4, marzo, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor que a estabilidade de Galicia siga protexendo aos galegos do Efecto Sánchez de destrución do emprego que supuxo a chegada do socialista á presidencia do Goberno. Así, tras coñecerse as cifras do paro do mes de febreiro, a nosa Comunidade é a segunda que rexistra un maior descenso do desemprego.
Segundo os datos, contamos con 14.498 parados menos, o que supón unha baixada do 7,70%, superando ao Estado en case dous puntos e medio e situando á Comunidade en niveis de paro de hai dez anos. Ademais, Galicia aumenta un 1,92% (18.822) o número de afiliados, encadeando case cinco anos de subidas consecutivas.
Logo da semana na que os populares conmemoraron o décimo aniversario do triunfo do presidente Alberto Núñez Feijóo, o número dous do PPdeG resaltou que “podemos observar que o voto ao Partido Popular foi útil para a creación de emprego e para a mellora de todos os indicadores da nosa economía”. Pola contra, lamentou que o legado que deixará Sánchez logo de apenas dez meses de Goberno será unha economía máis fráxil do que a atopou.
Xa na evolución mensual, prodúcese o segundo maior descenso do paro desde a crise, baixando a cifra en Galicia mentres sube no conxunto do Estado. Deste xeito, a Comunidade pasou de rexistrar seis febreiros consecutivos aumentando o número de parados con respecto ao mes anterior (2008-2013) a seis febreiros seguidos diminuíndo o desemprego (2014-2019).
Igualmente, a subida das afiliacións é maior que no Estado e supón o segundo maior incremento nun febreiro desde a crise, rexistrándose 176 afiliados máis ao día no último mes. “Galicia resiste á inestabilidade económica que provocou o goberno socialista porque aquí temos unha estabilidade institucional envexada no resto de autonomías”, subliñou Tellado.
GALICIA AVANZA NO CAMIÑO DA IGUALDADE
Por outra banda, o secretario xeral salientou a mellora do mercado laboral feminino, no que as 482.302 mulleres afiliadas á Seguridade Social representan case a metade do total; a afiliación aumentou o pasado ano un 2,13%; e seis de cada dez asalariadas contan cun contrato indefinido e a tempo completo, superando a España en case medio punto. Así mesmo, acadamos a menor cifra de paro feminino nun mes de febreiro de toda a serie histórica, o desemprego baixou no último ano nun 6,52%, a taxa de paro feminina é a menor dos últimos dez anos e catro de cada cinco mulleres que abandonaron as listas do paro no último ano eran paradas de longa duración.
“Galicia avanza cara á igualdade efectiva entre homes e mulleres, somos a segunda Comunidade con maior ritmo de crecemento dos salarios femininos e a fenda salarial reduciuse desde o inicio da crise en case catro puntos”, sinalou ao tempo que recoñecía que, malia que queda moito por facer, “temos que ser máis ambiciosos e máis esixentes, sendo imprescindible a implicación de todos os axentes económicos e sociais para seguir por este camiño”.
Neste sentido, recordou que o Goberno galego seguirá impulsando o programa Emprego en Feminino co que se traballa para mellorar a incorporación das mulleres no mercado laboral, o seu desenvolvemento profesional e empresarial, e a responsabilidade pola igualdade das empresas. Desde a súa posta en marcha, esta iniciativa xa conta con 35.000 beneficiaras e máis de 60.000 servizos a través de medidas como as axudas para a contratación Emprega Muller, o acceso prioritario á formación, o programa Executivas de impulso a habilidades directivas, axudas ás pemes que implanten plans de igualdade ou medidas de protección da maternidade.
Por último, Tellado apuntou que tamén se seguirá apostando por medidas que fomenten a conciliación como a nova Estratexia galega de RSE para que Galicia sexa máis igualitaria, responsable e competitiva; e que, a partir de agora, primarase nos concursos públicos ás empresas que axuden a conciliar.