Santiago, 10 de abril de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, explicou hoxe no Pleno que “a diminución do gasto da Xunta no programa de atención primaria entre os anos 2009 e 2018 débese fundamentalmente á redución do gasto en receitas e á eliminación do fondo de continxencia”. Así mesmo, considerou que “subir os impostos da clase media para mellorar a sanidade non é a solución”.
Aurelio Núñez concretou que a diferenza do gasto en atención primaria entre os anos 2009 e 2018 é de 223 millóns de euros, dos que 155 millóns corresponden ao descenso no gasto en receitas pola utilización de xenéricos e as diferentes medidas de racionalización da prestación farmacéutica adoptadas nos últimos anos, e outros 54 millóns á non consignación do fondo de continxencia.
Na actualidade, Galicia conta para a atención primaria con 469 centros de saúde e 91 puntos de atención continuada, ademais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061. “Arredor de 38.000 profesionais traballan en todos os centros sanitarios do SERGAS, o que representa un incremento de 1.544 traballadores respecto a 2008”, dixo Aurelio Núñez.
Ademais, puntualizou que “neste incremento inclúense un 7 por cento máis de médicos de familia e un 6 por cento máis de persoal de enfermería”. “Entre 2009 e 2017 téñense convocado 6.133 prazas nas distintas ofertas de emprego, e para este ano tense publicado unha nova oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do SERGAS para un total de 1.616 prazas”, engadiu.
MELLORAS NA ATENCIÓN PRIMARIA
O portavoz popular referiuse, por outra banda, ás melloras incorporadas na atención primaria, como a implantación da historia clínica electrónica, a receita electrónica, o programa IANUS (que permite ao médico de familia a consulta de todo o historial do doente e as súas probas diagnósticas) ou a implantación da consulta telefónica.
Núñez Centeno manifestou que a actividade diaria do SERGAS abrangue 800 intervencións cirúrxicas, 12.300 probas diagnósticas, 20.500 consultas hospitalarias, 5.200 estancias hospitalarias, 7.000 urxencias, 1.200 sesións en hospitais de día e 300 atencións de hospitalización a domicilio. Así mesmo, en atención primaria realízanse 103.500 consultas diarias, das que 10.100 son telefónicas, e aténdense anualmente máis de 1,5 millóns de urxencias, cunha resolución no centro de saúde ou PAC do 91.28 por cento.
“Estas cifras amosan a realidade da sanidade pública galega e casan pouco coa imaxe da mesma que queren transmitir os grupos da oposición, algúns sindicatos e outros colectivos sanitarios”, lamentou.
Aurelio Núñez criticou a proposición de lei defendida polo BNG para a mellora da atención primaria sanitaria porque “propoñen incrementar a recadación subindo os impostos á clase media”. En concreto, apuntou que “modifican a escala do imposto sobre a renda, prevendo recadacións totalmente irreais; eliminan as bonificacións no imposto de sucesións e doazóns aprobadas polo PPdeG en Galicia; e propoñen un imposto ás grandes superficies que iamos pagalo, dunha ou doutra forma, todas as persoas que facemos compras nestes establecementos comerciais”.