Santiago, 26 de marzo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobará mañá mércores unha proposición non de lei do Grupo Popular na que pedirá ao Goberno Central unha rectificación do borrador de estatuto electrointensivo para que inclúa as alegacións que trasladou a Xunta logo de consensualas coa industria.
Entre outras cuestións, a proposición non de lei reclama unha categorización das empresas electrointensivas, co obxectivo de que se poidan atender as necesidades concretas de cada empresa en función do consumo enerxético que teña o seu proceso produtivo; o establecemento de compensacións polo pagamento de renovables; a habilitación do dereito ás compensacións desde o punto vista fiscal e dos descontos por peaxe; ou a introdución das compensacións que habilita a propia Comisión Europea derivadas das propias poxas de CO2, coa finalidade de permitir unha suficiencia financeira axeitada para dar resposta ás empresas electrointensivas.
Ademais, solicita que estas medidas sexan retroactivas desde o 1 de xaneiro co obxectivo de que as empresas poidan ter unha certeza sobre os custos enerxéticos que terán que asumir durante 2019.
PARTICIPAR NA POXA DE INTERROMPIBILIDADE
Na iniciativa, o Grupo Popular tamén demanda ao Goberno as modificacións normativas necesarias para que a planta de Alcoa e as demais electrointensivas poidan participar na poxa de interrompibilidade do segundo semestre do ano, así como que o haxa máxima transparencia e cooperación institucional respecto ás coas empresas ou fondos que están interesados en Alcoa Coruña.
Tamén se demanda que se manteña o contacto cos traballadores das empresas e cos seus representantes sindicais para acordar a continuidade da actividade industrial e para a defensa dos postos de traballo.
Durante a súa intervención no Pleno, o viceportavoz do Grupo, Miguel Tellado, lamentou que Pedro Sánchez “tense convertido no maior perigo que afronta hoxe a nosa industria”. Así, sinalou que “a inoperancia do Goberno socialista ten incidido negativamente en sectores coma a automoción, o naval, as centrais térmicas ou o forestal, que empregan a milleiros de persoas na Comunidade galega”.
ACORDO SOBRE FERROATLÁNTICA
Por outra banda, no debate dunha moción sobre a industria electrointensiva e o expediente de regulación de emprego temporal presentado pola empresa Ferroatlántica, o Grupo Popular apoiou solicitar á Xunta que manteña un contacto permanente cos traballadores e traballadoras desta factoría en Galicia e coas corporacións municipais dos concellos afectados para defender o mantemento dos postos de traballo e da actividade produtiva.
Así mesmo, esixiuse ao Goberno central a inmediata aprobación do Estatuto de Electrointensivas e o seu consenso co sector electrointensivo galego, así como que non aplique na industria galega da suba de prezo da enerxía por mor da aplicación dos suplementos territoriais en canto non se resolvan os recursos pendentes.
VISITA DE TERESA MALLADA
Representantes do Grupo Popular recibiron este martes no Parlamento á candidata do PP á presidencia do Principado de Asturias, Teresa Mallada, para compartir as posibles solucións para acadar a viabilidade das factorías de Alcoa da Coruña e Avilés, así como o mantemento dos postos de traballo e a actividade industrial nas comarcas afectadas.