Santiago, 8 de maio de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que, no prazo máximo de tres meses, elabore e presente en sede parlamentaria un informe no que se detalle o número de denuncias ou queixas presentadas nos últimos seis anos ante os servizos competentes por dificultar o uso dalgunha das linguas oficiais de Galicia por parte de administracións ou entidades públicas situadas na Comunidade galega, incluídos os órganos xudiciais, e das empresas e servizos privados, o tipo de resposta ofrecido e, no seu caso, as medidas adoptadas para reparar a vulneración do dereito dos cidadáns á libre elección de lingua.
A deputada popular Maribel Novo afirmou que “cremos nas medidas postas en marcha nos últimos anos, na transparencia e os resultados avalarán as políticas feitas en Galicia a prol do fomento da lingua galega”. “Non debemos utilizar o debate lingüístico como arma política, oportunista nin como elemento de confrontación, porque o que os galegos nos piden é consenso e avances para a nosa lingua”, engadiu.
Porén, Maribel Novo criticou que “unha vez máis a oposición non se desmarca do seu discurso catastrofista no ámbito da lingua, cando a realidade é que a nosa lingua non é un problema”. Así, incidiu que “Galicia é un modelo de bilingüismo cordial e harmónico, onde temos dous idiomas oficiais que conviven en equilibrio e que serve de modelo para outras comunidades autónomas nas que existen linguas cooficiais”.
Respecto das queixas en relación ao uso do galego, a deputada popular explicou que “son tramitadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que é o órgano da Comunidade galega que vela por todo aquilo relacionado coa nosa lingua e segue o mesmo procedemento en todas aquelas queixas que se presentan: abre o expediente co fin de orientar e resolver o obxecto da reclamación aplicando a lexislación vixente en cada caso e mantendo informado ao seu autor”.
AUMENTO DO USO DO GALEGO NOS BANCOS
Por outra banda, no debate doutra proposición non de lei sobre o uso da lingua galega polas entidades financeiras, a deputada Sandra Vázquez manifestou que “o Plan de Normalización Lingüística e o Plan de Dinamización da lingua galega no tecido económico recollen medidas para potenciar o uso do galego no ámbito das entidades bancarias”.
Estas medidas teñen como obxectivo crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados económicos e empresariais, así como as relacións laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua no ámbito económico, nas relacións laborais comerciais e empresariais; e utilizar o idioma galego para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia.
“Estas medidas están a funcionar e progresivamente aumenta o uso do galego por parte das entidades financeiras, e proba disto é que nos últimos cinco anos só se recolleron tres queixas ao respecto do uso da lingua por parte dos bancos en Galicia”, concretou Sandra Vázquez.