofrece todas as garantías posibles”, xa que “as modificacións deberán realizarse co común acordo de todas as administracións competentes, de xeito que os propios concellos poden rexeitar a modificación urbanística”, explicou Pedro Puy.
Finalmente, o portavoz popular felicitouse porque “haxa unha norma urbanística axeitada para os nosos tempos, que vai permitir o gran obxectivo de que todos os concellos de Galicia teñan nesta década normas urbanísticas perdurables no tempo”. Así, dixo que neste momento 57 concellos carecen de normas urbanísticas e 173 non teñen adaptado o seu PXOM á nova normativa.
A LEI DO PATRIMONIO UNIFICA TRES TEXTOS
En segundo lugar, na sesión plenaria procederase ao debate de totalidade do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, un texto que substitúe e unifica as regulacións de tres leis: a do Patrimonio cultural de 1995, a de Protección dos Camiños de Santiago de 1996; e a de Traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago de 1991.
Puy sinalou que este proxecto de lei chega ao Parlamento logo de recibir achegas de máis de 60 entidades, entre as que figuran as tres universidades galegas, a Academia de Belas Artes, o Colexio de Arquitectos e a fiscalía especializada en delitos contra o patrimonio, así como o ditame do Consello da Cultura Galega.
Así mesmo, indicou que a nova lei persegue catro obxectivos fundamentais: incrementar a colaboración de todas as Administracións, especialmente dos concellos; regular novos patrimonios, como o inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico; implantar un réxime sancionador máis estrito; e simplificar a lexislación e a xestión administrativa do patrimonio cultural.
O portavoz popular salientou que “un dos aspectos máis salientables do proxecto de Lei é a creación dun novo Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, que reducirá a dúas as categorías de bens de patrimonio: Bens de Interese Cultural (BIC) e bens clasificados (na que se integra a categoría de bens inventariados”.