O titular da Xunta presidiu o acto de presentación do Proxecto Mentoring. Desenvolvemento Profesional da USC
Feijóo subliña a importancia de impulsar o emprendemento desde a universidade para conectar o mundo académico ao mercado laboral
- Asevera que o Proxecto Mentoring facilita identificar aos alumnos participantes “os camiños que hai a partir da finalización do grao, como se pode acceder a un mercado laboral e como se poden desenvolver os proxectos profesionais”
- Sostén que esta iniciativa vai en liña coas medidas que se están a impulsar desde a Xunta para fomentar o emprendemento como a sinatura do convenio de colaboración coa Fundación Barrié para o desenvolvemento do Fondo Autonómico de Proba de Concepto; as Unidades Mixtas; o Programa Oportunius e a Rede Galega de Mentores
Santiago, 1 de febreiro de 2016.- Alberto Núñez Feijóo destacou hoxe a importancia de impulsar o emprendemento desde a universidade para conectar o mundo académico ao mercado laboral.
Nesta liña e durante o acto de presentación do Proxecto Mentoring. Desenvolvemento Profesional da USC, Feijóo aseverou que esta iniciativa dá as claves para que os estudantes poidan acadar un posto de traballo ou emprender un proxecto empresarial naqueles ámbitos para os que se formaron. “O obxectivo é contribuír a mellorar a conexión entre o mundo académico e o mundo laboral. Identificar aos alumnos participantes os camiños que hai a partir da finalización do grao, como se pode acceder a un mercado laboral e como se poden desenvolver os proxectos profesionais”, precisou, ao que engadiu que se trata dunha iniciativa universitaria innovadora na que participan 79 mentores.
Así mesmo, o titular do Goberno galego afirmou que no Mentoring se dá unha alianza entre a experiencia e o talento, “entre o coñecemento e o talento”. “Trátase dunha ferramenta de orientación laboral que hai que saudar”, dixo, logo de precisar que se trata dunha iniciativa que está dentro da órbita do Plan Boloña, “porque busca reforzar a formación permanente, os índices de empregabilidade e situar o alumno como centro do sistema”.
Acorde coa Universidade do século XXI
Durante a súa intervención, Feijóo afirmou tamén que este proxecto é acorde coa Universidade do século XXI “e co compromiso que temos todos de ser útiles no funcionamento dos servizos públicos, sendo a universidade a cima do servizo público educativo”.
Por outra banda, o presidente da Xunta destacou que este programa vai en liña, ademais, coas medidas que se están a impulsar desde o Goberno galego para fomentar o emprendemento. E, neste sentido, lembrou a sinatura do convenio de colaboración coa Fundación Barrié para o desenvolvemento do Fondo Autonómico de Proba de Concepto; os 22 millóns de euros que a Xunta puxo á disposición das Unidades Mixtas; o Programa Oportunius e a Rede Galega de Mentores, “na que están inscritos 150 empresarios experimentados e que están traballando co Goberno galego”.