Santiago, 26 de marzo de 2019.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe o informe da Conta Xeral da Comunidade galega correspondente a 2016 no que se constata que a Xunta “segue introducindo melloras na súa xestión orzamentaria e financeira, cumprindo ao mesmo tempo os obxectivos de estabilidade orzamentaria e cunha evolución positiva de indicadores ao duplicar o aforro bruto ata os 450 millóns de euros e conseguindo un aforro en xuros da débeda de 65 millóns de euros”, sinalou a deputada popular Cristina Romero.
“Esta tendencia continuou nos anos 2017 e 2018, contando este último ano, por primeira vez desde 2002, cun superávit de 125 millóns de euros”, destacou Romero, quen criticou que este superávit “estea a financiar o déficit que está a xerar o Goberno socialista de Pedro Sánchez cos seus venres electorais”.
Cristina Romero subliñou que “cada novo exercicio fiscalizado polo Consello de Contas atopámonos con máis logros e máis indicadores da boa xestión da Xunta de Galicia”. “Un ano máis, quedou demostrado que Galicia cumpriu co obxectivo do déficit do 0.7 por cento, cumpriu as previsións da evolución do PIB e da taxa de paro, cumpriu o obxectivo de débeda e cumpriu o límite de carga financeira”.
“Galicia pasou de estar en 2009 entre as comunidades con máis débeda a ser a quinta con menor endebedamento, recoñecéndose ademais a importante mellora do índice de sustentabilidade que nos permite facer fronte sen problemas a este endebedamento”, salientou.
EXECUCIÓN ORZAMENTARIA DO 96 POR CENTO
A deputada popular explicou que os informes do Consello de Contas respecto do exercicio de 2016 confirman que se acadou unha alta execución orzamentaria, situándose no 96 por cento; reduciuse notablemente o uso das modificacións orzamentarias, un 56 por cento inferior ao exercicio anterior; baixouse o gasto desprazado, acumulando un 44 por cento desde 2013; estableceuse un maior control e unha mellor xestión da tesourería; e constatouse que somos das comunidades autónomas que paga mellor e máis rápido aos provedores”.
“Esta tendencia continuou nos anos 2017 e 2018, confirmando que esta boa xestión económica permitiu neste último ano contar por primeira vez desde 2002 cun superávit de 125 millóns de euros”, manifestou Romero. Porén, criticou que este superávit de Galicia “estea a financiar o déficit que o Goberno de Pedro Sánchez está a xerar cos seus venres electorais, unha mostra máis do constante e continúo agravio do Goberno socialista coa Comunidade galega”.
VENRES ELECTORAIS A CONTA DO ESFORZO DOS GALEGOS
“Os que apoiaron os peores orzamentos do Estado para Galicia en moitos anos deberían lembrar que o déficit que están a xerar os venres electorais do Goberno de Pedro Sánchez estanse a compensar co esforzo de todos os galegos para, cunha xestión financeira exemplar, ter un superávit orzamentario”, apuntou.
Neste sentido, demandou “responsabilidade” aos grupos da oposición para recoñecer “a positiva xestión da Xunta e unirse á reivindicación do Presidente Feijóo e demandar que nos deixen gastar en políticas sociais os 125 millóns que nos corresponden polo superávit conseguido”.