Santiago, 10 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de PSOE, En Marea e BNG, a través da que se expresa o rexeitamento ao cambio de criterio da Avogacía do Estado de allanarse aos recursos interpostos contra a prórroga outorgada á factoría de Ence en Pontevedra, e demándase ao Goberno do Estado que asuma un compromiso expreso cos máis de 5.000 postos de traballo ameazados e as 80.000 familias galegas que verían afectadas as súas rendas da venda da madeira, e rectifique esta decisión. Tamén se lle pide que avalíe os custos que esta declaración de nulidade da prórroga podería ter para o erario público en concepto de responsabilidade patrimonial do Estado.
O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira afirmou que esta decisión do Goberno do Estado “é reprobable nas formas e no fondo”. Nas formas, porque “é inaudito e inadmisible que unha decisión deste calado non se lle teña trasladado previamente á Xunta de Galicia”; e no fondo porque a Avogacía do Estado “mudou o seu criterio favorable á prórroga do ano 2015 e agora declara que non se axusta á lei”.
AMEAZA AOS POSTOS DE TRABALLO
“Que o Goberno do Estado baixe os brazos no litixio xudicial, renunciando a defender un procedemento administrativo que tramitou e aprobou a mesma Administración, leva á cidade de Pontevedra a ver ameazados os máis de 5.000 postos de traballo que supón o funcionamento desta factoría entre empregados, provedores e produtores forestais”, sinalou o deputado popular.
Así mesmo, explicou que esta decisión “causa un profundo impacto socioeconómico para a bisbarra de Pontevedra e para toda Galicia e pon en risco os ingresos de máis de 80.000 familias que venden a súa madeira en Galicia, e que ingresan anualmente 300 millóns de euros”. “Esta actitude do Goberno socialista implica que a industria forestal galega se sitúe nun escenario de perda do seu liderado en exportacións a nivel estatal, coa eliminación do tráfico portuario da terminal de Marín-Pontevedra de 400.000 toneladas anuais, o 60 por cento do total da mercancía xeral convencional que saen por mar desde Pontevedra”, engadiu.
Entre as consecuencias inmediatas provocadas por esta decisión, Jacobo Moreira citou “a conxelación inmediata dos investimentos previstos pola empresa no plan de negocios para este complexo, postergados ata coñecer que ocorrerá con este procedemento”, co agravante de que “xa anunciou o desvío de 500 millóns fóra de Galicia”.
DESCRÉDITO INSTITUCIONAL
Ademais, lamentou que “a imaxe e o descrédito institucional xerado por este cambio da Avogacía do Estado fai un enorme dano ao país enteiro”, porque “os inversores non invisten onde hai inseguridade xurídica”. “Ninguén vai confiar os seus investimentos a unha administración que hoxe outorga un informe favorable a unha instalación e dous anos despois a revoca”, apuntou.
Jacobo Moreira explicou que “este xiro do Goberno socialista ten máis damnificados, moitos dos cales aínda non son conscientes de que están afectados”. “O PSOE quería prexudicar a Ence, pero non se deu conta de que esta decisión, que agora se acompañará dunha modificación do regulamento da Lei de Costas, vai afectar a outras industrias que están en dominio público marítimo terrestre, como as empresas conserveiras, as depuradoras, cocedeiros e instalacións de acuicultura, así como equipamentos como colexios, institutos ou instalacións deportivas”, dixo.