Santiago, 30 de xaneiro de 2019.- A portavoz de Emigración do Grupo Popular, Raquel Arias, defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta “continúe respaldando aos socios do Centro Galego de Bos Aires para acadar a mellor solución aos problemas que están a sufrir a entidade, intensificando o contacto coas autoridades arxentinas competencias en materia sanitaria, social ou cultural, asegurando a asistencia sanitaria aos socios; e ofrecendo toda a colaboración para garantir a protección do patrimonio cultural, artístico e bibliográfico desta entidade, incluída a habitación de Castelao.
Raquel Arias cualificou hoxe de “inviable” a proposición non de lei do Grupo do BNG sobre o Centro Galego de Bos Aires, por “estar chea de erros, de falsidades e de imposibles”. Deste xeito, criticou que os nacionalistas rexeitaran a emenda do Grupo Popular “demostrando o seu desinterese absoluto polos galegos da Arxentina, máis alá de xustificar a última viaxe da súa voceira ao país”.
“O máis preocupante é que os nacionalistas queren tomar decisións sobre uns bens privados, propiedade dos socios do centro, tamén privado, e que se atopa nun país estranxeiro e soberano”, manifestou a deputada popular. Neste sentido, apuntou que “todos os acordos que se adopten teñen que ser moi respectuosos coa vontade dos seus donos e do Goberno arxentino, algo que a señora Pontón tampouco aprendeu na súa viaxe a Bos Aires”.
A deputada popular explicou que a traxectoria do Centro Galego de Bos Aires dependeu, dende a súa creación, dos acordos dos socios. “Eles pediron axuda á Xunta no 2003 para xestionar o hospital, para o que se creou a Fundación Galicia Saúde, participada ao 50% pola Xunta; e os socios foron os que decidiron no 2011 desvincularse da fundación e rachar as relacións con Ospaña e tamén os que no 2012 pediron libremente a intervención do Goberno de Kirchner”, explicou. Por este sentido, sentenciou que “a Xunta acata, non impón”.
ASISTENCIA SANITARIA
Raquel Arias destacou que todos os galegos residentes na Arxentina teñen garantida a atención sanitaria, ben a través do sistema público universal ou dos mecanismos fixados polo Estado coa colaboración da Xunta.
Así, a deputada amosouse sorprendida de que os nacionalistas lle pidan ao Goberno galego un plan de viabilidade para rescatar “o hospital do centro con cartos de todos os galegos e galegas”, que acumula unha débeda estimada de 70 millóns de dólares provocada pola xestión do Goberno arxentino, “para prestar atención sanitaria privada a menos de mil galegos dos 170.000 que viven alí”. “É curioso que agora o BNG defenda a sanidade privada”, dixo.
Do mesmo xeito, para Arias resulta “incomprensible” que os nacionalistas pidan a restitución do Centro Galego como entidade integrada en Ospaña. Así, explicou que “se trata de dúas entidades privadas con personalidade xurídica propia, o Centro Galego é unha mutual e Ospaña é unha obra social, que se poden relacionar mediante convenios pero non pode entrar a formar parte a unha da outra”.