Santiago, 9 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que se reafirma o compromiso de todos os galegos coa Unión Europea, que representa a paz e a convivencia pacífica, solidaria, próspera e a loita por unha sociedade máis igualitaria. En concreto, a iniciativa solicita, entre outras cuestións, intensificar a cohesión económica, social e territorial, en especial no que atinxe ao mantemento das políticas de cohesión, ao reforzo da cooperación transfronteiriza e ao impulso das conexións ferroviarias.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou que esta iniciativa “reivindica unha unión máis estreita, fundamentada nos valores da confianza e a cooperación entre países para garantir os dereitos e liberdades”. Neste sentido, indicou que a Unión Europea “vive na actualidade unha nova crise a nivel político, económico e institucional”.
Esta situación “puxo en evidencia a necesidade de fomentar unha mellor convención das autoridades monetarias; a necesidade de reforzar a curto prazo a cohesión, as políticas agrarias e a cooperación transfronteiriza”, sinalou Puy, quen tamén fixo referencia á “ameaza de certos movementos populistas que cuestionan a Unión Europea, cuxos efectos remataron coa revolta do Brexit”.
A través desta proposición non de lei, aprobada cos votos do Grupo Popular e o Grupo Socialista, o Parlamento “acorda proclamar o seu decidido apoio ao proceso de integración europea, para culminar axiña unha Unión máis estreita, un mercado interior tan eficiente como equitativo e xusto e unhas Institucións que enchan plenamente de contido a divisa de Unida na diversidade, que sintetiza o cerne desta Unión”.
Así mesmo, insta á Xunta a desenvolver a súa acción exterior e as súas demandas ante as institucións europeas para reforzar o principio de confianza mutua e cooperación leal entre os Estados membros que compoñen a Unión Europea, en todos os eidos e todos os ámbitos. Tamén se pon de manifesto a necesidade de vigorizar a diversidade cultural e lingüística europea.
A proposición non de lei incorpora a necesidade de afondar na subsidiariedade, pensando en especial nas rexións, estados federados e comunidades con competencias lexislativas, que debe materializarse en novos pulos ao Comité das Rexións, elevando as súas competencias, mellorando a súa interlocución co Parlamento Europeo, co Consello e coa Comisión Europea, dotándoo de plena lexitimación perante o Tribunal de Xustiza, e todo en liña co plasmado na vixente Estratexia Galega de Acción Exterior.
Por último, reclama unha mellor arquitectura da Unión Económica e Monetaria, que permita afrontar coa debida seguridade hipotéticas crises futuras e actuar proactivamente para defender os dereitos sociais dos nosos cidadáns, con iniciativas como a cofinanciación dos seguros de desemprego e a verdadeira europeización da formación profesional e da educación en xeral das novas xeracións, nun mercado interior idéntico en esencia a calquera mercado nacional.