Santiago, 10 de xullo de 2018. A portavoz do Grupo Popular para asuntos relacionados coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Raquel Arias, defendeu hoxe no pleno do Parlamento a efectividade da Lei de medios públicos audiovisuais de Galicia aprobada no ano 2011 cos votos a favor dos grupos parlamentarios do PPdeG e do PSdeG e que se leva aplicando dende entón.
A deputada Raquel Arias manifestou que esa norma “adecúa as prestacións de servizo público da CRTVG ás novas esixencias dun sector e dun mercado cada vez máis dinámico e innovador, e que garante que ese servizo público se leve a cabo con independencia e profesionalidade”.
Arias defendeu que esta norma “está funcionando e os resultados son completamente visibles”, polo que apuntou que “facer cambios nestes momentos só serviría para distraer a atención no seu cumprimento”. Ademais, cualificou a proposta socialista de “cortina de fume para non falar do modelo de intervención e intercambio de favores que está impoñendo Pedro Sánchez en RTVE”.
Con respecto ao nomeamento do director ou directora xeral da CRTVG, Arias lembrou que en Galicia a lei 9/2011 no artigo 23 esixe unha maioría cualificada de 2/3 da Cámara, polo que se trata dunha decisión que non depende da implicación parlamentaria senón da existencia do necesario grao de consenso.
APOIO AO AUDIOVISUAL
Raquel Arias incidiu no compromiso da CRTVG co sector audiovisual galego dende a súa creación, destinando máis do 6 por cento dos seus ingresos totais á promoción de producións feitas en Galicia, outra das demandas dos socialistas e que se leva cumprindo dende a súa creación.
Do mesmo xeito, o Grupo Popular rexeitou a petición do Grupo Socialista de ampliar o tipo de ingresos que se teñen en conta á hora de calcular ese 6 por cento ao igual que fixo o Tribunal Supremo nunha sentenza do 28 de xuño e anteriormente o TSXG, que desbotaron a mesma petición formulada por unha asociación e cuxo informe de base estaba asinado polo actual voceiro do PSdeG, Xoaquín María Fernández Leiceaga.
ESTATUTO PROFESIONAL
A deputada popular explicou que o Consello de Administración está traballando nestes momentos nos alicerces do Estatuto Profesional en colaboración, nunha primeira fase, cos diferentes estamentos da CRTVG que inclúen a parte social.
A elaboración deste documento en tres meses era unha das peticións dos socialistas na súa proposición de lei, unha limitación temporal que para Arias “non parece razoable, xa que o Parlamento non debe impoñerlle prazos ao Consello de Administración”, a non ser que “queiran interferir no traballo dos membros do Consello”.
Neste sentido, lembrou que o artigo 18 da lei establece que estes “actúan con independencia e neutralidade, sen que poidan recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Goberno, da Administración, dos partidos políticos ou entidades”.