Santiago, 23 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demandan ao Goberno central diversas actuacións relacionadas coa AP-9 para evitar a suba de peaxes, mellorar os seus accesos, a liberación da peaxe de Redondela e a posta en marcha de bonificacións para os usuarios frecuentes.
En concreto, a iniciativa solicita o compromiso expreso do Goberno central para que non aplique novas subas extraordinarias nas peaxes da AP-9, así como que as novas obras acometidas nesta autoestrada non sexan financiadas con cargo a novos incrementos de peaxes aos usuarios. Neste ámbito, tamén se pide a activación á maior brevidade da peaxe entre Redondela e Vigo e a posta en marcha de bonificacións de peaxe para os usuarios frecuentes de, cando menos, o 25 por cento do itinerario de ida e volta.
Ademais, a proposición non de lei incorpora a solicitude para que o Goberno central execute as obras comprometidas para a mellora das conexións desta autoestrada, como Alfonso Molina en A Coruña, a conexión da Vía Ártabra, o Enlace Orbital de Santiago, o Nó de Bombeiros en Pontevedra, medidas compensatorias para Chapela ou a integración urbana do ramal de entrada a Vigo.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, subliñou que “pedimos agora o mesmo que se negociou co Goberno de Mariano Rajoy en marzo de 2018 e que se ía executar cos orzamentos de aprobados para ese ano, pero desgraciadamente unha semana despois houbo unha infame moción de censura que levou a Pedro Sánchez ao goberno e, por desgracia para Galicia, paralizou todos os proxectos e investimentos previstos para a AP-9”.
“Todas estas demandas están orzamentadas e pódese facer cun goberno en funcións, pero que non funciona, e tamén se podían facer cando non estaba en funcións, pero tampouco funcionaba para Galicia”, sinalou.
FONDA PREOCUPACIÓN
Martín Fernández amosou a “fonda preocupación existente no PPdeG polos incumprimentos reiterados por parte do Goberno presidido por Pedro Sánchez en relación a asuntos prioritarios para Galicia como o futuro das empresas Alcoa ou a central térmica de As Pontes; o pago dos 700 millóns de euros que debe á Comunidade galega; o cumprimento dos prazos para a posta en marcha do AVE a Galicia; ou a construción de infraestruturas de comunicación estratéxicas, como a variante exterior de Ourense ou a estación intermodal de A Coruña”.
O portavoz popular lembrou a creación en 2017 dunha Comisión de seguimento entre a Xunta e o Ministerio de Fomento para abordar as principais cuestións relacionadas coa AP-9, “un órgano que mantivo catro encontros nos que se obtiveron importantes avances, como o aforro de 400 millóns de euros para Galicia ao volver atrás o acordo do Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas co Goberno de Zapatero para que os galegos pagáramos a bonificación das peaxes nos tramos A Coruña-A Barcala e O Morrazo-Vigo”.