O PPdeG reivindica o modelo de educación gratuíta “desde o nacemento ata a saída da universidade” do que gozan os galegos e galegas gracias ao Goberno de Alfonso Rueda e co que Galicia se posiciona como “referencia en conciliación e loita contra o reto demográfico”.
Así o quixeron poñer en valor os populares galegos na reunión da Comisión de Educación do partido que tivo lugar en Vedra e na que participaron, entre outros, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e FP do Goberno galego, Román Rodríguez, o coordinador da Comisión, Ovidio Rodeiro, e o alcalde Carlos Martínez.
“A educación en Galicia tamén goberna grazas a un profesorado e unha comunidade educativa con vocación e dedicación e grazas á procura constante da calidade, a excelencia e a accesibilidade no sistema educativo”, sinalou Paula Prado ao tempo que incidía na capacidade deste sistema para “vertebrar o territorio” chegando alí onde están os alumnos e ofrecéndolle posibilidades a todos eles.
A secretaria xeral do PPdeG quixo remarcar na súa intervención que, se a educación en Galicia goberna, é porque “se basea en ensinar e formar, non en adoutrinar”. De feito, reivindicou que “o ensino de calidade é aquel que non cre en ningún tipo de imposición ideolóxica, lingüística ou partidista, senón que ofrece unha visión ampla para que a xente decida en liberdade”.
Facer o contrario, indicou, xeraría “rexeitamento” e “desapego”. De aí que o Goberno aposte por “convencer en vez de impoñer” para que así os galegos e galegas “poidan ser libres e críticos dentro dunha sociedade plural e aberta”.
“Unha cousa é educar en valores e outra educar en ideoloxía, que é o que queren outros. Os outros a única independencia que queren e á de Galicia”, afirmou Prado en referencia ao “Bloque Negacionista Galego”; ao que acusou de ser “o partido do ‘non’ tamén á neutralidade ideolóxica” e o causante de que “calquera decisión da Xunta se converta en manifestación e alboroto coa CIG e a UPG por detrás”.
Nesta liña, afeoulle ao BNG a súa aposta “polo supremacismo de sinalar, atacar e perseguir a todo aquel que non pensa igual; pola manipulación ideolóxica nas aulas e polo pensamento totalitario e intransixente”. Unha postura que contrapuxo co convencemento do PPdeG de que “nun servizo público tan esencial como o ensino debe haber neutralidade ideolóxica ao igual que en todas as escolas do mundo”.
“Temos que formar cidadáns que crean na liberdade de expresión e no respecto ao diferente. Por iso desde o Partido Popular seguiremos apostando pola educación da Galicia, seguiremos crendo nun ensino para todos e non só para unha minoría e seguiremos dicindo ‘si’ ao futuro de Galicia”, concluíu.
ROMÁN RODRÍGUEZ: “SOMOS MÁIS DE FACER QUE DE FALAR”
Pola súa banda, Román Rodríguez defendeu as medidas do PPdeG en materia de ensino como “políticas cribles de longo percorrido que están a obter os mellores resultados posibles grazas á estabilidade” da que goza Galicia desde hai anos: “Unha cousa é o que se di e outra o que se fai. Nós somos máis de facer que de falar, máis de pala que de pico, e os resultados están aí”.
Neste senso, aludiu ao “esforzo que fai economicamente” o Goberno galego, co presidente Alfonso Rueda á fronte e que cada curso incrementa as medidas de apoio ás familias. Trátase, como lembrou, de compromisos coa cidadanía que se fan realidade no menor prazo de tempo posible.
Como exemplos, citou a nova desgravación fiscal pola compra de libros de texto e material escolar, que foi aprobada no Debate do Estado da Autonomía celebrado o pasado mes de abril e que onte mesmo empezou a funcionar. Ou a matrícula universitaria gratuíta, unha das principais promesas do programa electoral do PPdeG nas últimas eleccións autonómicas e que se fixo realidade nos 100 primeiros días de goberno.
A EDUCACIÓN DA GALICIA QUE GOBERNA
A reunión da Comisión de Educación do PPdeG tivo lugar na Estación de Santa Cruz de Ribadulla, onde se celebrou unha mesa redonda moderada polo viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Julio García Comesaña, que destacou a importancia das cuestións relativas á educación no traballo diario dos deputados e deputadas do PPdeG.
Entre os participantes nesta mesa redonda estaba Manuel Vila, secretario xeral técnico de Educación no Goberno galego, que destacou entre outros avances a posta en marcha do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, pioneiro en España e en Europa.
Tamén Eugenia Pérez, responsable de Formación Profesional no Goberno galego, quixo salientar o salto cualitativo que ten experimentado esta modalidade formativa en Galicia nos últimos anos malia os impedimentos que puxeron outros partidos políticos nun primeiro momento.
O coordinador e presidente da Comisión de Educación do PPdeG e tamén alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, fixo fincapé no traballo deste “laboratorio de ideas” dos populares galegos á hora de recoller as propostas recibidas desde todos os sectores do sistema educativo galego e transformalas en medidas reais e efectivas.