05, xullo, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, exerceu o seu dereito a voto esta mañá en Ferrol para a primeira volta do Congreso Nacional do Partido Popular, e alí expresou que considera que “este é un primeiro paso para poder recuperar o Goberno de España coa maior brevidade posible”.
Segundo manifestou, “do que se trata é de fortalecer entre todos a un PP que ten que seguir sendo referente político do noso país, temos o grupo parlamentario máis amplo e temos unha gran responsabilidade como primeiro partido de España e de Galicia”. Por este motivo, remarcou que este proceso debe servir para renovar, reilusionar e reconectar coa maioría social do noso país xa que “é unha gran oportunidade para que o PP saia reforzado”.
Ademais, sinalou que hoxe é un día moi importante para a súa formación política, sendo a primeira vez na súa historia na que os afiliados poden votar de forma directa nunha urna a quen queren como presidente do partido, polo que agardan que participe o maior número posible de afiliados na consulta. “É un avance moi importante no que significa a democratización interna do noso partido”, engadiu.
Tellado tamén lembrou que os afiliados escollerán a dous dos seis precandidatos e despois serán os compromisarios, que tamén son representantes dos votantes, os que elixan ao presidente do partido os días 20 e 21 de xullo. Polo tanto, trátase dun sistema de elección directa e indirecta de dobre volta, participativo e democrático, que supón un avance significativo para un partido onde os afiliados queren ter voz e voto de forma directa e ” hoxe é o día”.
POLÍTICA DE INTEGRACIÓN
Por outra banda, Tellado aseverou que, mentres a algúns partido válelles estar no Goberno co peor resultado da súa historia, os populares teñen claro que “para gobernar só vale gañar”. “Queremos gañar gañando e isto significa abrir o partido á sociedade, contar con máis xente e facer un proxecto máis plural, amplo e participativo”, salientou.
Nese senso, apuntou que no PP cren na política de integración, polo que defende que a persoa que gañe o Congreso debe contar con distintas sensibilidades e con persoas doutras candidaturas para incorporalas ao seu proxecto. “Este debe ser un partido que ten que funcionar con portas e ventás abertas, onde poida participar todo o mundo porque non sobra ninguén, falta xente”, dixo antes de insistir en que o obxectivo é facer un equipo plural gañador que permita ser primeira forza política e ser Goberno de España tan pronto se convoquen Eleccións Xerais.
Por último apuntou que dende o PPdeG preferiron manter a neutralidade para tratar de respectar a autonomía dos afiliados, deste xeito os militantes poderán exercer o seu dereito a voto libremente. “Todos os votos valen o mesmo e suman na mesa dirección para crear un proxecto vivo, dinámico e ilusionante”, sentenciou.