Santiago, 5 de febreiro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe, co único voto favorable do Partido Popular, a reclamación ao Goberno central para que cumpra as 25 demandas prioritarias fixadas no documento de Axenda Galicia aprobado polo Consello da Xunta o pasado 31 de outubro.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou os contidos “coherentes e prioritarios” da Axenda Galicia. Ademais, lembrou que todas as cuestións que incorpora “xa pasaron por este Parlamento a través de 101 iniciativas, das que 43 foron aprobadas por unanimidade e ningunha saíu adiante só co voto do PPdeG”.
CATRO BLOQUES
Puy dividiu en catro bloques as cuestións que conforman a Axenda Galicia. O primeiro deles ten que ver co financiamento da Comunidade galega, e máis en concreto a débeda de 370 millóns de euros que o Goberno central ten con Galicia: 200 millóns correspondentes á mensualidade do IVE de 2017 e 170 millóns de compensacións por ser unha comunidade cumpridora.
Neste punto, criticou que “o Goberno socialista leva ano e medio sen resolver este problema, que a propia ministra de Facenda esixía cando era conselleira no Goberno de Andalucía”. Ademais, salientou que na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, convocada para o vindeiro venres, “non inclúa o debate sobre o pago das débedas ás comunidades autónomas pola mensualidade do IVE e polos incentivos fiscais”.
De todos xeitos, Puy reiterou que “hai forma de pagar esta débeda dun xeito inmediato, como se recolle na proposición non de lei aprobada neste Parlamento, ben a través do sistema habitual de transferencia de recursos ás comunidades autónomas ou a través da asunción da débeda das comunidades por parte do Estado”.
INCONGRUENCIA SOCIALISTA
O portavoz popular criticou a incongruencia dos socialistas galegos sobre a forma de pagar esta débeda a Galicia. “A ministra di que non se pode pagar, o delegado do Goberno propón pagar os 200 millóns do IVE a través da reforma do sistema de financiamento, Gonzalo Caballero propón pagalos a través dos orzamentos xerais de 2020, Abel Caballero di que non lle importa nada esa débeda e, finalmente, os socialistas de A Coruña e de Lugo piden que se pague xa”, indicou.
Pedro Puy explicou que un segundo bloque de demandas incluídas na Axenda Galega fai referencia ás infraestruturas de comunicación, pedindo o remate das obras do AVE a Galicia e a construción das estacións intermodais; o Corredor Atlántico de Mercadorías; a transferencia da AP-9 e da AP-53, así como a mellora doutras autovías e estradas; o saneamento das nosas rías; ou a condonación da débeda dos portos galegos.
“Pero tamén solicitamos que o Goberno central teña en conta aos sectores produtivos galegos, en concreto ás 5.000 familias que dependen de Alcoa e as empresas electrointensivas galegas; ás 750 familias que viven da central térmica de As Pontes; ás 100 empresas e 5.000 edificacións pendentes da modificación do regulamento da Lei de Costas; ás 80.000 familias que venden madeira a Ence; ou aos traballadores do estaleiros da ría de Ferrol, pendentes de carga de traballo ata que se comece a construción das fragatas F-110”, apuntou.
Por último, na Axenda Galega demándanse actuacións relacionadas cos servizos públicos, desde unha educación máis equitativa, ata máis profesionais para a sanidade pública, o cumprimento do 50 por cento do financiamento da dependencia; a gratuidade de todas as prazas de escolas infantís para as familias galegas; ou a creación de novos xulgados.
ACORDO FEBLE DO BNG
Por outra banda, no debate dunha proposición de lei do BNG sobre o seu acordo co PSOE para apoiar o Goberno de Pedro Sánchez, Puy criticou que “pretenden que lexitimemos un acordo feito ás presas e no que os nacionalistas galegos foron un segundo prato”.
Neste sentido, sinalou que “trátase dun documento feble, tanto polo que non inclúen, como o pago da débeda, a transferencia da AP-9, carga de traballo para os estaleiros galegos, novos xulgados ou unha alternativa para o peche da central de As Pontes; como polo que inclúen, esquécense do cupo para Galicia ou a tarifa eléctrica galega, que pasa a ser un estudo sobre posibles compensacións eléctricas”.
Respecto á súa proposta de adecuar a estrutura do Estado aos sentimentos nacionais, o portavoz popular sinalou que “é unha copia do acordo entre o PNV e o PSOE” e criticou que os nacionalistas “confundan o nacionalismo cona representación do conxunto da sociedade, e menos nas Cortes Xerais onde contan cun único representante entre 42 que ten a Comunidade galega”.