02, marzo, 2019. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, dixo que, mentres outras formacións queren demostrar o seu compromiso social con palabras baleiras, o Partido Popular faino con “feitos, cifras e logros”.
Así, salientou que, hoxe, Galicia ten o Goberno autonómico máis social da historia: 60.000 persoas dependentes atendidas, catro veces máis que en 2009; un 40% máis de prazas públicas de residencia e o triplo en centros de día que en 2009; 24.000 prazas de gardería, o dobre que hai dez anos; 4.400 persoas con axuda pública para pagar unha escola infantil, catro veces máis que no 2009; e máis de 15 millóns de euros aforrados en deducións fiscais por ter fillos, o dobre que hai unha década.
Por iso, para Feijóo, non é máis social quen máis veces o di, senón quen mellor garante a estabilidade do Estado de Benestar, porque é o que garante o estado de emprego.
DEZ ANOS DE SERIEDADE E SOLVENCIA
Durante a Convención de Benestar Social do Partido Popular, Feijóo referiuse ao un de marzo, día no que se cumpriron dez anos da vitoria electoral do PPdeG, unha data na que “Galicia dixo basta aos contos para falar das contas” e para que volvese a seriedade e a solvencia; e na que os cidadáns esixiron un goberno autonómico que lle ofrecese solucións en lugar de causarlles problemas.
Para o líder do PPdeG, contar coa confianza dos galegos é unha gran responsabilidade, xa que é con esa responsabilidade, dixo, coa que un goberno se centra no crecemento da economía e traballa para devolverlle a Galicia o prestixio exterior e apuntalar o Estado de Benestar. “Con responsabilidade superamos unha crise, consolidamos unha recuperación e construiremos un futuro para todos”, indicou.
Neste punto, aproveitou para recordar a herdanza de destrución de emprego e de orzamentos ficticios que o goberno bipartito lle deixou a Galicia. Dez anos despois, a nosa comunidade pasou de destruír cada ano 50.000 empregos a crear 20.000 novos ao ano, así como a crear máis emprego feminino ou a reducir o paro xuvenil. “Fronte a irresponsabilidade dos malos políticos, está a dignidade dun pobo que quere estabilidade, certezas e futuro”, salientou Feijóo.
Neste mesmo senso, referiuse, tamén, á etapa de José Manuel Rey como alcalde: un Ferrol que funcionaba, estable, no que se multiplicaban os proxectos e que pelexaba polo seu en Santiago, en Madrid e en Bruxelas. Pola contra, destacou que a herdanza da Marea de Podemos, é unha cidade conxelada, sen capacidade, sen ganas e sen ideas, sen rumbo e proxecto e que abandonou o naval á súa sorte. “Só quedan 90 días para que Ferrol diga alto e claro o que quere: prosperar, rexurdir, crecemento económico estable e emprego”, salientou Feijóo, quen dixo que José Manuel Rey foi o mellor alcalde no peor momento.
UN GOBERNO ELECTORALISTA
“Se o presidente do Goberno, desde que o é, non veu ningunha vez a Galicia, e o líder da oposición, desde que o é, está permanentemente en Galicia, a Galicia interésalle, sen dúbida, que Pablo Casado sexa presidente do Goberno”, salientou Feijóo.
Dixo que estamos na recta final dun Goberno “electoralista”, obsesionado en facer campaña electoral en cada Consello de Ministros, e dun presidente que só tomou decisións pensando nos seus intereses. Así, apuntou que o próximo 28 de abril haberá dúas posibilidades: ou que o PSOE, os populistas e os nacionalistas estean no goberno ou que, pola contra, se abra unha nova etapa para que un partido que xa estivo gobernando España nos momentos maiores dificultades volva a liderala.
E é que, tal e como indicou, o presidente Rajoy deixou unha herdanza de crecemento, estabilidade, unidade e igualdade entre españois, que Pedro Sánchez deteriorou para congraciarse cuns aliados que non cren en España. Apuntou que pasamos dunha España que crecía, a un país que freou en seco; dunha España que creaba máis de 7.600 postos de traballo ao día, a outra que destruíu 200.000 no mes de xaneiro; dunha España que funcionaba, con orzamentos aprobados e un goberno sensato, a un Goberno que leva 10 meses bloqueado e a un presidente que quere bloquear España outro ano máis.