Santiago, 7 de maio de 2018. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o PPdeG sexa o único que “trae ao Pleno desta semana debates importantes e de actualidade como a situación da Xustiza en Galicia, a recente viaxe do Presidente da Xunta a México ou a situación da Unión Europea nun momento no que se está a abrir a negociación sobre o plan orzamentario plurianual”.
Puy afirmou que o Grupo Popular “trae a esta sesión plenaria un debate sobre a Administración de Xustiza en Galicia co obxectivo de mellorar este servizo público coa creación de novas unidades xudiciais, para atender as necesidades obxectivas estruturais e para facilitar unha solución ao conflito existente”.
PRONUNCIAMENTO DA OPOSICIÓN
Neste sentido, salientou que, “unha vez que a Xunta cumpre o mandato parlamentario aprobado nesta Cámara para poñer fin á folga, entendemos que este é un debate importante porque o conflito está afectando a moitas familias, traballadores e á sociedade en xeral, e debe poñerse fin en canto sexa posible”. “O debate tamén servirá para ver se a oposición dunha vez se pronuncia sobre os feitos acontecidos en relación cun proceso electoral que deixou moito que desexar, á vista do que os propios representantes sindicais manifestaron”, apuntou.
O Grupo Popular tamén trae ao Pleno a viaxe que o Presidente da Xunta realizou a México a pasada semana. O obxectivo é que o Goberno galego faga unha valoración dunha visita na que estivo acompañado de 45 empresarios galegos que participaron en actividades comerciais con posibilidades de negocio en sectores como as TIC, a alimentación, a automoción ou o sector naval, ademais dos contactos políticos establecidos con autoridades mexicanas, encabezadas polo seu Presidente, Enrique Peña Nieto, e as reunións coa colectividade galega nese país americano.
CUALIFICATIVOS QUE NON SE SOSTEÑEN
Respecto das críticas realizadas polos grupos da oposición, Pedro Puy manifestou que “estamos escoitando cualificativos que non se sosteñen por si mesmos e responden á súa postura habitual do non polo non”. Ademais, asegurou que “sería imposible ter semellante axenda de contactos e de acompañamento de empresas se fora improvisada”.
En terceiro lugar, o portavoz popular subliñou que “tamén somos o único grupo parlamentario que trae ao Parlamento unha proposición non de lei sobre o proceso de construción europea, xusto no momento no que se está a abrir a negociación do plan de financiamento plurianual e afronta importantes cambios e transformacións”. En concreto, explicou que esta iniciativa “non só pretende afondar no proceso de integración europea, senón que o facemos nun momento de política global no que a Unión está a atravesar un dos momentos máis importantes desde a súa creación, polo abandono dun dos estados máis grandes e pola situación que está a provocar a postura respecto do comercio internacional que mantén o presidente dos Estados Unidos”.