Santiago, 4 de outubro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta para que, antes e que remate o ano 2019, proceda a realizar as xestións oportunas para avanzar decididamente en todo o relativo a constitución e funcionamento dos montes de varas, así como a regulación do rexistro público correspondente.
Segundo se recolle na Lei 7/2012, de montes de Galicia, os montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo son aqueles conservados en pro indiviso cuxas persoas copropietarias, sen prexuízo de realizaren en común aproveitamentos secundarios, teñen ou manteñen o costume de se reuniren para repartir entre eles porcións determinadas de monte ou senras para o seu aproveitamento privativo, asignacións que se fan en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados polos títulos ou polo uso inmemorial, e cuxa adxudicación se decide pola sorte, tamén sen prexuízo da subdivisión das senras así asignadas conforme as adquisicións hereditarias ou contractuais.
MOMENTO OPORTUNO
O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, considerou que “estamos nun momento moi oportuno para avanzar regulamentariamente na xestión sustentable dos montes de varas, conforme a súa multifuncionalidade ambiental, económica, social, cultural e patrimonial, que sen lugar a dúbidas favorecerá o desenvolvemento socioeconómico e a fixación da poboación no medio rural”.
Neste sentido, Blanco afirmou que “a promoción e o fomento das copropiedades titulares de este tipo de montes permitirá facilitar a planificación e a execución da súa axeitada xestión”, ao tempo que manifestou que “a existencia dun rexistro público permitirá dispoñer, de maneira permanente, integrada e actualizada, toda a información precisa para o axeitado desenvolvemento destes montes na Comunidade galega”.
MODIFICACIÓN NAS AXUDAS PARA A PREVENCIÓN DE INCENDIOS
Así mesmo, o Grupo Popular apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a promover as modificacións necesarias na Orde pola que se establecían as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados ás fragas por incendios, desastres naturais e catástrofes, en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020, coa finalidade de aprobar as prórrogas daqueles expedientes que o solicitaran ata o día 7 de outubro ou que, por informes complementarios necesarios doutros organismos, aínda non fosen aprobados.
Así mesmo, solicítase que nas próximas convocatorias de ordes de axudas se publiquen como anticipado de gasto e que, co obxectivo de axilizar os diferentes trámites administrativos, se habiliten as fórmulas necesarias para que estean dispoñibles antes do período de alto risco.
Neste sentido, Moisés Blanco salientou que a Xunta de Galicia investirá ao longo do presente ano 4,5 millóns de euros na dotación de infraestruturas de prevención de incendios forestais en 19 distritos forestais. En concreto, dous millóns dedicaranse a discontinuidade, un millón de euros para a creación de novos puntos de auga e 1,5 millón de euros a cortalumes.
“Ademais, nos dous últimos anos destináronse cerca de 8,5 millóns de euros para a creación de novos puntos de auga e a mellora de pistas forestais.