18, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que “desde que Feijóo é presidente da Xunta lévalle aforrado aos galegos arredor de 1.500 millóns de euros en impostos, que se mantiveron así nos petos dos traballadores e das familias desta Comunidade”.
Deste xeito, puxo en valor as rebaixas selectivas de impostos polas que volve apostar o Goberno galego nos Orzamentos para 2020 aprobados esta semana, que se suman ás que xa acometeu en exercicios anteriores. “Esta Xunta sempre apostou por baixar impostos, sen perder de vista o control das contas públicas nin a mellora dos servizos sociais”, engadiu.
Cómpre subliñar que as contas do ano que vén inclúen unha rebaixa no Imposto de Transmisións Patrimoniais para a compra de vivenda no rural, para que esta zona teña a menor tributación de toda España; a exención de tributación de todas as herdanzas de ata un millón de euros por herdeiro -o 99% dos galegos non pagarán o Imposto sobre Sucesións cando reciban unha herdanza dun familiar directo-; facilitan a sucesión das empresas familiares e poñen en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF que bonificará ata o 15% das actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética.
Así mesmo, Tellado fixo fincapé en que estes Orzamentos tamén supoñen menos débeda porque aforramos 200 millóns de euros en xuros en comparación co ano 2014 e porque somos a Comunidade que menos a aumentou nos últimos dez anos, consolidándonos como a Autonomía de referencia no control do endebedamento.
Todo isto é para o secretario xeral unha mostra máis da contraposición do modelo do Partido Popular, “de sentidiño, rigor na xestión e alivio da carga fiscal”; co da esquerda, “que sempre avoga polas subidas masivas de impostos que lastran a economía das familias”.
SERIEDADE, TRANSPARENCIA E RESPECTO CO AVE
Por outra banda, o número dous dos populares galegos salientou a importancia da chegada da alta velocidade á nosa Comunidade tras constantes retrasos, remarcando que “merecemos que todo o relativo ás obras do AVE a Galicia se trate por parte do Goberno con seriedade, transparencia e respecto”.
Segundo lembrou, Mariano Rajoy desbloqueou todos os treitos afectados polo bloqueo político e deixou as obras en disposición de rematarse a finais de 2019, compromiso que o Executivo de Pedro Sánchez ratificou. Sen embargo, xa no último trimestre deste ano, os socialistas non facilitan información sobre a finalización das obras e sobre a previsión de entrada en servizo do AVE.
Ademais, como apuntou Tellado, o delegado do Goberno en Galicia, “moi acostumado xa a rirse dos galegos”, fala con total naturalidade de 2021 como prazo. “Desde o PPdeG esiximos que se manteña o calendario previsto e que o Executivo de Sánchez deixe de discriminarnos en todos os temas importantes que afectan á nosa Comunidade”, aseverou.
A SITUACIÓN LÍMITE DA NOSA INDUSTRIA
O secretario xeral tamén falou sobre a situación límite da central das Pontes e de Alcoa San Cibrao, logo dunha semana de mobilizacións moi intensas tanto en Madrid como na Mariña lucense ante o gran impacto que supón para as comarcas afectadas.
Como sinalou, o Executivo socialista ten na súa man aprobar o estatuto electrointensivo que consiga darlle un prezo competitivo da luz á nosa industria e aprobar as medidas fiscais que permitan a reactivación da central das Pontes: “Cada día e cada semana que pasa sen facelo é unha xornada máis de inacción e de incapacidade do Goberno de Pedro Sánchez para dar resposta aos problemas de Galicia”.
CONFRONTACIÓN FRONTE CONVIVENCIA
Por último, referiuse á moción presentada polo BNG e Compostela Aberta no Concello de Santiago en relación á decisión do Tribunal Supremo sobre o proceso independentista catalán, na que rexeitan a sentenza xudicial e reclaman unha Lei de Amnistía para aqueles que intentaron subverter a orde constitucional; algo que se une ás declaracións de Ana Pontón pedindo que desde a política se corrixa o fallo xudicial.
Nese senso, evidenciou a paragoxe na que vive permanentemente o Bloque, que se farta de dicir que España non é un país democrático pero, cando ten ocasión, reclama que se vulneren as normas máis elementais de calquera democracia. “Levamos tempo advertindo que o BNG, e parece que agora tamén Podemos, non teñen máis proxecto político para Galicia que copiar ao independentismo catalán”, admitiu.
“Por máis confrontación, máis división, e máis bloqueo polo que queiran apostar os socios do PSdeG -os nacionalistas e os socialistas gobernan en tres Deputacións e en máis de 50 concellos da Comunidade-, en Galicia seguirá habendo un partido, o PPdeG, que cree na convivencia, na moderación e no respecto á legalidade”, sentenciou.